Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 marzo 2017

CASA RAMALLO: LAMPREA PERTO DE EXTRAMUNDI


Estabamos polas terras rosalianas e decidimos xantar en Casa Ramallo, por aquilo da nostalxia e por lembrar vellos tempos. Cando un pretende lembrar, busca engarces co pasado e intenta facer un pequeno axuste actualizador: o que non concibe atopar é unha copia case exacta do pasado completo, todo enteiro. No caso desta vedraña casa de comidas de Rois, a carón de Extramundi (esa parroquia cuxo nome excede con creces a belleza do lugar), así acontece. O tipo de comida, a branca mantelería perfumada, a louza de santa Clara, de azul cobalto e branco, o arrecendo a guisos con azafrán e fariña para espesar o caldo e a señora que recibe ao comensal mentres frota as mans máis por timidez ca por friaxe son atrezzo dunha forma tradicional da restauración galega. Nin mellor nin peor ca outras, pero identificable cun xeito algo antigo de comprender estes momentos básicos da vida en Galicia. A lamprea era a estrela da sesión e a ela adicamos todo o esforzo, que foi largamente recompensado. Apenas unha botella de viño de Godello e unha chiscadela ao queixo con marmelo para culminar a vianda viejuna. A clientela semellaba parroquiana, case feligresa dunha devoción golosa que aínda sobrevive. Poño "aínda" como se sospeitase eu que algunha vez fenecerá, máis que nada pola media de idade que acostuma celebrar estas paparotas. Noutros lugares o aggiornamento desta clase de xantares xa está presente, pero en Casa Ramallo un aínda asiste a un ritual como de outra época, cos ritmos e sabores da tradición. A volta do pasado perto de Extramundi foi completa.  
Nota: despois de feito o post leo un dos enlaces que inclúo coa sorpresa de atopar case o mesmo que eu escribo.  

Nessun commento: