Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 dicembre 2008

PERIÓDICO PRACER


A lectura da prensa constitúe un dos meus praceres cotiás desde que era ben pequeno. A sorte de nacer nunha familia que amaba o periódico (unha das palabras máis queridas na miña casa) por riba de case todas as cousas explica tal querencia. Cando iamos a casa das miñas avoas (non coñecín aos avós: un por pouco tempo e doutro non teño memoria), sempre había un xornal por riba das mesas. E sempre había un tío, un curmán, unha tía lendo, moitas veces en voz alta, as noticias do día. E sempre había un especial cuidado en doblalo, en mimalo, en gardalo nun lugar preferente para que outra persoa (as mulleres sempre leron máis na miña familia) puidera recorrer de novo esas mesmas liñas. 
O primeiro xornal que entraba na miña casa, dos que eu teño noticia, era Pueblo. Lembro que viña en dous caderniños: o segundo de deportes, coas fotos de Raúl Cancio ocupando a metade dunha páxina. Desa época, recordo con especial atención as reportaxes do accidente aéreo dos Andes e as novas do golpe de Estado en Chile que meu pai lera con tanta atención como desolación. 
Outro xornal de sempre era La Nueva España co xugo e as frechas no seu rótulo de portada. Cando chegabamos a Mieres, era o primeiro que facía: coller aquel xornal que estaba na cociña da casa (reseco coa calor da bilbaina) e lelo con especial interese, case aillado das conversas da benvida. Apreciaba nel que saían fotos de rúas que coñecía ou de persoas das que alguén podía ofrecer datos. Gustaba de ler as esquelas en alto, porque sempre a partir do nome de alguén sempre saía o conto completo da súa vida na voz da miña tía Nori, un portento narrativo capaz de urdir en menos de medio segundo unha biografía con excursos sempre relevantes sobre a vida de Asturies na guerra e despois da guerra, nel tiempulafame. O xornal, sempre aberto, comunicaba co pasado a través dos fíos memoriosos de toda aquela familia, que competía en dar o dato máis descoñecido para completar o relato vigoroso daquelas rematadas existencias. 
Despois xa en Madrid, no ano que alí vivimos, Informaciones, sen deixarmos de traer o Pueblo a casa: daquela comezaba meu pai a ampliar a hemeroteca con novos xornais. 
Cando chegamos a Galicia, foi a Voz o xornal que liamos sempre de principio ao fin, ou máis ben de fin ao principio, como acostumabamos (e aínda hoxe fago) a facer naquel tempo. Reservabamos o xornal nunha tenda de ultramarinos e desde aquela é difícil recordar un día que non lera La Voz de Galicia. Despois comecei a comprar EL PAíS, aínda que non viña con regularidade á vila e había que erguerse ben cedo ou reservalo (como rematamos por facer) no kiosko da praza do centro. Pero para lelo á tarde, despois de xantar, porque antes non chegaba. Cando fun a Santiago, EL PAÍS foi o meu compañeiro inseparable, ata hoxe mesmo en que forma parte inescusable da paisaxe doméstica.  
Eu sempre merquei o xornal: agora compro (cousa xa ben rara a de comprar) sempre dous, aparte dos que leo nos bares ou leo nas súas versión dixitais. Hoxe é posible que lea non menos de cinco ao día. Son un lector compulsivo de xornais e recoñezo que non sabería pasar un só día da miña vida sen botarlle unha ollada, por pequena que sexa, a un periódico. 
E de feito nunca o paso. 

3 commenti:

Anonimo ha detto...

E que me di de _Hoja del Lunes_ cando nas segundas non había outros xornais. Tempos! Tardei anos en ler correctamente unha sección á que sempre ía, por pura escatoloxía, en primeiro lugar. A tipografía da HdL que editaba a asociación da prensa coruñesa non era moi feliz. Aquela sección que eu lía "Orinan unos y otros" refería en realidade o acto á opinión, pero como esa palabra non era de uso naqueles días eu non era quen de ler con xeito "Opinan unos y otros". Tempos (do carafio)!

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

A Hoja del Lunes era a proba evidente de que había un sucedáneo de todo, un baixar os brazos un día á semán. Só tiña un cometido esencial: publicar os resultados de fútbol do domingo. E agora que penso nisto, tamén lembro aquelas follas volandeiras, un antecedente de Internet, cos resultados (cifrados ademáis, como nos taboleiros dos campos) que saían unha hora do peche dos partidos e se repartían polos bares da cidade cunha velocidade abraiante.

Anonimo ha detto...

Cando apareceran os sobrevivintes do accidente aéreo dos Andes, El progreso publicou en titulares: "Tuvieron que practicar la antropología"
Cousa rara, retrucou o profesor Alonso na clase, todo o mundo sabe que da antropoloxía ninguén sobrevive.