Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 aprile 2008

AMIZADE


Foi domingo salnés. Un pincho no Pandemonium (un deses bares da oferta excepcional de Cambados: Yayo Daporta, Lucio, Ribeira de Fefiñáns) e un xantar en casa dos marqueses de Corvillón. A longa tertulia rematou na porta da casa co solpor caendo por Tragove. O intre pedía algo especial e alí apareceu. Unha botella de cava foi descorchada á nosa gloria naquel momento irrepetible. E as cores do sol en fuga iluminaron os rostros felices da amizade.
Moitas gracias a don Xaime pola botella e polo libro de don Darío Xohan Cabana, polo mesmo autor asinado, que me deixou no Isolino de Ogrobe. Unha aperta ben grande.

[A foto é do Muiño de mareas de Tragove, Cambados]

NORABOA BLANCOAMOROSA PARA INMA

Souben ao chegarmos a casa, despois dun periplo Prada a Tope, Taberna Andaluza e a Proa, este último, na rúa Canceleiro, un dos mellores lugares para tomar pinchos e cear de Vigo (eses polbiños, esa sepia, eses revoltos, eses espárragos, esa empanada de Mónica, mamma mia), que a amiga Inma López Silva gañara o premio Blanco Amor. Vaian todas as copas tomadas como homenaxe retroactivo. Pero eso non evita a paella prometida.

5 aprile 2008

NORABOA A HELENA DE CARLOS

Moito me alegra saber agora mesmo, nesta tarde de sábado calurosa, case de verán, que Helena de Carlos gañou o Premio da Crítica de Poesía en galego por Vigo, un poemario que aquí eloxiamos coa vehemencia necesaria.

CHESIL BEACH


Hai que ler Chesil Beach. E, se é posible, dunha soa ollada. Ou de dúas. En calquera caso, non máis de dous días. Hai que cobralo dunha soa peza, como un suspiro. A relación demorada dunha noite de bodas, nun hotel de praia, nun verán do 62, constitúe a vértebra da novela. Sobre ese fío, Ian McEwan, nun continuo ir e vir cara ao pasado, reconstrúe a vida de Florence e Edward, dous mozos nunha Inglaterra que está a despedir a postguerra e comeza albiscar o novo horizonte dos fulgurantes sesenta. Esa fronteira, esa liña separadora de dous mundos aparece representada nesa noite, nas conversas e, sobre todo, nos movementos carnais, nos acenos sexuais que conforman a súa relación íntima. O sexo, que aparece como obstáculo, pero tamén como fito, revela o paso do tempo. Un aloumiño resulta poderoso: encarna non só un progreso emocional, senón intelectual e, ao tempo, social. Nos límites, angostos ademáis, dun leito con catro columnas, aparece descrita unha páxina de historia. A vida deses enamorados, aínda virxes, é a vida dun país, aínda que esta representación, polo maxisterio de McEwan, estea completamente disfrazada por unha narración sempre seductora.

McEwan exhibe un estilo envexable. A frase, sempre simple, cortada cunha retórica da densidade e da economía lingüística, resulta exemplar. A precisión con que describe os personaxes e, en particular, os seus íntimos pensamentos a cada paso que dan, é memorable. Non carece de ironía o relato, tal vez derivado do feito de que está contado por unha terceira persoa desde o final, coa perspectiva dun tempo renovado. Os bucles constantes desde o pasado ata a noite de bodas son sometidos a unha mirada distante, que lle outorga ao tempo verosimilitude e dimensión levemente irónica. Como neste pasaxe en que se conta o tempo de estudante de Edward en Londres.

Los cambios sociales nunca avanzan con un ritmo constante. Se rumoreaba que en el departamento de inglés y en la carretera que llevaba a la SOAS y, bajando Kingsway, a la London School of Economics, hombres y mujeres con vaqueros negros prietos y suéters negros de cuello alto practicaban continuamente el sexo fácil sin tener que presentarse entre sí a sus padres. Se hablaba incluso de canutos. Edward daba a veces un paseo experimental desde el departamento de historia hasta el de inglés con la esperanza de descubrir pruebas del paraíso en la tierra, pero ni los pasillos, ni los tablones de anuncios, ni siquiera las mujeres parecían diferentes.

Con todo, a novela ofrece unha construcción perfecta. Nada é superfluo ou innecesario (déixoo así, porque acabo de ler a crónica de Eduardo Mendoza e emprega os mesmos termos: pero non o retiro). Todo mira ao instante revelador da noite de bodas. E cando este queda resolto, un precioso epílogo de fonda melancolía inunda toda a narración. Non correrron as miñas bágoas, porque o desvelo da noite as impedía. Pero unha compracente sensación de tristeza recorreu os últimos grolos deste sensacional libro.


[NOTA: Terei que ler outros libros deste autor: o de Sábado non o din aturado. E teño que facer outro comentario sobre Inglaterra, Inglaterra, fascinante de principio a fin: unha novela entre satírica e fabulosa que merece todos os honores. O meu querido Julian Barnes, o máis grande escritor destes tempos] .

3 aprile 2008

BLÁZQUEZ/ CÁCCAMO: VENTO SEGREDO E CANLE DE SAL


Un serán vehemente e apaixoante ofreceu onte na Casa do Libro Xosé María Álvarez Cáccamo ao presentar ao tempo o seu novo libro de poemas, Vento de sal, e o poemario (cando aínda non se chamaban así, coido) do seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo. A súa intervención foi extensa e chea de intensidade. Comezou explicando a voluntaria estructura dual do seu poemario (eu/nós: versos breves/ versículos), cunha selección de versos ben fermosa. Gustei desas novas propostas, de sintaxe sinxela, léxico familiar e sinestesias agudas, que el mesmo amosaba con respecto. Leu tamén algún poema dos chamados sociais, pero entendín entre liñas que estes pertenceran a unha etapa anterior, tal vez superada por unha intimidade recente de corte máis sentido. Terei que ler detidamente eses versos, porque parecen abrir novidades moi interesantes.

Despois enfiou a parte máis importante, segundo el confesou, da intervención: o comentario do Canle segredo, desde a historia procelosa do texto, premiado en Bos Aires en 1954 e editado 22 anos despois en Galicia, ata a análise minuciosa de cada verso, con gorentosos e divertidos excursos (o trasfondo familiar) sobre o contexto dos poemas. Procurou amosar a variedade temática e formal do poemario de XMABlázquez: cantigas de imitación popularista, cheas de ritmo e música; versos melancólicos de recuperación do paraíso da infancia, sempre vencellada á apropiación sentimental da terra; e mesmo composicións heroicas de lembranza fúnebre como o adicado a Alexandro (sic) Bóveda (un momento especialmente emotivo o da súa lectura coa filla de Bóveda entre o público) ou á memoria do seu pai asasinado en Tui. Unha torpe maniobra da Casa do Libro ao anunciar o peche cunha música comercial estivo a piques de estragar a emoción do acto, que Xosé María Álvarez Cáccamo soubo concluir coa lectura apaixoada duns fermosos versos que pronto veremos transcritos nun lugar que prefiro non desvelar.

Estivo a falar durante case unha hora, animado polos rostros entregados de todo o público. E podería seguir se o tempo non fora tan impío. Como empregue semellante entusiasmo e vehemencia nas presentacións do seu pai que se lle apresentan durante estes días non sei se dará chegado enteiro ao 17 de maio, día principal das homenaxes. Forza, logo, a este extraordinario poeta e ao non menos magnífico filólogo do seu propio pai. Foi un pracer escoitalo no serán morno dun abril nada cruel de Vigo.

2 aprile 2008

BOB DYLAN EN VIGO

É moi posible que vexamos en Vigo e escoitemos da súa propia voz Maggie's Farm. Xa me alegraron o mes e o que queda de ano.

1 aprile 2008

QUIERO SER GUITARRA DE SINIESTRO TOTAL


Pptansolo y Carne de Psiquiátrico presentou no ano 1983 no espacio de Jesús Ordovás, Esto no es Hawai, de Radio 3 unha canción xenial que hoxe lembro como homenaxe á mellor banda de rock da historia, no día en que presentan 2cd+dvd baixo o título, Que parezca un accidente: Siniestro Total.