Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 ottobre 2007

OGROBE

Será porque a miña primeira filla naceu alí e aprendeu a camiñar por entre os arumes dos piñeiros da Toxa ou porque vivín un par de anos entre aquela xente bravú e xenerosa ou porque probei as mellores escumas de mar entre as súas praias (a Lanzada por riba de todas) ou porque disfrutei da súa luz brilante de illa, vento e salitre, a verdade é que quero dun modo moi especial a Ogrobe. Hoxe ademáis ten como alcalde a un antigo alumno (talentudo e boa persoa: os meus desexos de que todo lle vaia ben). En fin, todo esto explica a nosa querencia anual (non sempre cumprida) de acercarmos á súa Festa do Marisco. Este ano van pola edición XLIV e, como sucede desde os últimos anos, o número de días adicados a tal molicie vai in crescendo, sen menoscabo dos seus sinais particulares: unha razonable (racionable, máis ben) e suculenta oferta de pratos, unha organización perfecta, unha limpeza exquisita e unha eficacia no servizo verdadeiramente extraordinaria. Por iso, non é difícil asegurar que se trata da mellor festa gastronómica de Galicia (e, como redundancia que non evito, do mundo). A "bulla" nestes días, hoxe concretamente, foi escasa, pero, como todo o mundo sabe, durante estes días vai a máis, ata rematar no fin de semán seguinte (ponte festeira coa que fan coincidir o rito pantagruélico) cando chegan á península ogróbica vándalos, alanos e, sobre todo, suevos, abofé que famentos, a papar nécoras, libar albariños e durmir a prea toda a tardiña para empalmar (con perdón) coa noite para entregarse a praceres indómitos, que prefiro silenciar. Nestes intres de euforia (tras o enésimo golazo de Messi) só alcanzo a declarar: "Cacabelos, longa vida á Festa do Marisco".

7 commenti:

Zerovacas ha detto...

Teño que recoñecer que as festas gastronómicas agóbianme un tanto (depende da organización e do espazo físico, máis ben, supoño) e que prefiro a empanada ao marisco (confesión), pero haberá que ir un ano ao Grove (cando menos para cantar os goles de Messi)

arume dos piñeiros ha detto...

Confeso que a mín tampouco me gustan; de feito non vou a case ningunha. Por iso resalto o mérito da ogrobense porque reúne todo o que un pode pedir a unha festa. E vou engadir a risco de ser zoupado: unha festa cun nivel de organización europea, da que poidamos sentirnos orgullosos. Traballa toda a vila cunha orde e cunha eficacia dignas de todo encomio.

arume dos piñeiros ha detto...

Por suposto, amigo Zerovacas, aínda non rematou, porque ata o 14 está aberto. O meu amigo Cacabelos seguro que estará encantado en recibilo.

Xaime ha detto...

Bonita foto dende a Siradella.

apicultor ha detto...

Paso duramente das festas gastronómicas. Que agobio de xente!

Xoan da Coba ha detto...

Eu a que case nunca perdo é a da ostra de Arcade.

torredebabel ha detto...

os lugares son o que neles vivimos ou no que neles nos pasa ou non nos pasa. O que imaxinamos, o que nos dixeron. Os lugares son moito máis do que son.