Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 marzo 2017

RACHMANINOV, MÚSICA CLÁSICA E OUTRAS HERBAS

Onte fomos ver a unha pianista ucraina, Anna Fedorova, e, sobre todo, a escoitala tocar a Rachmaninov (pronunciado esdrúxulo) xunta a Orquestra Sinfónica 430 de Vigo. Non foi un concertazo memorable, pero foi unha estupenda maneira de pasar dúas horas. Se o conto, non é por pedantería cultista, senon porque foi a primeira vez en anos que ía a un concerto de música clásica. E cando digo anos, digo decenios. Non conto unha sesión da Cavalleria Rusticana no teatro de Taormina, que era máis unha experiencia mística e lúdica ca outra cousa. Se cadra, un Don Giovanni no Met de NY, tamén por aquela cousa de ir ao Met, pode lembrarse como das últimas veces que fun. Non son de concertos: digámolo máis concretamente: non me gustan. Abúrrenme. Probablemente porque eu nunca fun de deixar de facer cousas por facer só unha. E escoitar música clásica, que me encanta, non está nas miñas metas persoais. Onte, non obstante, se cadra pola compañía entusiasta, paseino ben. Pasóuseme o rato ben contento. Deume tempo a pensar canta xente ama a música, esa disciplina artística excelsa e case imposible; pensei sobre todo en canta xente nova tocaba no escenario, e como tocaba, con que arrobo nalgún caso, con que atención suma a cada indicación do director, moito maior que todos/as eles. Había claque (non sei por que a Academia non pon cla) e había algo importante nestes casos para min: un grado de espontaneidade ou informalidade que, seguro, para moita xente é censurable. Esa pretenciosidade do espectáculo musical clásico sempre foi unha rémora para min: todo o que evite ese puntito engolado e elevado do mundillo este sexa benvido. A leitura de James Rhodes neste aspecto abre unha leve esperanza.    

Nessun commento: