Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 ottobre 2007

SANTIAGO NO CORAZÓN


Onte, nunha reunión de vellos amigos na que eu era un convidado un tanto alleo, falouse e moito da política nacional. Pero tamén da intelligentsia galega. Saíron nomes, que non podo reproducir, e apelidos de moita xente. A máis dun caeulle un bó traxe, con argumentos de peso ("bó rapaz, pero corto"), pero o máis interesante xurdiu cando falabamos de medios de comunicación.

O que propiciou o debate foi a consideración dun dos intervintes de que en Santiago mirábanse o embigo (a chamada onfaloscopia) e tiñan unha visión non curta, senón curtísima da vida política galega. A súa impresión baseábase no escaso roce coa chamada "realidade real" de moitos dos escritores e intelectuais (ou simplemente colaboradores columnistas de xornais), que adoitan moverse entre apenas dous espacios: o centro educativo onde como funcionarios soen traballar e a cafetería onde atopan a outros da súa mesma caste ou no mellor/peor dos casos a xente que recorre as covachas de san Caetano.

O aludido, que non negaba tal cousa, argumentaba que ese tal mundiño compostelán non existe e que, en todo caso, non era nada comparado co poderío fáctico emanado desde Coruña co seu buque insignia La voz de Galicia. A partir daí desatouse unha diatriba brutal, procedente de todos os lados, contra La voz ("a cidade da cultura, se estivera na cidade de Paco, xa estaría máis ca feita, con Santiago Rey inaugurándoa ao lado do rei," asentiron todos), contra o Faro, con menos saña por falta de tempo, aínda que un lembrou que o xornal non era galego, senón mallorquín; contra La Región e contra todo o que se puxera por diante. Sobre El correo gallego tamén se lanzaron acusacións (ou admiracións, nunca se sabe), encol do seu espíritu lampedusián que permite canchas para todo deus, pero sobre todo para os máis próximos ao poder, agora pois para o bipartito. Falaron de cuotas nos xornais para cada un dos partidos e falaron tamén das cuotas na tvg e na rg entre os dous partidos do goberno. Cuotas, subvencións, maniobras, intrigas. A Corte no seu esplendor.

Funme coa sensación de que efectivamente eso que motivou a discusión, o mundiño intelectual compostelán e a súa curtedade de miras, existe, malia o noso amigo, que, sinalando para o norte poderoso, aceptaba implícitamente que ese mundo de tertulia cafeteira trasladada aos xornais non era máis ca cháchara improductiva, pouco acaída coas cousas que acontecen na rúa.

Polo que puiden logo saber, este noso amigo incombustible levaba unha leve melanconía para a capital xa pola noite.

10 commenti:

Xaime ha detto...

Perdóeme, pero estalle ben por xuntarse con esa clase de tropa.
Adíquese a súa/nosa Elvirina, o Xan da Coba, al itálico modo, os seus platos e os seus viños, os seus e a NÓS

Xaime ha detto...

Hai e esquencía o Barça. Por certo o de hoxe, vaia roubo.

occam ha detto...

Xa sabe como é a canallesca e a xentalla que a rodea...

apicultor ha detto...

Aquí cúrtanse -e curtamos- traxes case todos os días. Ninguén se libra, tarde ou cedo. Os que máis están no "candelabro" son os que máis roupeiro teñen, pero todos temos varios traxes segundo a tempada (tócalle agora ao outono-inverno). E o malo do asunto é que moitas veces eses traxes acaen -acáennos- perfectamente. Non dan -non damos- para máis!

r.r. ha detto...

Ai, calo que xa llo dixeron todo o Apicultor e Xaime.
¡Saúde!

Xoan da Coba ha detto...

Tan lonxe hoxe semellan
A Alameda,A Quintana
e a Catedral
E aquelas noites de botellas
xogando a ser "Don Xoan"...

Xoan da Coba ha detto...

Eu,particularmente,estóu un pouco canso do centralismo santiagués.

Con Compostela,pasa o que decía Risco de Madrid,no "Porco de pé": Calquera cousa parece importante se se fai alá,e a discusión logo deriva en charla toponímica.

Xaime ha detto...

Ainda que redunde, dende hai anos cando ós de fora imos a Compostela sempre nos abruman con líos, segredos, vías, pláns, estratexias, cambios de goberno etc, etc, ata cansar, que o principio parecenos que nos están a descobrir o Grial; co tempo, xa imos por cumplir, as máis das veces co tempo xusto para non desairar, pedimos a mesma comida de sempre, eles sorpréndense que aínda andes por aí, bebemos o mesmo viño, cando eles xa catan colleitas de non sei que borgoña ou Ribera, e a hora do café, só con gotas. Que ordinario.
Tiven catro conselleiros amigos e agora teño tres, e altos cargos unha morea deles e sinto decilo pero non valen un peso, son unhos pesados, intrigantes, cheos de vanidade e por riba como saben que non son da súa corda, están continuamente chamando para saber dos contrarios.
De un tempo a esta parte disfruto con vostedes ( e ca miña dona por si o lé)

oko ha detto...

o dos xornalistas de compostela e pura endogamia. cada vez que falo cos amigos e lles pregunto como vai a cousa, só me falan do que pasa pola capital...

Xoan da Coba ha detto...

É que se algo non pasa en Compostela,sinxelamente "non pasa".