Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 gennaio 2008

ITALIA: ENTRE CROCE E DELICIA


Despois da entrada número 333, o número da media besta, vai esta sobre a política italiana. Como agora xa non saen as miñas reflexións (por poñer algo así medianamente neutral) en Gznación, aproveito a situación complicada no país trasalpino (desde o punto de vista francés e suizo, claro está, porque desde Italia os trasalpinos son os outros: a mín me gusta esta especie, como o de ultramontanos, que depende do lugar desde onde miremos, porque relativiza todo) para largar un par de meditacións ao redor daquelo.


O ano pasado visitei dúas veces Italia: no inverno de entroido, por estas datas, a Ferrara e, no verán, á illa de Sardegna. Nos dous momentos puiden comprobar que o goberno de Prodi era fraxilísimo. Hai un ano, con apenas 8 meses no poder, pasara unha moción de confianza, despois de asegurar á dereita o esquecemento da lei de dereitos para matrimonios gais e á esquerda o rexeitamento de medidas laborais de excesivo corte liberal. O conglomerado de partidos, do que se dá en chamar centrosinistra e que sostén ou sostivo ao goberno Prodi, é alucinante, e vai desde o grupo do felón Mastella (deudo, segundo el confesa da democracia cristiana, pero daquel maneira) ata Rifondazione Comunista que conta co presidente do Parlamento.

Os equilibrios de Prodi, que tampouco é un home que suscite grandes simpatías (disque é o que menos antipatías convoca: por iso foi elixido como candidato para a Unione), son extraordinarios, aínda que conta, máis ou menos, co apoio dos sectores económicos máis europeístas de Italia (dito esto con reservas, porque é coñecido o proteccionismo en sectores moi definidos da súa economía, impenetrables para as empresas estranxeiras).

O que sucedeu o outro día (con escándalo incluido nun foro que lembraba ás vellas estampas do senado latino pero con ternos de miles de euros) foi o sepelio dun home que vive en Bologna onde imparte as súas clases, que acostuma a pasar as vacacións nunha pequena villeta de Castiglione della Pescaia na Toscana e que adoita subir en bicicleta aos Dolomitas el só, cun talante de eremita que quizáis non gusta tanto nun país afeccionado á exhibición do que sexa. Convén, ademáis, termos en conta que desde o outono sinte o alento indisimulado dun ambicioso Walter Veltroni, alcalde da cidade de Roma e agora candidato do novo Partito Democratico, enésimo intento aglutinador da esquerda moderada en Italia.

Doutro lado, o berlusconismo promoveu desde o comezo desta lexislatura un auténtico calvario para o presidente do Consiglio, cun chamado tan constante como airado ás urnas. Os seus aliados nos gobernos anteriores, Fini e Bossi, tampouco aforraron agudezas e vísceras: o primeiro para suliñar a política de inmigración como causante do aumento da criminalidade (como se en Italia o crime e o delicto non tivera xa unha doméstica denominación de orixe); e o segundo para apelar a un tempo á folga fiscal e ao recurso das masas levantadas en armas contra o goberno, coa mística bélica de entonación entre romana e mussoliana de iren ata o Po para liberar a Padania: célebre resoará no futuro o seu apelo do último día: "alle urne o alle arme". Fronte a estes cabaleiros da ira, a pesar de todo, controlada, Prodi non podía nada máis que aguantar con timidísimas reformas económicas (por suposto, con infinidade de problemas para quitalas adiante e coa espada dos poderes incontrolables da Mafia en cuestións concretas como o lixo en Nápoles) e co intento de volver cambiar unha lei electoral que á vista de todo o mundo (agás os feros Berlusconis en axitación continua) leva ao país á parálise completa.

Agora Napolitano, ese presidente que procede da elegante e mesurada esquerda picina (do PCI) e que asume a imparcialidade dun cargo desa natureza, tenta dar satisfacción a tres bandas: ao centrosinistra que pide tempo para levar adiante ao menos uns pequenos retoques económicos e unha nova lei electoral (con esto último xa se conforma Veltroni para chegar a xuño); ao centrodestra, que quere coma tola ir ás urnas (Berlusconi ameaza cunha marcha sobre Roma con millóns de persoas para pedir voto); e á clase civil italiana (empresarios, sindicatos, universidade, mesmo o propio Vaticano, que intervén sen complexos) que recomenda prudencia e tranquilidade, mentres se pregunta en medio do desastre: que pensarán de nós os nosos veciños europeus?

Estes días ninguén explicou millor a situación que Chiambretti, un dos presentadores humorísticos máis apreciados en Italia. Con motivo da edición 58 dunha das cousas que perviven en Italia por riba das turbulencias políticas, o clasiquísimo Festival di San Remo, o humorista italiano anunciou que o concurso, coas súas cinco noites, cinque serate, durará máis có goberno de centrosinistra en Italia. Con esa afiada brincadeira non é doado, pois, para Napolitano ter a calma e a pausa precisas para elixir o millor para un paese intramontabile.

Nessun commento: