Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 dicembre 2007

AZZURRO IL POMERIGGIO CO CDG


Twelfth night ou What you will é unha comedia non moi longa de enredos e enganos, cun ar indiscutible a farsa e a entremés. Concebida por Shakespeare como divertimento cortesán para a noite de epifanía (non estrictamente dos Reis Magos) e representada varias veces pola Candelaria (debía de ser festa de disfraces próxima ao entroido pero tamén ás saturnalia antigas), a peza xoga con todos os resortes característicos da representación cómica e da novellesca italiana e humanista: xemelgos separados nun naufraxio, disfraces transexuais (e amores homosexuais como consecuencia), descubrementos sorprendentes (eso que chamamos á pedantesca anagnórese), liadas amorosas (cun puntiño sempre sexual) entre distintas clases sociais, aristócratas vidos a menos e cretinos ricoshomes, fools (ou graciosos ou bufóns ou bobos, como prefire a versión galega) de fonda intelixencia, deuses ex machina de corte burlesco, todos nun esceario mediterráneo (ese litoral balcánico -a Iliria- ou adriático) de lixeiras e simples dimensións.

O Will escribiuna seica polo 1601 para disfrute coxuntural e festivo, como entretemento da corte. Catrocentos anos despois, sen reis nen coroas que divertir, conserva todo o seu esplendor lingüístico, a súa traza perfecta de nós e viravoltas, o seu ápice de humor e brincadeira. Grazas, neste caso, á espléndida versión de Quico Cadaval e aos excelentes actores e actrices do Centro Dramático Galego. Resolta con particular gracia, cunha posta en escea vertixinosa (aínda que con pausas festivas para colleren folgos espectadores e cómicos), Noite de Reis ou como queirades preséntase nun esceario diáfano, dunha luminosidade soleada, propia do mundo de praia e mar onde se desenvolven as esceas. A proposta de Cadaval require unha novidade: a música italiana dos anos 50 e 60 que invade, coa súa fragancia inconfundible, toda a acción. Os músicos (unha guitarra envolvente que suliña o ambiente de rotonda sul mare sobresae sobre os ritmos de baile melódico) permanecen cos seus instrumentos no mesmo taboado coma nun palco e envolven a historia de forma case máxica, como demanda un texto farsesco como o de WS.

As interpretacións son, en xeral, de grande mérito, pero destacan, ao meu xuízo, o inesquecible bufo Víctor Mosqueira, un arlechino que honra á commedia dell'arte a quen tanto debe esta montaxe, un Malvolio ridículo en mans ou en meias amarelas a cargo dun excelente Marcos Orsi, de sotaque brasileiro, e uns soberbios e eficaces Xan Cejudo e Xosé Manuel Olveira "Pico" .

O teatro non estaba cheo; o público foise quentando aos poucos e rematou levantado dos seus asentos en homenaxe a unha das montaxes máis entretidas e primorosas dos últimos tempos no teatro galego. A escenografía limpa e brilante, a elección dunha farsa dese autor impagable que sempre salva cunha soa frase unha enteira literatura dramática, uns cómicos e cómicas en fervor permanente, e un ritmo livián pero veloz promovido pola leda e excelsa canzone italiana (o Renato Carosone da miña infancia) parecéronme sinais inequívocas de que algo cheira a saúde e ben rexa no teatro galego. Da víscera do teatro que eu teño aloxada en non sei que lugar do corpo saíume, como poucas veces mentres me erguía, un entusiasta e espontáneo Bravo!

12 commenti:

Anonimo ha detto...

Pois se lles dixo un entusiasta Bravo! haberá que ir vela sen falta.

Anonimo ha detto...

E se ten música italiana, o máis do máis. Farei por vela eu tamén. Unha aperta.

Anonimo ha detto...

Xa, dúas veces.

R.R. ha detto...

Mimá, e eu aínda non a vin tampouco...

bouzafria ha detto...

Excelente crítica. Adhírome ás súas verbas, sempre máis elocuentes e precisas cas miñas. Coido que moitísimo mérito disto débese á intelixencia na versión e na dirección de Cadaval. É difícil destacar a algún actor sobre os outros, todos moi ben, pero volvo reiterar a miña persoal predilección por Rebeca Montero, na miña humilde opinión, a mellor actriz galega do momento( criterio que manteño dende "Se o vello Simbad...", facendo de Sari, tamén do CDG).
Mención especial é o de Víctor Mosqueira: calqueira palabra quédase curta ante a súa exhibición: enche o escenario.

Anonimo ha detto...

Arume d.p. :
Vindo hoxe de Portugal, fixen unha parada relámpago en Vigo, no "Lizarrán" da Rúa Canceleiro, que emboca máis ou menos con García Barbón,á altura do 50.
Aparte de cear, deixéille dous libros prometidos, e un obsequio. Recóllaos cando poda.

Anonimo ha detto...

Apicultor: é boa oportunidade para darlle un pequeno pulo ao teatro galego.
R.R.: Imperdoable. Vai que pagar moitas biars in forgüeis.
Lula: que fai que non vai. Veña ho.
Bouzafría: Ninguén desentoa na obra, desde logo: son actuación sobresaíntes, aínda que sobre a protagonista eu non poñería tanto énfase. Pero non serei eu quen poña notas a unha obra excelente.
Dacoba: Non teño palabras. Quixera corresponderlle, pero non sei como. Teño a intención de ir a Ourense a semán que ven. Quixera coñecelo persoalmente: dígame como. Faga o favor, please.

Xaime ha detto...

Por onde anda hóm. Xa sabemos que unha ponte sempre senta ben. Deixese ler que é unha ledicia.

Anonimo ha detto...

Hai unha crítica de Inma López Silva en Tempos novos moi interesante. Recomendable. O que máis me chamou a atención é a súa invitación a que o CDG faga un Lope, un Calderón. Veña: eu asino esa.

Anonimo ha detto...

Espero que non se pasasen na caracterización ridícula de Malvolio, o personaxe máis interesante da obra.
"I'll be revenged on the whole pack o you", dilles na final da obra aos que o pecharon nun cuarto escuro e se riran del.
Malvolio representaba un puritano da época, pagado de si mesmo, e que se sente superior aos demais. O xenio de Shakespeare é saber acabar a obra, unha comedia con final feliz onde todos ligan, con esa frase do desparellado, desclasado, Malvolio.

Anonimo ha detto...

Pois non sei se se pasaron, pero patético resultaba abondo.

Anonimo ha detto...

Patética sería a representación, na que seguramente se tomaron as liberdades que lles saiu da entreperna.
Lida a obra xa parece outra cousa.
(Con Shakespeare, o mellor é ler a obra)