Caxigalines nella Reguera'l Campizu
Visualizzazione post con etichetta Crítica. Mostra tutti i post
Visualizzazione post con etichetta Crítica. Mostra tutti i post

24 maggio 2014

LONGA VIAXE CARA A NOITE: O'NEILL POLO CDG


Concluía DV ao final: "Esta obra envelleceu moito". E engadía: "Dramaturxia incluída". Non logro mellorar esa impresión, porque eu preguntábame durante a representación por que montar nestes tempos Longa viaxe cara á noite? Que leva a un CDG a programar unha obra coma esta? Cal é o propósito, alén de recurrir aos clásicos, que por si mesmo non xustifica todo? R, con espíritu pragmático, suxería que se trataba dun exercicio de estilo: se entendín ben, dunha pedra de toque exemplar para ofrecer un drama. Nese sentido, o grupo de actores e actriz cumple co cometido; responden con eficacia á letra e ao xénero melodramático da historia: dramón sae da gorxa mentres transcurren as esceas, ao límite de case todo. En especial, por xuntos. O pai, James, semella, para min, vello de máis: arrastra un cansanzo lastimoso que cadra excesivo ou impropio á miña maneira de comprender a personaxe (autoritario, actor frustrado pero con antigo esplendor físico: aquí máis perto do velliño apocado e murcho). A nai, morfinómana, procura un vó algo máis anxelical e lírico e neses momentos acada a obra certa firmeza dramática. Os fillos, o esmorgante Jamie e o enfermizo Edmund, cobran altura nas esceas en que ebrios expulsan os seus demos interiores, pero noutras, con toda a familia, non logran semellante nivel. 
O conxunto interpretativo (o mellor con diferencia) resulta, non obstante as moitas tachas no tocante ao ritmo algo atrancado nalgunhas partes, a elección desganada do decorado seudorrealista e a insólita música estándar ("espazo sonoro" figura no libreto) máis propia de fondos de anuncios lánguidos ca de unha obra do fuste desta de O'Neil. Ignoro a intención dun vestiario e atrezzo anodinos, por veces anacrónico, entre falsamente moderno e falsamente antigo: se é intemporalidade, non permite distanciarse do tempo en que transcurre a obra e comprender dese modo o alcance profundo e terrible do drama que vive a familia Tyrone. Medio aforo no teatro e aplausos sentidos pecharon o novo (desta vez modesto) espectáculo do CDG.     

3 maggio 2014

SÉ DE UN LUGAR: DONDE EL RÍO Y EL MONTE SE AMAN


O venres fomos á fantástica Cuarta Pared. Apreciei un ambiente heteroxéneo, de xente máis ben talludita, con Ángeles G. Sinde entre o público, para vermos unha comedia de parella en crise permanente ou de desamores inexplicables de Iván Morales. Non é que eu estea interesado neste tipo de temas (máis ben ao contrario) pero falaban ben da obra e semellaba interesante o plan. A obra en cuestión, Sé de un lugar, coma a canción de Triana que inspira e vertebra os resortes dramáticos do diálogo, tivera certa sona en Barcelona na súa presentación, ao parecer en  locais pequenos e en contacto moi próximo co público. En Madrid, supoño, pretenden reproducir o ambiente da estrea barcelonesa (de 2012) co público colocado no esceario, compartindo o espazo da acción dramática e, por momentos, participando na obra coma personaxes involuntarios da historieta. 
Dous personaxes, Simó e Berenice (very nice) soportan a obra completa, na que se dramatiza a evolución da súa relación cunha sucesión de esceas, marcadas por elipses, nas que se reconstrúe a historia. Simó é un escritor de guións, cunha lixeira tendencia á misantropía que o leva a permanecer en casa longos periodos de tempo. Berenice, quen deixa caer a anacos a súa historia de rebeldía familiar, de caída ou coqueteo coas drogas, dos seus gustos punkies, é unha muller algo alterada, de comportamentos algo veleidosos, que acude con frecuencia á casa deste Simó do que se namorara nun tempo para lle contar a súa situación persoal. A súa historia de amor inicial, fracasada, voa de forma constante entre as súas palabras, pero non remata por definirse coa claridade necesaria, nun deses exercicios habituais nas comedias románticas de deixar ao espectador/a que tente explicar ou, a lo menos, escribir a intrahistoria da relación amorosa. Eu sempre quedo insatisfeito con este recurso premeditado á elipse, tan interesante dramática ou, se cadra, liricamente (coma nas cancións indies), pero tan cansino desde o punto de vista intelectual. 
A obra comeza cun monólogo extenso, moi ben elaborado, con momentos divertidos, por parte de Simó (un notable Xavi Sáez). O seu arranque, "Yo soy racista", rechama, así como boa parte do seu relato primeiro, pero non ten continuidade. O texto prefire centrarse na relación de ámbolos dous personaxes, en especial a partir da entrada de Berenice cunha introdución case simétrica ao do seu interlocutor. O autor suspende, con bó criterio, a deriva de monólogo de clube da comedia que adquiren certos momentos da obra para dotar de fondura e algo de tristeza fúnebre a imposibilidade (inexplicable para minhe) do amor. Ese é un risco que se evita, creo, con acerto, pero non o outro que queda explícito na propia obra e que, ao meu xuízo, impide enriquecer a obra de forma considerable: refírome á negación de ámbolos dous protagonistas, declarada en respectivos monólogos, a se autopsicoanalizaren. Como declaración de intención soa ben, mesmo de película, pero tal vez unha indagación (non necesariamente unha psicoanálise) podería (alomenos para un espectador coma min, algo esixente coa explicación do comportamento humano nas relacións amorosas) ampliar o radio de interese de ambos personaxes. 
As compañeiras de butaca en grada apuntaban a idea de que o personaxe masculino parecía máis complexo, mentres o feminino semellaba en exceso tópico. Deixo aquí constancia de tal apreciación, aínda que a min a obra, en xeral, pareceume chea de topicazos (síntoo, señor Ordóñez) sobre relacións difíciles e atormentadas, ben resolta no que respecta á actuación actoral e na dramaturxia, pero escasamente interesante na materia tratada, con altibaixos ademáis moi notables e momentos decididamente prescindibles. As esceas finais, onde a proposta dramatúrxica procuraba acenos ceremoniais e rituais (coma a escea do chupito ou a escea, para min interminable, do final no sofá), constituiron o menos atractivo do conxunto. Menos mal que a lembranza deses Pink Floyd de Sevilla, eses Triana que atronaban na sala, salvou o desenlace. A xente aplaudiu moito ao final, signo de que o esforzo pagou a pena. 

UNHA CORTESÍA DE ESPAÑA TREPIDANTE

-->


O día 6 de maio remata en Madrid a tempada de La cortesía de España de Lope de Vega. Nas Naves do Español, nese espazo fermosamente aproveitado do vello matadoiro madrileño, a carón do Manzanares, Paseo de la Chopera, representa a Joven Compañía Nacional de Teatro Clásico esta comedia lixeirísima do século XVII. Unha veloz maquinaria, perfecta no seu desenrolo rítmico, probablemente pensada á maneira daquela película exemplar Un, dous, tres de Billy Wilder, sincopada a un ritmo vertixinoso de bebop. Esta ofrece durante os primeiros cinco minutos un arranque algo histriónico, con novedosa loa coral para quentar gorxas, pero despois adquire unha trepidante sucesión de esceas e cadros sen apenas tempo para o descanso. Unha road movie anuncia o programa: pode ser. Pero tamén unha farsa, chea de recursos propios das novelle que tanto éxito tamén tiñan nos leitores e leitoras daquel tempo. Non hai que esquecer que a fonte desta obra é Giraldi Cintio, inesgotable pozo de argumentos e tramas para Lope. Neste caso, chama a atención a fina liña que separa a traxedia da comedia no século XVII. Unha decisión, traida da vontade do protagonista, pode levar a todos os participantes a un final tráxico ou pode levalos a un final cómico, en certo modo insastisfactorio para os espectadores/as actuais. Pero isto, alomenos para minhe, pouco importa. Basta atender a unha escenografía sinxela pero moi eficaz, como imitación elemental dun curral de comedias, con achádegos interesantes como a proxección de imaxes ou rótulos das cidades polas que transcurre a acción ou o aproveitamento da baranda das escaleiras nos momentos hilarantes. A unha música interpretada nun recuncho do esceario con instrumentos de vocación minimalista. A un elenco de actores e actrices, magníficos case todos, nun caso verdadeiramente notable de excelencia interpretativa. Costa distinguir, dentro do extraordinario emprego do conxunto, algún actor ou actriz en particular: se cadra os actores que fan os papeis de don Juan de Silva (Francesco Carril), ese cortés cabaleiro español (portugués no orixinal lopesco, se non leo eu mal), ou de gracioso Zorrilla (Álvaro de Juan), compoñen cadros de especial comicidad plástica. Basta atender aos aspectos máis técnicos, se cadra máis superficiais, sen entrarmos en valoracións ideolóxicas (matrimonios, fidelidades, exaltacións patrióticas, diferencias sociais), para disfrutar dunha plena comedia, concebida (sobre versión de Laila Ripoll) coma un reloj por parte de Josep María Mestres, ao parecer novo nestas lides de representar clásicos. Unha decisión moi acertada de Helena Pimenta que agardamos teña continuidade. Este Lope évos moito.