As clínicas que practican o aborto nos casos que a lei admite son case todas privadas. O Estado, cunha hipocresía ben notoria xa que paga a intervención quirúrxica, desvía as mulleres que desexan abortar cara a hospitais, particularmente dedicados (case creados) a tal fin. Nunca tenta obrigar aos médicos da Seguridade Social a practicar tales intervencións, por temor á extensión da ameaza da obxeción de conciencia entre a clase médica. Pero desto hai xa demasiado tempo. Unha reforma da lei vaise adiando desde xa nin se sabe, para non molestar de novo aos cristiáns, co argumento obsoleto de que a sociedade non está aínda preparada para un debate desta magnitude. Mentres tanto, as clínicas que se dedican a estas intervencións, aínda marcadas por un estigma indeleble, deben permanecer na marxinación máis absoluta cando non na semiclandestinidade, obviamente non por ilegalidades, senón polo acoso cotián (agresións, insultos, sabotaxes, ameazas) á que son sometidas polos sectores máis fanáticos e fundamentalistas da sociedade.
Unha educación sexual aínda por resolver (sen esquecer as obxecións de moitas boticas a expender a píldora do día seguinte) podería paliar a sempre traumática (un quirófano é sempre un quirófano) decisión de interrumpir o embarazo. Pero, mentres eso chegue a ocorrer, non estaría de máis que os poderes non só promulgaran leis máis flexibles e abertas, senón que procuraran que tales intervencións non foran sempre tidas como unha especie de turbia e escura maquinaria, lonxe das persoas, na marxe do mundo, case ás agochadas de todo.
E para iso é precisa unha consciente e libre política de aborto en centros públicos, con todos os medios a disposición das mulleres que desexen (nunca por gusto, entendo eu) non continuar co embarazo: darlle esa presencia, sempre dentro da discreción necesaria, contribuiría a alonxar os prexuízos sobre esta cuestión capital da libertade individual das mulleres.
1 commento:
Film de 1977: Abortar en Londres
Posta un commento