Barcelona recibe ao ano case 8 millóns de turistas. O ano pasado o número de viaxeiros en liñas de baixo custo duplicou o do ano anterior e, en números globais, ascenderon un 8% os turistas que veñen exclusivamente á cidade. O tipo de turismo é moi diverso, desde grandes fortunas que disfrutan dos seus hoteis hipermegamodernos e hipermegacaros, ata auténticos okupas que, a partir sobre todo de abril (ou antes) enchen mesmo as rúas da cidade, sen apenas teito onde durmir.
Polo que puiden ler estes días na prensa local, as autoridades están preocupadas polo excesivo número de turistas, que poñen en perigo, sempre según esas mesmas fontes, a infraestructura viaria e de servizos da cidade ao tempo que devalúan a fasquía (sexa cal sexa o tipo de turismo, rico, modesto ou underground) do que entenden representa Barcelona. Empregan con naturalidade a expresión "morrer de éxito". É posible á vista das moreas de xentes que ocupan o Barri Gòtic, o Born ou as inmediacións do Parc Güell e a Sagrada Familia. Moitas tendas están exclusivamente destinadas a satisfacer a demanda do viaxeiro e algúns locais, como os pubs gaélicos/irlandeses/ingleses que ademáis poñen o torneo das seis nacións, trasladan a paisaxe británica á rúa Ferrán que vai dar a Plaça sant Jaume. O parque temático de Barcelona (como lle pasa ao de Santiago) está servido, coas súas doses correspondientes de museus picassos e gaudís, terrazas con tapas tapas tapas (ou entrepans, a comida de moda en Barna) ou palaus e liceus de música para padais finos finos. Escapar a todo isto non é doado, en primeiro lugar porque un forma parte desa lexión de molestos routards que pretenden estar (sen complemento circunstancial) e porque é precisamente o labiríntico centro, o que tanto amamos, o que se transforma para encanto complacente do visitante.
Nesa escapada infructuosa acabamos en Sants ou nalgunhas granjas de Poble Nou, onde viven os barceloneses ese lixeiro cheirume a primavera que pode albiscarse dos primeiros abrochos de azahar dos torangers. Ou, en todo caso, como iniciados no rito gótico, aparecemos case sós na penumbra da plaça de sant Felipe Neri. Acompañados do son dos periquitos escapados das gaiolas das Ramblas, esa teimuda octava maravilla do mundo que resiste a calquera invasión ou cataclismo.
Foto: grupo de xubilatas en plena discusión sobre quen foi o xogador fundamental no gol do Barça contra o Osasuna. Se Giovanni, se o defensa que non saiu defender ben, se Iniesta por darlle para que rebotara no porteiro, se o porteiro que rexeitou ao centro e non a banda, se o Xabi por estar alí e non no vestiario. En fin, así durante horas. A Academia pelotónica da Rambla de Canaletes.
2 commenti:
Moito me custou pillar o título...
Eu só fun unha vez e non me entrou tanto polo ollo a cidade condal como me prometeran... Sería o calor, sería tanta xente. Haberá que volver.
Apertas!
Hai que recoñecer que por veces o turismo (ou sexa, nós mesmos) é abafante. Recorda moito a Venezia, pero unha pequena escapadiña por rúas menos transitadas ofrece lugares insospeitados. Venezia, á que tenta ir vostede pero xa veremos porque vai haber moita competencia, é un lugar moi bó para visitar, porque fóra da liña Piazzale Roma-Rialto-San Marcos hai campos, fondamenta e rúas completamente baleiras de turistas. A Barcelona pásalle igual, coa diferencia de que en Barcelona é aínda máis doado escapar.
Posta un commento