Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 gennaio 2008

OS VELLOS DEBEN AMPLIFICARSE


O meu amigo, vello coñecido dos tempos da academia da que falei o outro día por ser amigo íntimo do meu irmán, tocou en decembro no Dado-Dada a batería, nun grupiño de jazz onde tamén tocaba outro colega da miña idade, ano ou par de anos máis pequeno. Debutaban ámbolos dous nun espectáculo musical, breve pero emotivo. Outro amigo, este de pupitre nas aulas compostelás, fixo fotografías do evento, porque agora tamén dedica o tempo a esta faceta artística. Meu irmán mesmo tocou en pleno día de inocentes o baixo na súa primeira incursión nunha banda de rock (así, sen aditivos). Eu dedícome, con constancia e con certa intención artística (de efectos moi limitados), á creación deste blog que mañán cumplirá un ano.

Todos superamos a corentena e case todos decimos o mesmo sobre o asunto. Meu irmán engade o dos cartos na man que posibilitan a adquisición de instrumentos que antes non podiamos conseguir: esa cousa burguesa, lamenta con tan escasa convicción que parece alegrarse. Vivimos unha nova xuventude? Prolongamos a de sempre? Hai que dividir as idades do home como antes?

O certo é que asistimos a unha apoteose (por veces entusiasta) do que antes non puidemos ser/facer. Buscamos tempo para dedicarnos ao que nos peta, ao que nos sae de dentro, como dicía Ferreiro, Celso Emilio. Os pubs e locais de copas abren as portas para estes grupos de maduritos (o de interesantes é o adxectivo que ven de seu para contentar o invencible) que se empeñan en divertirse con algo que nos seus tempos resultaba difícil ou imposible. Só hai que ver a cara do meu irmán nun myspace (sinto non ter licencia fraterna para o anuncio) que rula por aí para decatarse do que nos perdimos durante tanto tempo.

Abofé que vou mercar máis cedo que tarde unha guitarra eléctrica, co firme propósito de facer o que (nos) cúmpre nestes casos. Tocar ben non sei se tocaremos: pero amplificarnos si que nos amplificaremos. A fartar.

Foto para un calendario, no Xermán de Cambados. Un clásico (as empanadiñas do domingo son máxicas cos artistas, poetas e deputados que fornece a vila fidalga e soñadora) sempre recomendable. Non está sempre así, advirto.
O capítulo de hoxe da blogonovela está dedicado a un personaxe de importancia capital (e non digo máis) e chocalleiro: o gran Martín Marqués, inspirado, según Matilde, nun antigo noivo (un efímero amante, non confesable) de Xixón, afeccionado á nada máis absoluta, tan atractivo como langrán, ou atractivo por langrán a tempo completo.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Obxectivo principal: divertirse. O de tocar ben ven despois ou nunca, pero non importa tanto. Non importa nada.
O que nos perdimos: moito, por gilipollas. O demais son desculpas. Outros, que tiñan en principio as mesmas posibilidades, levan décadas enriba dos escenarios, pequenos ou grandes, con máis ou menos exito, con mellores ou peores instrumentos, con máis ou menos talento, pero con idéntica diversión e paixón.
Non se corte. Busque a uns tipos (amigos ou inimigos, no escenario non se nota, trátase de tocar música, non os huevos) que non perdan o compás e con disposición a pasalo ben. Non necesita máis.

Anonimo ha detto...

E avise das actuaciós, pra estar ali coma clavos e aplaudir incondicionalmente. Eu vou, fixo.