Dez anos desde a primeira vez que pisei o bloguerío. Algo máis, desde un xaneiro de 2007 que parece prehistoria. Polo medio, moito máis de mil entradas, moitas delas preparadas con certo tempo, outras coma resultado dunha arroutada. Houbo épocas con moitos comentarios, o apoxeo coincidente co apoxeo das Uvas na Solaina, o imprescindible blog do arelado sempre Marcos Valcárcel, que me viu nacer coma comentarista tras unha etapa de troll inexperto. Declinou o éxito dos blogs coa chegada do facebook e demáis redes sociais. A ninguén se lle oculta que a súa doada aplicación perxudicou a creación de contidos nestes formatos. Miro para atrás e descobro a cantidade de cousas que foron escritas naqueles anos, de varios temas e con tanta distinta perspectiva. Visito estes dias, despois de moito tempo sen facelo, os blogues amigos. Comprobo con satisfacción que moitos deles seguen vivos, cunha frecuencia máis pequena, pero non menos contundente nalgúns casos. O vello blogomillo resiste, malia non presentar aquela efervescencia xenuina, que algún doutorando ou tesinando ou titulando estará estudando ou deberá estudar. Darei conta aquí do que vexa eu polo mundo adiante: mentres tanto, longa vida á blogoleira.
5 commenti:
Supoño que un aspecto relevante para o titular de blog é esa pregunta: para que? No tempo que corre, a primeira resposta ocorrente leva ao gusto ou interese, en si, de escribir. En efecto, se o que se procura é difusión dáa máis inmediatamente unha rede social: de feito, o fb ha ser un dos principais medios para difundir que hai entrada nova.
Benvido á casa Arume!
No meu caso é unha hiperactividade que me vén de pequeno. Ou por non morder as uñas.
Moitas gracias. Tratarei de blogolear algo máis.
Dez anos xa son anos.
Polos seguinte dez anos !.
Posta un commento