La voz de Galicia despáchase onte no seu suplemento de Vigo contra a figura de Caballero, mentres o Faro de Vigo, de forma indirecta, avala a teima do alcalde contra o intento do goberno da Xunta de crear unha área metropolitana que abranga Pontevedra e mesmo Vilagarcía. O primeiro engade á acusación de presidencialismo o escaso contacto cos seus edís e os cotiáns desencontros co BNG, ao tempo que se pregunta, ao xeito clásico, onde andan os diferentes edis cando se trata de temas substanciais para a cidade. O segundo, baixo a apariencia dunha reportaxe ampla na que se recollen as opinións dos de sempre (o empresario gominas, a das asociacións de veciños, o sindicalista de encarga, a vicepresidenta da deputación, e os dous alcaldes), comeza a súa andaina contra o proxecto preparado por Méndez (faltará o canto dun euro para que lle recorden que é de Coruña: aposto o que sexa a que offtherecord é especie que abunda) e, de paso, arroupa a Abel coa bandeira branquibermella.
Seguimos nas mesmas. Non vou entrar demasiado nas cuestións tratadas. Sobre o hexemonismo irritante do alcalde xa teño falado e sobre a importancia dunha ollada ampla e non localista para vertebrar o país se non o fixen antes, agora o digo claramente: a área metropolitana, centrada en Vigo, debe abarcar o máximo posible e non entendo nin se explica a preocupación porque vaia Pontevedra no lote. Pero o que máis volve tocar o nariz (entre outras cousas) é a radical perspectiva sobre a política local que poden ter os dous xornais. Xa non digo distinta perspectiva, que parece lóxico, natural e necesario. Senón oposta. De dictadorciño a heroe hai un mundo. E, por moitos intereses periodísticos lexítimos que haxa nesta lea, non pode ser que se confunda tanto aos lectores. Un pouco de ecuanimidade ou fineza de análise nos xuízos sería moito de agradecer.
[A voz do lector de mín mesmo: "Pero ti es parvo, Arume. Parece mentira que aínda penses nestas cousas"].
Nessun commento:
Posta un commento