Caxigalines nella Reguera'l Campizu

11 maggio 2008

GLORIOSA CÓRDOBA




As sesións do coloquio deixaban pouco tempo para a libación de fino. Pero aínda tivemos tempo de visitar El Pisto (boqueróns, huevas), El Rubio (berenxenas con mel, salmorejo ou flamenquíns) ou o Bandolero, unha antiga residencia dos Condes de Cabra, agora restaurante, onde visitamos unha pequena sacristía (con bocois de Moriles) con ese fantástico detalle da fotografía que acompaño. O menos que podo dicir é glorioso.

MEZQUITA


A Mezquita de Córdoba é o edificio máis marabilloso de toda Europa. Dixen.

CÓRDOBA


Para Pedro, Candi, Nacho, Ana, Javier, Elena, Inma, Begoña, Paco, Juan, Ángel, Josema, Valentín et al., cunha aperta ben forte desde Vigo.
O mércores pasado viaxei ata Córdoba a un coloquio sobre poesía da segunda mitade do século XVII e primeira do XVIII. Para que non me digan que ando de troula todo o día. Serviu a viaxe para coñecermos por primeira vez as vantaxes e comodidades do espléndido AVE que recorre La Mancha, dun verde brilante por mor da chuvia, e a serra bética, ata chegarmos ás beiras do Guadalquivir. Entramos cunha calor abafante, pero pouco a pouco foi tornando o tempo cara un outono insólito os últimos días.

Era tempo de certames florais nos patios da xudeiría cordobesa. O primor, a limpeza e o extraordinario mimo con que preparan todo dan envexa e producen no visitante a sensación exacta da beleza. As paredes recén pintadas, as reixas ateigadas de xeranios de todas as cores, o rumor de guitarras e o horizonte de ruelas estreitas con son lonxano de paxaros parecía de narración entre exótica e típica. A pesar da intensidade, nalgúns lugares e nalgún momento, do turismo, os paseos por aquela cidade son sempre inesquecibles, dunha poesía e dunha fermosura fóra do común. Teño que recoñecer que son un namorado de Andalucía, pero de Córdoba ou de Sevilla, dúas cidades moi parecidas, son case devoto. Se, ademáis, semella como recén construido, cun cuidado especial para o urbanismo, o espectáculo é grandioso. Faltou o paseo en carruaxe, pero un ganchete baixo o paraugas (chovía que nin diola) coa torre iluminada da mezquita ao lonxe non se esquece na vida.

6 maggio 2008

CASCO VELLO VELLO


O Casco vello de Vigo é un lugar infame. Por riba, continúan exercendo, nuns bares de detritus, as prostitutas co mesmo xeito noxento de hai miles de anos. Na escaleira que baixa a Elduayen, un feixe de drogadictos e alcohólicos ocupa chanzos e o tempo entre voces destempladas, liortas e un paisaxe de litronas e plásticos estrados pola rúa. De cando en vez saen berrando en dirección incerta sen facerenlle caso ao semáforo que está cabo deles. Máis abaixo, por entre as ruelas, as casas están derruidas e alí malviven e malmorren non sei cantas persoas sen oficio nen beneficio. Un pequeno mercado de obxectos roubados (nin siquera: mesmo venden peines sen dentes) na pequena costa de san Vicente completa un esceario marxinal, de seres condeados á miseria máis absoluta. Todo esto desde hai anos (a min dame a impresión que medra), sen que poidamos ver saída a tal situación.

Pois ben. Chega unha cámara e un micrófono e rexistra esa vida que todo vigués pode contemplar todos os días e as nosas autoridades ven dañada a nosa imaxe, perxudicada a nosa maravillosa vida de candidatos a albergar estudantes hormonados. O escándalo é escoitarmos a faragulla que nos goberna (e eses comerciantes que nunca teñen bastante) botarlle a culpa aos ángulos de visión: para a xente demasiado afeita a travelings elegantes que se deslizan por un paseo na mellor praia do mundo, algúns picados sobre o rostro cetrino dun tipo que se está despedindo entre grafittis e muros afumicados poden resultar demasiado nocivos.

Calen dunha vez e fagan algo. Que para iso lles pagamos.

4 maggio 2008

2 DE MAIO




A noite de Mieres é a noite da nosa mocidade. Contadas todas as noites alí pasadas quizáis non cheguen a vinte. Pero forman parte da miña educación sentimental por riba de moitas outras. Nelas co meu irmán César e co meu curmán Josín construimos inesgotables paraísos de diálogos infinitos entre afirmacións rotundas de caducidade ilimitada e discusións acaloradas cara ningures. Todo era un frenesí de verbas infundadas, nun esceario de escuridade e progresiva soidade, que só o camareiro do Eros (escai, madeira e videos porno ás doce da mañán para todos os públicos: lembran aquel tempo, finais dos oitenta?) paliaba coa enésima copa, case sen gracia. O Buraka, xa máis tarde, ou Il Gattopardo, xa na lontananza esquecida (un dos primeiros pubs de adorno hippy e estética modernísima de primeiros dos 70: con Chus Quirós de deseñador cando non existía aínda esta palabra), eran o taboado de parlaeres sen conto, de confesións a todo gas, de observacións obviamente disparatadas.


Volvín o venres pola noite a este último: por alí andaban varias xeneracións. Insólitamente xuntas: un home cun caxato, duns case oitenta anos, parellas de sesenta, solitarios de cincuenta, amigas de corenta, dobres parellas de trinta e algo, mozos sen lamber de vinte. Alí estaban: coma sempre. Tratando, ata o final da noite. Falando sen parar ata o final desta vida.

REQUEXU REVISITED




Tras un merecido descanso, nova xornada familiar. Xantamos na cas de Tere, pero ceamos con Daniel e Marilena en Casa Flora na mítica praza de Requexu. Esta praza, de fondo sabor popular con bares de lembranza histórica (Fulgencio, Rinconín, Valles Mineros), é o espazo preferido para todas as clases sociais de Mieres (ou sexa para proletarios e para clases medias algo favorecidas pola fortuna e polo inmenso esforzo) para a folixa. Non sabería eu destacar algo da súa memoria. Se as tardes neboentas de verán, se as mañáns de finais de inverno na solana do mesón del corderu, se os brazos de bruce springsteen do camareiro do Fulgencio, ou o cheiro a oricios, a pipes salaes, ou a sidra escanciada que invade todo o lugar. Non sei que ten, pero acepto punto por punto o que escribe o poeta José Hierro sobre esta praza e que figura nesa placa que adorna este post de homenaxe.

1 DE MAIO


Viaxe ata Asturies. A mañán enteira para saírmos de Galicia, pararmos en Requejo en casa Angelita xa en Zamora, e chegarmos á hora xusta dunha fabada titánica coa familia case ao completo. Tardamos en xantar case tres horas, por molicie do restaurante e por elocuencia imparable dos familiares entusiasmados de vérmonos xuntos. Continuamos a festa (tranquila, pero emotiva) polas terrazas de Mieres, ateigadas a pesar dos tambores de recesión máis nidios, xaora, naquelas terras, feramente atravesadas por crises permanentes. E rematamos na Sidrería Alonso con Jose e Chiti, cunhas botellas de sidra para loitarmos contra o cutu incipiente da noite. Non sei contar as horas en pe, os minutos de charreo, os segundos de olladas vidrosas que pasamos, pero foi un deses primeiros de maio que nunca se esquecen.