Onte fomos a Tui: ao Play-Doc.
Presentaba en primicia Carmen Bellas o seu documental titulado Una vez fuimos salvajes, dunha hora de duración. Bellas retrata a vida cotián en plena canícula do barrio de San
Cristóbal de los Ángeles, un espacio ben acoutado da periferia sur de Madrid. A
cámara alterna os planos fixos dos edificios ou de trens de mercancías baleiros
que pasan polo extremo do barrio con planos axitados de violentos travelings
que tentan perseguer os movementos frenéticos dos nenos que xogan nos xardíns,
dos adolescentes que patinan no cemento ou fan parkour, dos mozos algo maiores
que celebran o seu cumpreanos nas gradas do parque ou camiñan pola rúa con aire
de indolencia suma, dos feligreses dunha comunidade religiosa que celebran con coreografías
televisivas a paixón de Cristo nun alpendre de madeira.
Escoitamos a penas as
súas voces, os seus acentos, as súas músicas de mesturas extraordinarias.
Tentamos seguir as súas vidas nas escasas palabras que emiten, fragmentarias.
Asistimos as súas pequenas liortas, compartimos de moi perto as súas sorprendentes
expectativas. Vemos, baixo unha luz de solpor, de seráns infinitos (cunha
fotografía de cores cálidos pero escurecidos), o imperio da mestizaxe, a
presencia dunha infancia de distintas cores, distintas procedencias, pero
comunicada máis ou menos cunha lingua franca que pode ser o español
estandarizado dos distintos madrides.
Por riba das imaxes, unha voz en off
descrebe o propio proceso de filmación do retrato. Unha voz en off que non agocha
o seu parecido có da directora e que tenta transcribir o diálogo cunha persoa,
entre real e ficticia, que serve de guía para o barrio. Coma a propia directora
indicou antes do comezo, a película vai pasando de ser un retrato máis ou menos
verídico dun barrio de Madrid a unha reflexión persoal. Os xogos inacabables dos nenos e nenas
do barrio, que pasan todo o día desde a mañán ata o lusco fusco no parque ou
nas inmediacións das súas casas pero nunca dentro de ningún lado, conducen á
directora á lembranza da súa propia infancia e daqueles tempos en que,
remedando o título, eramos salvaxes.
A película gustou moito ao numeroso público que asistiu á estrea: andará
por Madrid a finais de xuño, na Cineteca de Matadero. Non a perdan: un extraordinario e preciosísimo documental que hai que mirar.
Nessun commento:
Posta un commento