Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 settembre 2007

AS GUÍAS DE VIAXE

As guías de viaxe son complemento imprescindible tan pronto como sabemos onde vamos movernos. Corremos á primeira librería para follear cal parece aportarnos máis datos. Como non sabemos nada do lugar en cuestión, eliximos por intuición ou por indicacións ás veces un pouco irracionais: as boas fotos, as ilustracións moi ben deseñadas, a claridade da tipografía, pero é evidente que pouco relacionado coa información sobre o lugar que imos visitar. Entre as máis coñecidas atópanse as de EL PAÍS-Aguilar, que, en realidade, son traduccións da elegante editorial inglesa Dorling Kindersley, adaptadas, ao parecer, para o lector español. Na última que comprei para unha zona de Italia atopei entre as precaucións estas xoias: "En verano, ya esté en la playa o en el campo, protéjase del sol para prevenir quemaduras e insolaciones. Si hace viento, es posible que no se dé cuenta de que se está quemando (...) Recuerde que en X puede encontrar cerdos, ovejas, vacas y caballos pastando en el campo abierto y algunos se le acercarán a la tienda a buscar comida. En las zonas de montaña evite a los perros pastores: están amaestrados para intimidar a los intrusos". "La campiña es muy agreste, pero afortunadamente no hay serpientes venenosas".

En Italia publican unhas excelentes guías a cargo do Touring Club Italiano. De feito, dá a impresión de que moitas outras collen información e datos daquelas, que acostuman actualizarse cunha frecuencia notable. Non así estas de EL PAIS, que presentan ás veces fotos antediluviáns. Cren que con cambiaren o das liras polo euro, está todo feito.

Pero, volvendo ás guías, mesmo ás mellores, o capítulo que máis me interesa é o da historia local. Como vou case sempre a países dos que coñezo algo a súa historia xeral, resúltame máis ou menos sinxelo comprender os distintos periodos dos relatos ad hoc. Sen embargo, a obriga de sintetizar e de comprender en poucas páxinas o que desde logo son varios séculos produce a incomodidade (por chamarlle dalgún xeito) de atopar expresións que, por tópicas, están sendo bastante habituais.

O modelo da historia dos lugares que visito é sempre o seguinte: uns tipos descoñecidos habitan o lugar desde moi antigo, sabemos algo deles, pero pouco, unhas ferramentas (que se atopan todas no arqueolóxico da cidade máis próxima ou na capital) e pouco máis. Que se enterraban ou non, que se comían trigo ou non. Cousas so estilo. A prehistoria. A historia sempre comeza cun fenicio ou cun feixe deles, presentados como uns comerciantes de primeira, con moedas nas máns, que cunha intelixencia fóra do común fundan cidades, xusto onde están as actuais, nun lugar privilexiado para entrar e saír e facer negocio. Así medran eses lugares.

O xusto para que xa veña por alí todo xénero de xentes. Entre eles non podían faltar os románs que chegan poñamos no século II a. c. e quedan alí romanizando uns cantos séculos. Así figura en case todas as guías: unha romanización que dura sete séculos. Por suposto, ese concepto sempre ven lastrado dun compoñente negativo, como o dos fenicios, o dos gregos ou dos púnicos que son os fenicios pero máis renovados: sempre chegan de fóra e molestan aos da casa, que xa nese momento xa non sabemos de onde veñen sendo. A caída do imperio román é, a pesar de todo, unha traxedia: chegan os bárbaros. Pero, a pouco que un avance no relato histórico, resulta que eses bárbaros son o comezo da "identidade" dise sitio: uns longobardos por aquí, uns ligures que baixan, uns aragoneses que ven tamén choio. Todos eses van chegando en sucesivas oleadas, por suposto, coa creación de numerosos pobos, pero, sobre todo, castelos, muros, bastións, cidadelas inaccesibles. A narración dese periodo é, para mín, un perfecto caos. Como non sabes quen era quen, comezan con que Alfonso V (ou III, que máis ten) rexeita aos que estaban antes que non sabemos onde van parar e forma nunha rocha confortable unha nova cidade, cunhas murallas que agora serven para albergar o clásico teatriño ao ar libre para o verán. A partir dese momento, pasan tamén varios séculos baixo a dominación dos maños e dos cataláns: o pior momento da súa historia, porque sempre hai un periodo terrible da historia dun país que soe coincidir coa chegada de conquistadores que esquilman e rouban todo o que atopan. Eso sí, recoñece a guía que a maior parte da riqueza artística da zona débese case en exclusiva a esa xente, moi devota, moi preocupada polas apariencias. É curioso cómo neste caso, a guía fai un estrano comentario sobre ausencias: non hai renacimento como en Toscana ou en Roma. Se non o hai por que entón sacalo? Para tocar as narices? En Italia todo o fetén é etrusco, se non hai etruscos, entón estamos diante dun país cativo.

A castigada parte aínda non italián chega ao seu momento clave: a chegada dos Savoia, e con eles a italianità. Hai que recoñecer que a guía neste momento deixa de contar porque entende que os seus lectores comprenden o termo, pero aquí, sen dúbida, empeza a afinar de carallo o historiador sintético. E aquí o lector pouco avezado empeza a naufragar e a pasar páxinas ata chegar á actualidade, despois do clásico unificación, fascismo, dopoguerra, hoxe. O interesante das guías de Touring Club é que o narrador síntese na obriga de facer un comentario seu sobre a situación do lugar no momento en que escribe e, desde logo, resulta a parte máis orixinal, máis atrevida (non dá espacio para a compracencia: hai guías nas que o lugar que visitas parece desaconsellable) e máis interesante.

En fin, que a miña loita contra as guías acabou por uns días. Pronto atacarei outras. É parte consustancial da viaxe.

2 commenti:

torredebabel ha detto...

eu será que teño mala experiencia neste asunto porque as que vin da Arxentina daban ganas de buscar aos seus autores e aforcalos directamente!! non so eran prexuizosas e inexactas, senon que ao momento de contar a historia local eran imprecisas e tendenciosas completamente.

Anonimo ha detto...

Non quixen ser tan franca como vostede, pero efectivamente as historia locais son sempre dun tendencioso e posúen un toque entre xenófobo e racista que asusta. E o máis sangrante do asunto é que moitas persoas que nunca leron máis alá de dúas liñas de historia coñecen datos históricos tirados destas guías, escritas co propósito noble de ensalzar o lugar e co deleznable de andar soltando barbaridades sobre os demáis.