Non vexo case nunca a TVG. Seguro que me perdo algo, pero estou aínda máis seguro de que gaño case todo. Hoxe puiden comprobalo de forma fortuita debido a esas visitas familiares que condicionan a elección televisiva. Foi no telexornal da tarde: daban a nova da rapaza violada por varios menores en Huelva, cun rótulo por detrás que poñía A lei do menor a debate. Primeiro cubriron a narración do feito, co engadido do recordo do similar delicto cometido hai apenas catro días: non teño que sinalar que o asunto é o suficientemente noxento como para que non fixera falta suliñar nada (o que en honor á verdade hai que agradecer). Despois, tras un pequeno corte e un cambio de locutor, trataron de expoñer, como quen non quer a cousa, o asunto do límite da idade penal, con datos sobre outros países, coa axuda mesmo dunha ilustración, na que se aprezaba con toda claridade que España se situaba nunha zona intermedia de Europa, cun límite similar a meirande parte de países. A continuación, volta ao estudio, coa lenda sobre A lei ao fondo a debate e de novo a remisión da noticia a dúas declaracións: unha do ministro Gabilondo, breve e en apariencia moderada, e despois (a orde a marcan as últimas eleccións) Alfonso Alonso, portavoz do PP, que entre outras cousas recalca no mal que está feita a lei do menor en España. Así conclúe a noticia.
Eu supoño que falar de manipulación neste caso (e noutros que seguiron ao longo de máis ou menos quince minutos: logo chegou o noticiario lixo) non é serio. Non o é porque todas as noticias sempre son manipuladas. Porque nunca hai unha noticia exenta de consideracións ideolóxicas, morais ou políticas. Nada pode estar libre desa inevitable determinación subxectiva do narrador, do expositor, do opinador, do xornalista, ao cabo. Mesmo admito (non podo facer nada por evitalo) que nun servizo público a impronta do responsable da noticia tenda a marcarse. E mesmo (xaora, por experiencia adquirida como espectador de todas as canles durante moitos anos, non porque o considere nin minimamente aceptable) que esa impronta sexa a dun xornalista con ínfulas militantes a favor do partido que ocupa o poder.
Pero o que máis me asquea é a complexidade subtil, esa forma circunloquial, en apariencia inocua, esa burla á perspicacia do/a espectador/a pouco atento con que se plantea desde lonxe a noticia. A sensación, incómoda e nauseabunda, de que todo aparece elaborado cun plan preconcebido, cunha indigna estratexia de cálculo (indigna porque xoga coa ocasional falta de protección crítica dun cidadán que senta diante do televisor á hora de xantar para saber que ocorre no mundo) para rematar onde verdadeiramente queren rematar a noticia. Ou sexa: a convicción fraguada no interior do responsable (o redactor xefe?) de que a noticia necesita ser entregada con todos os adubos precisos para concluir nun corolario doutrinal desde o primeiro momento en que comeza a ser presentada.
Sobre este particular, tampouco están libres outros telexornais. Pero o de hoxe, por tosco e reiterativo, serviume para renegar da televisión pública galega para moitísimo tempo. Non ían gañar conmigo un televidente máis (iso segurísimo), pero non pensaba eu que podían gañar a un tevegafuxido para case sempre.
Que por outra parte, hai que recoñecer, tampouco ten para eles a máis mínima importancia.
2 commenti:
Falar de manipulación dunha noticia, por caso, implica entón considerar posible un grado cero na narración. Unha posible historia contada sen intervención humana, sen pegadas de quen a escribe. Calquera sabe (ou pode imaxinar) que isto é imposible. Por tanto, falar da manipulación das noticias é case que tan inxenuo como consideralas verdadeiras.
Todas as historias, e as noticias non son mais que historias, deixan ver as pegadas de quen as escribe, de cómo as escribe e de qué pensa sobre o que escribe (e sobre o mundo en xeral). Isto é o valioso: a posibilidade de ver qué mundo, qué Galiza conta a TVG.
Unha expresión como "calquera sabe" é moi perigosa. O problema, ao meu ver, non é tanto a manipulación das noticias en sí como o intento, imaxino que consciente e ben artellado, de manipular ao auditorio de tales noticias.
A maior inxenuidade é, na miña opinión, considerarse a salvo da propia inxenuidade. Toda actividade lingüística é ideolóxica e transmisora de valores (morais, políticos, etc.), pero poderemos estar de acordo en que hai maneiras e maneiras. Un sempre pode dudar da verdade (sexa isto o que sexa) do que di, e non so do que din os outros.
Pola miña banda síntome máis próximo a Montaigne que a Buruaga, as cousas non son así como se contan.
Dito esto, é útil acudir á etimoloxía e darse conta de que "informar" non é máis que dar forma, e nos, como bos (ou non tan bos) amantes da lingua e a reflexión, sabemos que a forma non é máis que unha parte do contenido, do fondo.
E no fondo, e polo tanto na forma, a manipulación, a persuasión, e verbas como "verdade", "mentira", "xustiza", etc., forman parte do noso diccionario vital, pero penso que é moi necesario ter en conta que non son máis que palabras, vacías e intrascendentes como casi todo.
Posta un commento