Aventuran, con campo de golf engadido, turismo de vela (asegurado está o vento, incontible naquelas paraxes) e de deportes acuáticos (piragüismo, esquí, mesmo natación, con praia incluida pola parte que mira á vila). Auguran peixes entre tantas aves ou animais como agora exhiben, en libros preciosos que a propia empresa edita para propaganda do seu ecoloxismo vencedor de malas conciencias. Non teño idea precisa sobre as vantaxes da proposta. Voces, moi baixiñas nunha vila onde calquera iniciativa para traer emprego está sempre ben vista (a recente planta de gas, a autovía que cruza o concello), falan contra o megalómano proxecto.
Fun co meu irmán e co meu pai, en plan capataces de obra, para tomar medida daquela nova natureza. Todo parecía grandioso: as máquinas extractoras e apiladoras, de máis de cen metros cada unha, semellaban formigas naquelas magnitudes. Vin fotografías virtuais de como quedaría o lago, aproximacións imaxinativas de como sería aquela masa de auga que o Eume alimentaría durante case un lustro.
Entón, collimos a estrada antiga de Espiñaredo para volver ver o que quedaba das pequenas abas do Meidelo. Pasamos por Piñeiros, Castiñeira e tomamos camiño de Cheiván, entre penas de formas rechamantes, arcolitos e piñeiros, coa ollada posta sempre nas pequenas fragas que agochaban os regatos e delimitaban a paisaxe industrial do seu tempo pasado. O ceo era de cinza. E aqueles lugares, apenas aldeas, bautizados con sinxelos nomes de arbres e case desertos, que viron furar a terra, agora han contemplar un horizonte de ondas case mariñas: unha lámina perlada que usurpará da vista o fango, a lama e a terra da que están, estamos, compostos.
3 commenti:
E ás chimeneas qué lle van facer? derribalas ou convertilas en miradores?.
E si todo sae como dín os propagandistas, a vostede que lle parece?. Eu penso que o furado de algo había que enchelo e o máis san e a auga, ainda que non sei se provocará cambios ecoloxicos no contorno.
Da Coba, neste pais non se desfai nada por que tampouco se fai moito.
Faremos unhos grandes fumadoiros de opio, ou unhos lagares-depósitos de mencía.
Posta un commento