Na viaxe case nouturna desde o aeroporto novísimo e espléndido de Dublín cara o centro, un empeza a recoñecer os signos familiares: a lentitude da conducción, a proliferación de roundabouts, o piche nas beirarrúas, as casas empoleiradas sobre unha pequena montaña de herba ben cuidada, os parques asilvestrados con portelas de ferro e muros de ladrillo vermello anegratado, as primeiras luces sobre o dourado ou o prateado dos rótulos dos pubs, que a medida que nos achegamos ao centro van aumentando, o sinuoso das rúas, esa característica anticlásica que pretende respectar o desnivel das superficies, as imperfeccións da naturaleza, a estatura humanizada dos edificios nesa antiga estrada que comunica Derry e Dublín e que agora serve de limiar a esta ondulante capital de Irlanda. O autobús xira cara O'Connell Street e para diante do Hotel Gresham. As beirarrúas nesta elegante avenida son amplas e recén remozadas con granito gris impoluto. Nos bares, a estas horas da noite, algo fresca, soa música algo alta para o esperable (alomenos por min) nas illas. Fóra, co tabaco e vestidos con apenas unha camiseta eles e unha mínima blusa elas, grupos de mozos e mozas desafían o tempo con cánticos e berros de euforia. Cruzamos no semáforo da Rotunda e camiñamos por Parnell Square con iluminación algo menos poderosa. Pasamos pola sede do Sinn Féin, miramos a longa ringleira de paradas de buses e observamos a clásica rúa de casas semellantes, con soto e pequeno acceso de reixas ás portas pintadas de distintos cores. Ao final da rúa, o hotel. Tras apousentar, un pequeno refrixerio, xa noite aberta, nun take away de fish and chips (ese cheirume que esquecera), kebab e hamburguesas, rodeados de novísimos rapaces que agardan a comida para sentarense fóra, nunha escaleira, a cumprir coa cea. Mentres agardamos nós, eles montan nun coche pequeno e saen decididos pero tranquilos a tomar a noite. A hamburguesa en mans dun italiano que atende e unha pakistaní que serve merece moito a pena. A noite fica algo morna e camiñamos paseniño cara o hotel. Miramos pouco. Case nada de Dublín. A rúa está case baleira. Look right, look left coma sempre no chan. Foi suficiente un lixeiro arrecendo a vinagre impregnando o papel de estraza para lembrarme unha tarde baixo a torre eiffel de blackpool e o vento asubiante das eternas praias de southport onde nunca aparece o mar. Esta cidade promete.
Nessun commento:
Posta un commento