O fenómeno do fodemillo que alcanzou a incandescencia polo mes de xullo pretende voltar coa convocatoria que anuncia Zerovacas no seu blog dun Concurso de Microrrelatos Eróticos, que promociona en coito institucional o xornal Vieiros (non de vía, senón de venéreos) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (sic). O premio semella ser un tórrido fin de semán na ardente Roma para dúas persoas. Nada se di na convocatoria sobre que é o que medirá o xurado do premio: se a beleza literaria ou a eficacia orgásmica do relato. En todo caso, convén estar atentos porque o certame é para febreiro.
Fotograma de Nine songs.
5 commenti:
Algo teño mirado, pero vexo moi morto iso do fodemillo. Di vostede que acadou a incandescencia en xullo. E logo por que? Eu non me enterei.
Vin tamén o do premio, cuxo alcance non está seguro. Non é o mesmo ir unha fin de semana a Roma que a unha casa de turismo rural de por aquí (con todos os meus respectos). Deberían clarificar este extremo se queren que a xente participe. Eu, por ir a Roma, ao mellor aínda me animaba a redactar algo (pero non estou seguro de que non me saise flácido, o texto, refírome).
Vexa nas entradas (con perdón) en xullo unhas tórridas aventuras no blog de Laranxa, recomendado á dereita do ecrán. E non digo máis.
Grazas pola indicación. Pois si que son tórridas e torrenciais esas aventuras, si. Había tempo que non lía algo -digámolo así- tan estimulante.
Porén, hai cousas que non entendo ben. Por exemplo, sóame o nome dunha coñecida como protagonista, vostede xa me entende. Non sei se terá algo que ver ou non. Terei que indagar nos comentarios, quizais alí atope algunha aclaración...
Pois non lle sei. Xa me gustaría a mín sabelo. Agora ben, desde aquela vou ás panaderías con outro aquel. Non llo vou negar.
Xa indaguei nos comentarios. O seu tempo me levou, pero foi moi interesante. A señorita que ten nome dunha protagonista semella inocente cal cándida pombiña. A tensión da panadería tiña o seu aquel. Mágoa que agora un blog tan prometedor estea, polo que parece, baixo mínimos. Son cousas que acontecen. Grazas por me abrir novas portas á percepción coa recomendación da visita.
Posta un commento