
A proposta do meu post anterior require unha pequena explicación. As principais razóns que levaron á escisión en tres universidades están expostas no preámbulo da lei aprobada en xullo do ano xa lonxano de 1989. Todas elas, sen excepción, son agora completamente
impertinentes. Ou, miradas con certa perspectiva, xa eran daquela frouxos motivos para a división triversitaria.
A decisión do tripartito contentou a moitos sectores sociais e mesmo a boa parte dos membros da comunidade universitaria, que criticaban a excesiva dependencia dun poder centralizado en Santiago á hora de elaborar novos planos de estudios, de desenrolar novas iniciativas investigadoras ou mesmo de abrir tamén novos e interesantes vencellos co tecido industrial e productivo das cidades onde se encadraban. A escisión foi vista con moi bós ollos por entidades locales que consideraban a institución coma fonte indudable de riqueza. En cidades coma Vigo, carente dunha mínima estructura burocrática por non ser capital de provincia, a chegada da universidade foi celebrada como un poderoso motor de beneficios e influencias.
Case 19 anos máis tarde, e cunha crise económica por riba, que no caso da universidade vese agravada por unha sensible perda de alumnado, a opción de construir unha universidade nova, como resultado da fusión das existentes, debería ser alomenos obxecto de debate. Son consciente de que plantear este asunto, sen a necesaria vontade política de mudar as cousas, resulta inútil. E, sobre todo, se contamos cunha clase política máis desexosa de compracer coa conservación do status quo (coa absurda pretension de non ter problemas) que de solucionar os existentes.
Unha opción coma a que propoño -que non é a resurrección da vella universidade compostelá con satélites máis ou menos autónomos senón a creación doutra nova sobre a base descentralizada das actuais- pode resultar máis eficiente. O aforro en burocracia (que non, como alguén pode entender, en recursos humáns) sería notabilísimo, non só na eliminación de triplicidades, senón tamén no proceso de elaboración de planos de estudios (que podería evitar as novas duplicidades que se albiscan a pesar dos disimulos), na consolidación de supergrupos de investigación que agora xa traballan xuntos pero que precisan sempre de licencia para actuaren dese xeito, ou na creación de útiles sinerxias (que raios quererá dicir esto) que poderían colocar a universidade galega nun posto relevante no contexto máis próximo.
Os principais obstáculos a unha proposta desta natureza han ser os poderes locais, receosos de ver minguar a rentabilidade que proporciona o mero nominalismo que supón contar cunha universidade que porte o seu nome. Nos tempos da rede a centralización física do poder sería improcedente e, polo tanto, cada campus podería sentirse lexítimamente núcleo e parte central desa futura Universidade de Galicia. Non estariamos, como dicía antes, na vella Universidade de Santiago de Compostela, senón na Universidade de Galicia, organizada internamente coma unha rede de centros eficazmente integrados e suxeitos a unha máis ordeada e lóxica estructura.
Aquí vai a miña proposta. Polo de agora.