Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 maggio 2009



Os anuncios sobre magnos proxectos para a cidade son unha constante ben viva dos últimos anos en Vigo. Desde a famosa colineta encantada que baixaba desde a Madroa, presentada por Manuel Pérez, premiado cunha prolongada estancia en Bruxelas e reaparecido cada ano por esta cidade con motivo das enchentas organizadas por Os de Lugo, ata o paseíyo por terrazas protagonizado por Rafaeliyo er Moneo para mirar de remover a praza do Rei, os cidadáns vigueses asisten de cando en vez a espectaculares presentacións mediáticas que, ao cabo de pouco tempo (algúns case nin chegan ao ano), quedan en papel mollado ou, para expresión máis propia dun artista esixente (e non de estafadores, que é o que demostran), en caixóns de (de)sastres arrumbados para unha sempre mellor ocasión. 
Hoxe o que figura como gobernante propón gardar o proxecto de restructuración do campo de Granada (xa encargado en febreiro de 2008 e visitado o mes de maio do ano pasado) por falta de cartos. Estes días cabían certas dúbidas sobre a saída sul do AVE, que quero pensar non afecten á xigantesca ágora proposta no ar (en outono do ano 2008) por Thom Mayne (para cando a maqueta, majete?: dicías dous meses e levamos catro) como tapa da estación. Do pirolo Nouvel (ano 2007) as últimas informacións falan máis de flaccidez orzamentaria ca de ereccións inmediatas.   
Os Pritzkers chamados a montar miradores sobre o anfiteatrodarría deben de ter os petos cheos de cartos concedidos xenerosamente por debuxar planos. Sen contarmos nesa mostra de alegría presupostaria a pequena cortesía de pasealos a corpo de deus artifex (mentres acólitos e subalternos toman nota para entelequias entre mariscadas prepago) coa única contrapartida, por outra parte lixeira, de formaren parte do entremés burlesco, formato encontro casual cos xornalistas locais, no que deben amosar as coñecidas maneiras de elegante trilero de ferrallas. 
O engano é demasiado evidente, pero xogan coa memoria fráxil de todos nós. E coa incrible falta de responsabilidade política e mesmo financieira de quen asume eses gastos. Pero neste caso o máis paradóxico é que o Concello, empeñado en proxectar sen vértigo atalaias, tribunas e belvederes con espléndidos cheques ao portador, o único que ofrece hoxe á cidadanía son fendas, furados e fuchinocos para enterrar a cidade enteira baixo a superficie e poder quitar cartos dos contribuintes a base de ofrecerlles marabillosas prazas de garage onde agochar ese coche que agora xa nin compran. 

Nessun commento: