Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 febbraio 2008

AUTORIDADE


Por deformación profisional, teño case por vicio descubrir nos discursos falados e escritos o poder do tópico e da frase feita, como un valor nunca discutido. Porén, como coñezo ben (ou creo) o asunto, tento sempre de pensar nel como punto de partida. O outro día foi unha intervención de Nicolás Sartorius na radio o que me deu a alerta. Falábase da autoridade dos docentes nas aulas, supoño, porque puxen a radio ao chou, por algún episodio de indisciplina ou de rebeldía estudantil. Calquera persoa vencellada ao mundo da docencia, podería dar varios exemplos deste fenómeno. Pero o sorprendente da intervención de Sartorius foi que empregara expresións demasiado coñecidas. Só lle faltou falar de crise de valores e cousas polo estilo. En resumo, Sartorius viña a dicir que faltaba autoridade nas aulas e que había que restituila (non sei se por lei ou por normas) para que todo funcionara perfectamente. Xa escoitara esa célebre cantilena, pero resistiame a crer que era Sartorius o da especie.

En seguida lembrei o meu pasado como estudante, nunha fuxidía lembranza pola que pasaron todos os profesores e profesoras que tiven. Agás dous ou tres que fundamentaron boa parte das miñas preferencias e das aptitudes que poida ter, o resto pasaron simplemente pola miña vida. Pero dese resto, algúns, e non eran poucos, só podían dar as súas clases por ese principio de autoridade da severidade e do castigo permanentemente anunciado. Non tiñan recursos pedagóxicos, nin coñecementos serios, nin gañas de dar clase, nin siquera man esquerda para poder virala. Esa era a autoridade exhibida. Non me arrepinto de serlles insolente e ocupar moitas veces o patio do colexio en compañía dos máis rabudos. Hoxendía supoño que ocorre outro tanto. Os relatos de profesores amigos e de alumnos que asisten ás clases abonan o meu pensamento. Eu defendo que a autoridade na aula hai que gañala: non vale con ameazas ou con mostras de rexeitamento do aborrecemento dos alumnos, como se o profesor, polo mero feito de selo, puidera ser comprendido, aceptado e estimado de antemán. É posible que os alumnos na actualidade non atendan ás aulas, pero tamén é posible que o profesor non saiba seducilos. Cando escribo esto, sempre penso no que a mín me pasou e sinto unha especial comprensión cos alumnos e a mesma reacción adolescente (e xuvenil, aínda que na facultade tiñamos a fermosa posibilidade de ir tomar o sol á praza de Mazarelos) que eu tiña contra os que natureza non os guiou cara á carreira docente.

17 commenti:

Anonimo ha detto...

Será por iso polo que tantos "fuxiron" tan pronto como poideron do ensino secundario para outros ensinos de máis altura (e menos "perigo")?

Anonimo ha detto...

Será. Pero teño que dicir que o que asina foise en gran parte pola organización máis que polos alumnos con quen sempre tivo boa relación. O Sánchez Cantón (sede de dinosaurios no meu tempo) foi o culpable. En Cambados, sen embargo, foi moi feliz.

Anonimo ha detto...

Será que non estivo moito tempo no ensino secundario e que non viu como o panorama se ía deteriorando pouco a pouco até chegar -sexamos un pouco tremendistas- ao marasmo actual. Será que só estivo de visita turística cando era un postadolescente, e así calquera.

E en cando a organización, non sei se iría de Guatemala a Guatepeor. Ou viceversa, que para o caso vén sendo o mesmo.

Anonimo ha detto...

A súa versión é coincidente coa maioría, pero creo que unha parte do marasmo procede da inadaptación tamén dos profesores aos novos tempos. Coma sempre estamos afeitos a botarlles as culpas aos rapaces, eu saio en defensa deles. O abismo entre profe e alumno ábrese de xeito ás veces irremediable.
Pode vostede crer que nun dos institutos máis célebres de Vigo non teñan aula de ordenadores para impartir aulas fóra de informática, a maioría do claustro ignore o que é un blog ou o messenger e xa non digamos un obsoleto powerpoint? Créao, amigo.

Anonimo ha detto...

Créoo, cómo non o vou crer no da inadaptación. Ora, no por mucho powerpoint amanece más temprano. Créame tamén.

Anonimo ha detto...

Xa ve que dixen obsoleto, pero que aínda vaiamos ás aulas cos apuntes de preu, pois que quere que lle diga, e por riba volvan á sala de profes queixándose da escasa atención por non dicir indisciplina, displicencia e aldraxes, pois algo haberá que facer. Non vale ir para casa complacido en ser un profesor profundamente incomprendido. Peor: pensar que compartes cos compañeiros esa condición, cando ao teu redor hai mestres que se erguen por riba da mediocridade ambiente con toda a naturalidade do mundo. E cobran o mesmo. Esta é outra.

Anonimo ha detto...

Que si, que en todas partes cocen fabas, de todo hai na viña do señor. Diría máis: algo semellante tamén vén acontecendo cos profesores universitarios, ou non?

Daquela, quen lle pon o axóuxere ao gato?

la rata bastarda ha detto...

knock,knock...se puede?

a ver,que ahora estamos muy "alarmados" con la educación,los adolescentes y todo eso que adornan tan bien en los telediarios.
Yo creo,que esto pasaba igual cuando nosotros ibamos al colegio,habia de todo,profesores alarmistas,que pasaban desapercibidos,malos malisimos y excelentes...desgraciadamente,sólo nos acordaremos de los dos últimos.Lo bueno es que ahora,ante un docente pésimo,ya no tenemos miedo,estamos más informados que nuestros padres y podemos plantarles cara sin temor.

Biquiños sr. arume.

Anonimo ha detto...

Será pola falta de profesorado seductor polo que cada vez aumentan máis os pais que desertan do ensino público( aparcadeiro de inmigrantes e clases máis desfavorecidas) e levan á prole á privada.Alí polo menos, o profesorado, se ten aptitudes e actitudes de verdadeiro mestre pode demostralas, na pública imposible. Xa sei, xa sei, que é vostede contrario a calquera principio de autoridade. Ainda non viu o ceo polo cú dunha agulla, entón non pode falar con coñecemento de causa, por sorte.

Anonimo ha detto...

Eu non sei da privada, porque teño moi pouca información. Todo o que digo procede de variadas experiencias e informacións sobre a pública. Coñezo bastante ben o asunto. E simplesmente quixen facer notar algo que sempre escapa ás críticas: o profesorado. E, sobre todo, a queixa sobre a falta de autoridade. O que quixen deixar claro é que a autoridade hai que gañala. Non sei se iso é o famoso principio de autoridade. Pero non basta con chegar a clase coa condición de profesor para obtela.
E tristemente teño que decirlle que ollos de agullas vin moitos. E que os padezo, agora mesmo, tamén.

Anonimo ha detto...

Non está na miña intención empezar un debate con vostede, sobre este particular. Un caso real, se mo permite, voullelo narrar.
IES de ... sustituta da profe de matemáticas, primeiro día de traballo, rapaza duns trinta anos, gorda, capacidade de seducción por demostrar xa que posto o pé na aula : silbidos, risotadas, e voces soterradas de "vaca", acompañaron á rapaza ata a mesa , a cousa foi en aumento ó punto de non deixala articular palabra. Lóxicamente sae e négase a volver a entrar despois de que o xefe de estudos, eu mesmo, tento poñer calma no asunto.Conclusión : baixa por depresión. Non é necesario que lle relate os pasos que, como consecuencia da actitude dos educandos, se deron, simplemente seguimos o protocolo de rigor: igual a "festa no aire".
Lamento que vostede estea nunha situación desagradable, pero algo no me cadra. Que todo se lle arranxe satisfactoriamente.

Anonimo ha detto...

Non me importa empezar ou seguir un debate. A mín gústame debatir. E estou encantado de facelo con vostede a quen, por certo, non lle dín a benvida.
O caso que vostede conta é tristemente moi común, pero evidentemente non estou a falar deses casos. Precisamente a miña filla viviu o caso contrario: unha rapaza nova (a quen, por certo, eu lle din clase) encanta aos alumnos desde o primeiro día ata o punto de que cando remata a súa sustitución e aparece a titular os asubíos para a vella son de antoloxía. Como do día á noite. E curiosamente nise mesmo curso outro sustituto recibiu a mesma encantada recepción. Claro que, comparados cos titulares oficiais, calquera pode ser sempre ben recibido. Como auga de maio.

Anonimo ha detto...

Non é por levarlle a contraria, pero ao mellor puidera ser que eses asubíos á titular teñen que ven co feito de que non poucos deses substitutos enrollados, como van estar pouco tempo, dan unhas notas incríbles por apenas facer nada e van dun colegueo co alumnado que tira para atrás. Falo polo que me contan, que de todo hai en todas partes, tanto nos substitutos como nos titulares. Digo eu.

Anonimo ha detto...

O colegueo per se non é peor que a distancia abismal entre o profesorado e o alumnado. Depende de cómo se encauce. Algúns alumnos aprecian mesmo que lles pregunten pola súa vida. E algúns ata lles presta que o profesor non se sente na mesa e que fale de pe dando voltas pola aula. É que, amigo Apicultor, o profesor só sabe o que el fai na clase; non sabe o que fan os compañeiros. Os alumnos coñecen a todos. Esa é a vantaxe. E, por veces, a súa desgracia. De todos modos, tamén é verdade que o alumno debe saber manexar a malos e bos profesores. Esa tamén é a súa estratexia.

Anonimo ha detto...

Non creo eu que haxa moitos profesores que manteñan unha distancia abismal. Ao mellor era así no ano da polca. Hoxe, por moitos motivos, xa non é así. Penso eu.

En troques, o profe colegui-enrollao-xove perpétuo-que pelotillea ao propio alumnado, é máis abundante. Penso eu.

Anonimo ha detto...

O ano da polca foi onte, polo que se ve. Abismal pode ser excesivo, pero descoñecemento notorio do que pensan os alumnos é bastante evidente.

Anonimo ha detto...

Son sobre todo os pais os que teñen que saber qué pensan e qué fan os seus fillos.

Aos profesores, ademais das estritamente docentes, correspóndenlle funcións titoriais, non paternais. E, por ende, teñen que velar polo cumprimento das obrigas académicas mínimas esixibles e tamén polo benestar xeral dos alumnos. Pero, repito, non é a súa misión suplir os pais. E moitas veces adoita acontecer que estes están out.