Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 marzo 2017

FARAMELLO: A FÁBRICA DE PIOMBINO


Houbo un tempo, hai xa case trinta anos, en que adoitaba ir por alí. Baixaba pola estrada vella de Santiago cara a Cambados co meu Ibiza bermello a unha velocidade que hoxe daría escándalo. Pasei o outro dia por alí e lembrei aquelas carreiras insensatas por lugares que hoxe hai que cruzar a 50 por hora. Entre eles, o Faramello. 
Para min, o Faramello era un cartel no medio da estrada, sen outro significado ata o día de onte en que fomos visitar o Pazo que alí se atopa. Reserváramos antes para a visita guiada daquel entorno especial e único, nunha tendida curva do río Tinto, por onde ía o camiño da traslación do apóstolo compostelano. Alí medrara hai agora máis de 400 anos unha pequena fábrica de papel e con ela un relevante motor económico da zona durante case séculos, da man dun industrioso xenovés chamado Bartolomé Piombino. A historia deste Pazo extraordinario pode atoparse en calquera enciclopedia interneteira pero a visita comporta novidades e achádegos sorprendentes e fascinantes. Propúxenme explicalos aquí, nun post divulgativo e gorentoso. Pero creo que vou tomar a decisión de que comproben por vostedes mesmos a singularidade daquel vizoso paradiso. Só digo que o horario é sinxelo de memorizar: sábados, domingos e festivos, ás 12, ao pe do Pazo, viño e petisco incluido. Faramello. Na vella nacional 550, perto xa de Escravitude/ Padrón. Xa saben.

Nota: A foto é de IPP.  

Nessun commento: