Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 maggio 2011

IRLANDA (4)


Quedei no último post antes de cruzar o río Liffey cara o sul. Pásoo agora e observo os bancos cun cristal duro detrás para preservar do vento que procede do mar. Por isa parte da cidade, ondúlase algo máis o terreo. Pódense distinguir ao fondo os edificios do Castelo e á dereita as ruelas (a Cows Lane) por onde comercian artesáns e cociñeiros baixo a marca de alimentos orgánicos, verdes e ecolóxicos. Un ambiente tranquilo de mañán, coas fumaradas dunhas patacas fervendo. Sobrio e moi ben posto, con escasas concesións a un tristeiro enxebrismo. Táboas de rexa madeira, potas de metal, queixos empaquetados con primor e case luxo, entre cafés algo finos, como de happy few, e unha librería limpa e transparente. Seica, polo que vin na guía, que é lugar de atracción para os visitantes, aínda que non me pareceu ateigada nin sufocada polas hordas de turistas que somos.
Subimos cara a dereita para mirar as pedras grises da catedral de Christ Church, rodeada de árbores desordeadas e unha herba recén cortada e camiños de brancas pedriñas. Un potosí custa a entrada e parece que o buxo de fóra é máis interesante ca padecer de novo estampas cruentas demasiado familiares. O tempo ameaza algo de orballo e aínda queda unha boa xornada. Decidimos baixar cara saint Patrick, outra igrexa catedral, de idéntica fasquía, pero cun xardín de xeometrías imperfectas, adornado con parterres de tulipáns recén nacidos. Pasamos tamén de largo dos interiores porque as voces da librería Marsh pregaban por nós. Subimos as escaleiras daquel pequeno edificio pegado aos terreos da catedral. Somos recibidos de forma exemplarmente hospitalaria por un home que nos pregunta o idioma que falamos para darnos o folleto explicativo. Sen nos responder, achéganos a unha táboa onde están as traduccións aos varios idiomas do mundo: tamén ao español, ao euskera, ao catalán e ao galego. Cun inglés reverencial vainos proporcionando as indicacións necesarias para admirarmos os nobles andeis de madeira antiga e escura, cheos de libros, ordeados de maior a menor según ascenden os pisos da estantería. No medio unha exposición en vitrinas sobre libros da propia biblioteca sobre medicina: ilustrados na meirande parte, escritos en distintos idiomas, de diferentes épocas. Fantástica e marabillosa sen discusión. Pasamos a outra ala da biblioteca onde continúa a exposición. Entre unha e outra sala, un despacho onde dúas mulleres parecen atender o tráfego diario da biblioteca. Unha delas pregunta de onde vimos sendo: precisamos lugares e nese momento a outra muller diríxese a nós nun español que xa quixera eu para o meu inglés e comeza a falar de Santiago, das rías baixas, de Galicia, en fin, cunha emoción nada impostada. No silencio daquelas salas, a voz desa muller, xa algo maior, a piques, creo eu, de se xubilar, é un inesquecible detalle desta visita encantadora.
Ao saírmos pola fermosa rúa Saint Patrick's Close, con forma de lixeira curva, coa verxa do xardín e do cemiterio de saint Patrick á esquerda, cos muros de pedra algo elevados sobre as beirarrúas á dereita, coas dobles liñas amarelas pintadas na estrada, coas árbores que xa deixaban ver as flores, experimentamos ese momento especial que toda viaxe ofrece de xeito inesperado. Non sei se foi o perfil das lápidas do cemiterio ou o arrecendo imperceptible das follas molladas pola poalla. Non o sei. Pero a memoria tende a fixar esta instantánea de Dublín con serias probabilidades de ficar en nós para sempre.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Hai un aparente silencio encol destas crónicas viaxeiras, que pode inducir a pensar que non interesan á audiencia habitual do seu blogue. Non podo falar polos demais, pero quero facerlle chegar a miña satisfacción e o meu interese polos seus reportes. Sempre gustei dos libros de viaxes, tanto dos de ficción coma dos reais. (Onde clasificar A Biblia en España, de don Jorgito?) Incluso disfrutei da viaxe francesa de frai Gerundio e Tirabeque. Cousas. En fin, que moi gorentosas as súas crónicas. Saúdos.

arume dos piñeiros ha detto...

Agradécense os ánimos. Moito. Non crea. Entendo que a xente visita este blog, pero nunca canto (as estatísticas funcionan de pena) nin, xaora, como. Moitísimas gracias, logo.