Desde que o meu pai fora a Irlanda e trouxera dalí, aparte dunhas copiñas e dunhas cunquiñas moi xeitosas para elaborar o café disque irlandés, unha imbatible fascinación polo modo de vida das illas británicas, ampliada máis tarde coa visita (fugaz) a Londres e a Birmingham, na miña casa por contaxio completo somos anglófilos de pro, incluida miña nai que nunca estivo alí. Con quince anos pisei eu mesmo terra inglesa (daquela metín o zoco mesmo en Chester e mirei de lonxe Escocia desde o Lake District). Desde aquela, eses países (coas súas diferencias internas que só o máis estudiado pode advertir) forman parte da miña educación sentimental e mesmo da miña forma de comprender o mundo. Supoño que se viaxara de primeiras agora o meu parecer sería moi outro. Pero ir, co franquismo recén morto (colliamos daquela o avión desde un caluroso Madrid case o mesmo día en que Suárez fora encargado para facer governo), e visitar aquela sociedade foi para min definitivo, inesquecible.
Volvín moitas veces á Gran Bretaña. Moitas, sempre co desexo de recargar os meus vellos entusiasmos, a miña arraigada devoción polo xeito de vivir daquelas xentes. Un ano, incluso, recorrimos a illa enteira de sul ao norte pola costa este ata chegarmos a Inverness e de norte ao sul pola beira oeste para lembrar aqueles lugares da adolescencia, Southport, Blackpool, Liverpool, que foron en min tan decisivos. Londres, unha decena de veces visitada, é unha das miñas cidades favoritas. Bristol, York, Oxford, Brighton, Canterbury, Whitby, Scarborough, Cambridge, Manchester, Durham, pero tamén Edinburg, Fort William, Oban, Glasgow e as paisaxes fermosas dos highlands escoceses, os páramos de yorkshire ou os citados lagos en Windermere. Sempre que podo regreso onde sexa para renovar esa miña predilección.
Todo este preámbulo para falar da impresión causada polo meu primeiro viaxe a Irlanda. Coma os fermosos recordos de tantas viaxes á illa veñan á memoria, vai ser difícil empezar o relato. Porque ou representan tanto para min ou Irlanda chama por eles!!
Nessun commento:
Posta un commento