Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 marzo 2017

IDIOLECTO MATERNO: SERVUS

Falaba en facebook hai uns días sobre o uso da expresión trust joyeru da miña nai. Hoxe venme á memoria outra desas palabras que miña nai utilizaba con naturalidade pasmosa pero que non escoitaba en ninguén máis. Desas que fóra da casa ninguén entendía, cando non poñían cara de rareza absoluta. É o caso de servus para o betún dos zapatos. A chegada de internet permitiume de novo comprender a singularidade da miña nai no emprego da lingua. Nunca ata ese momento reparara en que podía ser vocablo latino: tendía a velo escrito mesmo con b, por afinidade coa palabra betún. E non son dos que non reparan nas palabras para abranguelas en todos os seus sentidos. Coma no caso do trust joyeru, foi a hemeroteca a que abriu o meu coñecemento e a publicidade a orixe de tal termo. Tratábase dunha vella marca de crema de zapatos, que por antonomasia en certas partes do país ocupou o lugar léxico do betún. Agora que reviso esta palabra pola grande rede vexo que mesmo o Diccionariu dela Llingua Asturiana teno incorporado coa variante deturpada de "servos". Tamén vexo ocasionais referencias a este uso en blogs ou en columnas xornalísticas de persoas máis ou menos vencelladas a Asturias e arredores. Non está mal comprobar a extensión do seu emprego, agora se cadra algo esquecido, pero para min dicir crema de zapatos ou betún non deixa de ter un aquel cutre, insípido e paradóxicamente incoloro. Seguro que tras o nome hai insinuacións racistas (teño que miralo con maior atención) pero botarlle ao calzado servus pertence ao mundo ritual e casi místico da infancia.   

1 commento:

Nata ha detto...

A verdade é que, que unha marca dunha tintura de zapatos aluda ó vocablo latino de "escravo", paréceme tremendamente suxerente! Agora ben, ten isto un tinte (nunca mellor dito) racista, como teorizas, en consonancia coa cor do betún, ou máis ben refírese a esa posición que adopta un escravo ao bicar os pés do seu amo? Se cadra, o xogo da palabra vai máis alá e ten ambas connotacións... Interesante post...