Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 gennaio 2008

UN SERÁN SOBRE O QUE SERÁ (AS YOU LIKE IT)


Acudín onte ao serán a unha mesa redonda sobre O libro: novas tecnoloxías, novas linguaxes, máis que nada para coñecer en persoa a algúns dos blogueiros que frecuento e saber que pensaban eles sobre o futuro. Non porque confiara nas súas dotes agoreiras, pero si por coñecer de primeira mán, de xente que adoita estar á la page (agora au écran) nestes asuntos, o que cren eles que pode ser o máis inmediato. Estaba de moderador Manuel Gago, e compartían mesa Francisco Castro, Rosa Aneiros, María Yáñez e Óscar Sánchez (alias Martin Pawley).

O concepto mesa redonda aínda está por resolver (polas non menos de cen mesas redondas que papei podo afirmar que ningunha foi o que se agardan delas ou eso penso eu e mesmo os que participan, sempre insatisfeitos co formato) e, porén, o acto consistiu nunha breve opinión de cada un deles sobre os vindeiros tempos (días, meses, anos: eu non me atrevo a definir máis).

Francisco Castro dividiu a súa intervención en dúas partes, con fiel sumisión ao título da mesa. Así, con respecto ás novas tecnoloxías dixo que aínda non vía próximo o día da desaparición do libro e amosou certa (a mín mo pareceu, xa digo) renitencia a admitir como revolucionaria a situación. Polo que respecta ás novas linguaxes tamén albisquei escepticismo, non exento de notable incertidume, que, por outra parte, compartían todos.

Rosa Aneiros leu a súa intervención, na que suliñou as novas perspectivas que abren os novos formatos como fórmulas, polo de agora, paralelas ao desenvolvemento do libro. Centrou o panorama no libro/ecrán galego (teño que agradecerlle que citara e comentara a blog ou novela de Carina Mourela) e someteu todo o debate á pervivencia intrínseca da palabra, sexa cal sexa o soporte na que esta apareza. Foi un discurso moi ben artellado, fermoso mesmo na forma.

María Yáñez planteou o asunto dun xeito case persoal, co relato da súa experiencia cos distintos soportes para a reproducción de música (na última mudanza librouse, segundo a súa confesión, de todos os seus cedés, en total liquidación, pero non, polo de agora, dos libros). Á primeira vista xogou o papel de provocadora do debate, pero, como eu concordei en todo o que dixo, pensei se non era máis provocador, a estas alturas dos partido, aseverar sempre o fracaso do que está a chegar como advertencia. A mirada de María Yáñez sobre este novo mundo resulta máis ilustrativa do que será que probablemente calquera análise preocupado sobre a situación. A vella querelle do vello e o novo reeditada, cos compoñentes tamén xa vellos da confrontación apocalípticos e integrados. Se ben, os apocalípticos, neste suposto caso, con moi poucas ganas xa de lea.

O último en intervir, Martin Pawley, entregado á causa electrónica, case sen ambaxes, referiu os problemas de autoría e de comercialización dos novos productos. Sen alarmas innecesarias, solicitou unha maior atención a este tipo de cousas, xa que dá por feita a transmisión da literatura ou da escrita en xeral ao soporte electrónico (máis cedo ou máis tarde). Rematou falando da necesidade do editor, entendido como peneira, para a creación mesmo no formato electrónico. Este aspecto entendino como cautela diante do descoñecido, aínda que debo confesar que casa pouco, ou menos, co seu discurso xeral no que prima a visión dunha rede aberta, sen intermediarios, regulada (se me permiten o oxímoron) pola falta de reglas e pola libertade mesmo arbitraria (de arbitrio, ollo, de albedrío) dos seus usuarios.

Básicamente estas posicións foron mantidas durante a conversa ulterior, mesmo tras a intervención desde as poltronas (así pon no respaldo) da sala doutro insigne blogueiro, Manuel Bragado, que resumiu esa mistura de nostalxia sentimental polo que vemos desaparecer, o entusiasmo (tecnofilia apuntou) polas novas tecnoloxías (xa non novas) e o incertidume no marco comercial (con autores, editores, libreiros, bibliotecas polo medio) observado nos últimos tempos.

Tamén eu interviñen, sobre todo animado pola perspectiva blogueira que ofreceu Manuel Gago de poñer un comentario a aqueles posts tan interesantes, para lembrar que aos poucos as bibliotecas, como principais compradoras de libros e de certos libros sobre todo, comezaban a non adquirilos para os seus depósitos por problemas de orzamento (de espazo, engadiu Martin Pawley) porque preferían adicar os cartos á subscripción electrónica ou á accesibilidade de todo o mundo á información.

Foi, pois, unha sesión moi interesante para comprender, entre todos, cada un probablemente no ámbito que coñecer millor, o alcance desta que parece revolución notabilísima nos modos de difundir e disfrutar a palabra, e, como derivación disto, a máis que posible transformación de gustos, intereses e formas de dar a coñecer e, por suposto, recibir a cultura.

6 commenti:

Nuca ha detto...

oísimo resumo. Arumes vexa o meu blog.

Nuca ha detto...

faltoume o B

Anonimo ha detto...

Xa o vira á mañán. Vaime explicar o de cultureta, que vostede sempre ten un aquel exquisito. Xa ten vostede o kindle?

Nuca ha detto...

Cultureta é ese xeito diletante de entender a vida sen facer nada produtivo (económicamente falando).

Ainda non teño o terbello de amazón, pero xúrolle que non o descarto.Confeso que son un consumista dixital. Polo de agora ando só co ipod

Anonimo ha detto...

obrigadinho polo post para os que non puidemos ir.

ben se ve que cadaquén falou segundo lle vai na feira... nada que sorprenda, agás iso do pawley e mais os editores :D

o papel/libro esmorecerá pero estará sempre aí, do mesmo xeito que o vinilo sobreviviu e as cintas magnéticas casete/vhs se esqueceron. Queda apuntado :)

besbe ha detto...

Encantada con este resumo da mesa redonda. Hoxe (de cañas, ambiente informal total) estivemos falando do tema uns cantos amigos e finalmente rematamos pensando o mesmo ca o Pawley (que tamén escoitei hoxe no Extrarradio): ao final sobrevivirán as cousas bonitas, os libros bonitos que che dean gusto telos na casa para velos, lelos, repasalos a gusto e que teñan para ti un valor engadido. A min, persoalmente, por poder adquisitivo aínda me cunde máis mercar os libros que mercar un aparello caro para lelos nel, anque todo é ver ao prezo ao que rematarán comercializándose eses lectores de libros (aos que agardo que lle busquen outras funcións, porque se non tamén quedarían algo coxos).

Noraboa pola blogonovela de paso e o de Proxecto Identidade...en breve ha de saír!

Bicos, arumes.