Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 ottobre 2007

ARTHUR HOUSES VOUCHERS

Coñecino na Facultade coa súa estampa sempre erguida. Disfrutei del por primeira vez no Derby nunha tertulia memorable, con Miguelanxo Prado por medio aínda por famosar, na que contaba os seus terrores (compartidos) diante do peluqueiro cando este procedía a cortarlle en liña recta o que el chamaba a perreira. Souben que era socio desde o mesmo nacemento do equipo da cidade vella herculina o Sporting Ciudad e que frecuentaba poetas, músicos de jazz e demáis raleas aló polas Galicias adiante.
Coincidín con el máis tarde no noso primeiro traballo aló no CULU, a par do Miño en Augas Férreas. Naquela fraga que rodeaba o aparcamento, pasamos frío mentres debatiamos as nosas teses respectivas cunha sorna implacable: aínda hoxe non sei como rematamos. Tal vez porque nos separamos e logramos evitar que a nosa ironía (mezclada cunha sanísima mala hostia) fora tan destructiva. Viviamos (ou bebiamos) en Lugo como bohemios de día, comatosos a esa hora da tarde en que a friaxe sobrevive a sí mesma entre a néboa, xusto antes de darmos unhas clases case perfectas ou de recorrermos a muralla a gargalladas ou co sorriso nos labios. Foi o meu compañeiro naqueles días en que Lugo era unha festa e la vie era en rose: a persoa máis viva, máis intelixente, coa verba inxeniosa sempre alerta, que eu coñezo. O tempo (eu para Vigo, el para Santiago) separounos e as nosas vidas tomaron camiños diversos. Sei da súa vida porque pregunto, porque me interesa, pero temos poucas oportunidades para vernos.
Hoxe escribiume unha carta por correo electrónico. E alí estaba, cariñoso coma sempre, encantador, co seu estilo envexable e admirable cheo de inxenio e talento. Unha bágoa asomou polo rostro e deixeina caer con total libertade. Moitos bicos, Arturo.

3 commenti:

Lula Fortune ha detto...

Suscribo e me sumo a eses saúdos. A ver si se poden convertir en aperta real!!!

Anonimo ha detto...

¡Ei, coidado! Que aparte do Sporting Ciudad está o Deportivo Ciudad, e a rivalidade entre ambos é das de ser escrita...
r.r.

Xaime ha detto...

Sabe que está soando o carón da miña casa.... Europa ha muerto.