O do holandés ese que tira a dar ás xentes do sur desde un posto de responsabilidade grandísima ofrece unha interesante lección política, fóra do impresentable do caso. Penso sobre todo na clase política dos países do sur, ofendida en bloque por tamaño insulto. Non é difícil escoitar inter nos semellantes comentarios sobre andaluces ou levantinos pronunciados por outras xentes do país, ou escoitar, sen recurrir a estes marcados lindes xeográficos, palabras parecidas cando se trata de falar de quen recibe axudas sociais ou mesmo pertence a algún colectivo laboral auxiliado polo Estado. En Italia o caso é aínda máis flagrante, porque certos movementos políticos viven do ataque furibundo contra cidadáns doutros lugares de Italia. E quen non escoitou frases case coincidentes desde España contra Grecia, en xentes instruidas e aparentemente capaces? Agora eses mesmos piden fulminante demisión a quen fai burdo alarde desa mesma especie. Non fai falta tampouco ser calvinista para recoñecer que moitos cartos malversados dos últimos anos, roubados directamente do Tesouro público, foron empregados en máis ou menos disimuladas orxías erótico festivas por parte de homes que presumían de tales fazañas prostibularias. Pode parecer racista e sexista o comentario censor, pero non se alonxa en exceso, neste aspecto, do que vimos en varios homes (homes) implicados nos escándalos económicos dos últimos e dos penúltimos tempos en España. Eu non identifico nese perfil a meirande parte de concidadáns, pero si creo adivinar en particular aos (digo aos) que utilizaron eses cartos públicos (públicos procedentes moitos deles de fondos europeos) en beneficio (alcohólico e sexual tamén) propio. Que o zafio neerlandés debe deixar o seu posto non admite, ao meu entender, dúbidas. Pero convén non escandalizarse en exceso: que, por un lado, estamos afeitos a escoitar moi perto de nós insultos así sobre o próximo, máis ou menos connacional, e, por outro, tamén vemos o que vemos ou lemos o que lemos. E o peor é, que visto o visto, ademáis, votamos o que votamos.
Nessun commento:
Posta un commento