Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 maggio 2011

IRLANDA (10)


A mañá aparece de novo cunha temperatura moi agradable. Temos que ir buscar o coche de aluguer ás nove, nunha oficina perto da estación de trens de Dublín. A pesar da hora, xa non demasiado cedo para o meu entender, apenas están abertas nin as tendas nin os comercios e non hai moita xente na rúa: evito o natural parangón. Cruzamos cara o oeste a cidade. Algunhas rúas xa as coñecemos. Preferimos variar. Cruzamos polo mercado de froitas e froles aínda moi en activo que está no medio da cidade. Un edificio do século XIX, probablemente no que antes era a entrada norte da cidade, no que en tempos foi zona franca mercantil. Agora é un gran armazén ao por maior, con furgonetas e coches demasiado grandes para maniobrar neste espazo. Sorprende que no medio de Dublín permaneza esta infraestructura. Máis adiante, unha zona nova, aínda por estrear, detrás da vella destilería da Jameson, de casas presumiblemente high tech, Smithfield, agora case de prefabricación esperable. Unha grande esplanada (nin os irlandeses escapan a esta tendencia pola ágora pelada) parece o destino, se facemos caso aos enormes cartaces que anuncian actuacións pagadas pola unión europea. Hai tempo visitara Bristol e un lonxano parecido deume que pensar sobre a homoxeneidade do urbanismo moderno. Pero aínda queda por esta zona o axitado mundo dos vellos mercados. Decidimos camiñar ao longo da vía do tren lixeiro. Para construilo houbo que sacrificar afortunadamente unha rúa principal para os carrís: agora é unha estrada nova de adoquíns e beirarrúas dun granito inmaculado, pouco transitada, exenta de actividade comercial (só un museo do exército creo lembrar como dotación visitable) ou de interese para o camiñante, a pesar das moitas comodidades que para este ofrece. Unhas elegantes marquesinas, recentísimas, cunha información electrónica en paneis do trinque, abeiran aos numerosos usuarios deste fulgurante tranvía. Por esta parte da cidade, os investimentos lucen esplendorosos.
Chegamos á oficina de aluguer. Tiñamos reservado un vokswagen touran, pero temos que conformarnos cun honda de gasolina, pero automático, novidade para min. Conducir pola esquerda non é novo, pero non estou eu tan afeito, e menos cunha palanca que descoñezo. Tardo en controlar o coche, pero non hai moito tempo para aprendizaxes porque os Cliffs de Moher quedan un pouco lonxe e convén tirar xa pola autoestrada de inmediato. Abandoamos Dublín moi rapidamente: ou a miña impresión é esa, se cadra porque os espazos verdes na propia cidade (árbores ás beiras das estradas, xardíns e muros con vexetación tamén frondosa) fan a transición ao mundo rural imperceptible. A autoestrada é nova novísima, ampla, con bermas enormes, e un paisaxe permanente de prados cuidados, casas non especialmente rechamantes, máis ben de sobria construcción nova, e chantas de granito escuro para marcaren os lindes das leiras. O horizonte, chao, é moi homoxéneo, ás veces algo monóntono; o tráfego, fluidísimo, por momentos moi escaso (pregúntome a utilidade da autoestrada unha mañán calquera de luns, habitualmente sempre de gran movemento); o tempo, espléndido, cunha luminosidade cegadora.
Antes de chegar a Galway tomamos o desvío para os Cliffs. Comezan as estradas estreitas e sinuosas, as infinitas rotondas nas que hai que profundizar na idea de circular sempre pola esquerda. As estradas estreitas fanse estreitísimas a cada kilómetro e aínda máis coa invasión das sebes sobre a calzada. Nunha curva con cambio rasante golpeo o retrovisor cunha ponla sobresainte. O impacto asusta, pero non causa desperfectos: si obriga a irmos aínda máis a modo e parar cada vez que nos crucemos con outro coche de fronte. O meu propósito de facer un pequeno rally do cocido (aínda que o intento canda a estrada despexada) queda para outra ocasión. Sobre todo, porque asoma á dereita a ría de Kinvarra e o Castelo de Dunguaire. E non é cousa de acelerar o tempo e perder unha das marabillas desta terra.

Nessun commento: