Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 ottobre 2008

IDENTIDADE



Detesto a palabra identidade ou alomenos o seu abuso (co seu plural correspondiente, signo de modernidade(s)) nos tempos que corren. Panacea, bálsamo, angarilla, caxato ou podio para discursos de medianía, intervén nas ágoras como pirixel taumatúrxico, a cuxa pronuncia acode o orbe e o avutre. Para conxurar o termo, apuro un lixeiro exercicio lexicográfico, co tesouro académico hispánico como referencia. Veleiquí o resultado.
Pescudo no Diccionario de Autoridades de 1734 e topo: "Razón en virtud de la cual son una misma cosa en la realidad las que parecen distintas". En 1803, o DRAE muda levemente a definición: "La cualidad de ser idéntica (lo que en la substancia o realidad es lo mismo que otra cosa) una cosa con otra". O DRAE de 1899 engade a acepción matemática: "Igualdad que se verifica siempre, sea cualquiera el valor de las variables que su expresión contiene". Unha aclaración forense aparece engadida no de 1927: "Hecho de ser una persona o cosa la misma que se supone o se busca". No ano 1984, agroma un valor filosófico, "Igualdad de una cosa con ella misma", ao mesmo tempo que un procedente da lóxica: "Proposición en la cual los contenidos representativos del sujeto y del predicado son idénticos". No ano 1992 eliden estes dous engadidos modernos e deixan o lema á mesma altura de 1970, coas acepcións de "Calidad de idéntico" e as xurídicas e matemáticas, antes presentadas.
DRAE actual inclúe as dúas acepcións tautolóxicas que hoxe tiranizan o discurso das humanidades: "Conjunto de rasgos propios de un individuo o de una colectividad que los caracterizan frente a los demás" e "Conciencia que una persona tiene de ser ella misma y distinta a las demás". O DRAE pleonástico e eu satisfeito. 

Que ben senta o exercicio, aínda que sexa lexicográfico! Osixena a mente e despexa o nariz durante horas.  

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Non se me enfade por o enlace:PREMER.

Anonimo ha detto...

Di o Apicultor:


Identidade(s) como caixón de xastre ou noción esbaradiza. Pero tamén quizais categoría necesaria despois de depurala todo o que se poida.

Identidade(s) múltiple(s).
Identidade(s) colectiva(s).
Identidade(s) nacional(is).
Identidade(s) de clase, xénero ou étnica(s).
Identidade(s) primordial(is).
Identidade(s) adquirida(s).
Identidade(s) construída(s) e deconstruída(s).
Identidade(s) asasina(s).

Identidade(s) de róncalle o nabo...