Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 aprile 2011

TENDAS DE VIGO


O fillo de quen colleu medias na Violeta no Mieres dos anos cincuenta sinte devoción polas persoas que suben baixos, arranxan cremalleiras ou aproveitan as camisas revirando os pescozos. Por iso, Mercería Núñez, en plena rúa García Barbón, debaixo dun par de laranxeiras que arrecenden poderosas a azahar, merece unhas palabras de agradecemento e de admiración.
Á tarde, cunha cadeira onde sentan as persoas que veñen fatigadas do paseo vespertino, reúnese alí un mundo a piques de desaparecer, se non fose porque aínda hai que mercar, ademais da roupa interior correspondiente, a bata (de lá para o inverno, de piqué rosa para o verán) e as zapatillas para ir ao hospital, penduradas con alfinetes dunha parede forrada de moqueta. Nese mundo, a reparación de prendas é aínda unha reliquia fermosa e ás veces imprescindible. Non adoito deixar os pantalóns nin os vestidos nas tendas onde as compro para que alí me cobren os arreglos: prefiro levalos a esta señora, cuxo nome ignoro (Dolores parece, pero non o sei seguro), seria e eficiente, que sempre ten un sorriso impagable cando entrega o encargo.

5 aprile 2011

VIGO MON AMOUR 4


Unha das estampas características desta cidade (e doutras moitas) é a de pescadores de peirao, afezoados da caña para o pouco comestible múxel, case sempre devolto, coa ferida do anzol, ás ondas algo oleosas do porto.
Non sei se coas novas madeiras e barandas metálicas hai máis ca antes, pero o xoves pasado este era o precioso ambiente, con esa luz tan especial de Vigo.

VIGO MON AMOUR 3

Son varias as razóns da miña querencia pola cidade de Vigo. Pero unha das impagables é este sol cálido de hoxe sobre as beirarrúas ateigadas de xente ao mediodía.

Ilustración: greenpeace.es

30 marzo 2011

O REFUXIO DA MEMORIA DE TONY JUDT


Pensei que ler a Tony Judt, coa súa terrible enfermidade, ía conter demasiada emoción en cada palabra. No prólogo, a metáfora, familiar aos estoicos, do corpo como cadea preludia esa tensión adicional á leitura. Pero de forma intanxible esa previa confesión convírtese nun trámite. Obviamente a melancolía, o triste contemplar dunha vida que esmorece, engade unha especial intensidade ás ideas, ás reflexións, á memoria. Este prexuízo permanece latente co paso das páxinas, pero vai sendo pouco a pouco arrinconado pola forza das lembranzas, pola contundencia dos seus argumentos. E remata un por celebrar este entusiasmo da vontade que permite examinar o mundo con tal demostración de talento.
Pouco teño eu que ver cun neno nacido no ano 1948, nun barrio de Londres da inmediata postguerra, no Putney da austeridade, baixo o governo dun Atlee elevado por Judt a categoría de heroe severo e exemplar. Nin cos costumes de viaxar solitario en metro, de punta a punta da cidade, ou na liña verde para chegar, mirando e escrutando á xente, ao centro de Londres. Nin coa ascendencia xudaica (posiblemente algo poda xuntarnos neste caso pero o ignoro) da súa familia de clase media-baixa trasladada desde Amberes ou desde Polonia. Nin co adolescente ou mozo que decide pasar tempadas nun kibutz (por militancia socialista e sionista) para abandoar despois, descrido completamente, ese mundo de identidade e de reafirmación gregaria. Nin tampouco coas súas experiencias non moi agradables no colexio do barrio, co retrato magnífico do profesor de Alemán, Joe Craddock, duro e implacable, do que rematará dicindo que mellor mestre nunca tivo. Tampouco con que lograra entrar no King's College de Cambridge, nin que puidera contar, cunha subtileza digna dun Evelyn Waugh, as relacións de clase nas aulas e nos cuartos daquel privilexiado mundo. Tampouco co feito de que puidera pertencer ao claustro universitario dunha eminente facultade do Oxbridge ou que puidera formar parte da École Normale Supérieure parisina, descrita con irónico vitriolo, co despelexe da intelectualidade francesa, fatua e incapaz de admitir o erro de antepoñer o método e as ideas á observación do mundo. Tampouco teño que ver co mozo que vive a revolución sexual dos sesenta (máis por falta de anos ca de ansias) e que advirte que a verdadeira revolución (a perigosa, a que conlevaba morte ou cadea) daqueles anos estivo máis nas rúas de Praga ca nas de París. Nin co home que decide aprender checo para superar a crise da idade madura e encarar o coñecemento moral, aliviada xa a carga política, dos habitantes sometidos (nalgúns casos, baixo a forma de asimilación voluntaria dos automatismos do réxime) ao estalinismo nos países do leste. Ou co intelectual que viaxa a EE.UU. e descubre alí a cidade do mundo, o abigarrado cosmopolitismo que lle resulta tan familiar, ou reflexiona sobre a forma en que Israel totaliza o sentimento xudeu, nun dos capítulos máis duros (ao tempo, radicalmente críticos) dos que levo lidos sobre as relacións entre o xudaismo e o sionismo.
Non teño nada que ver con el e, porén, cada unha das páxinas que ía lendo resultábame tan próxima, tan cercana a min, que vai ser difícil que dun modo ou doutro non remate por influirme na miña visión sobre o mundo. É certo que Londres, Nova Iork, o xudaísmo, o papel da intelectualidade, os viaxes, a contemplación da xente e das paisaxes, a diatriba contra a identidade forman parte dos meus intereses máis próximos, incluso vistos con esa ollada moralista (política, crítica) coa que os historiadores e os intelectuais anglosaxóns tenden a mirar o mundo.
Por unha cousa ou por outra, El refugio de la memoria (The Memory Chalet) é un deses libros que nunca esquecerei.

25 marzo 2011

PREOCUPADO POLO MEU AMIGO


Estou preocupado. Nono agardaba del. Hoxe confesoume que estaba escandalizado. El. El, que nunca se escandaliza por nada, que ten explicación para case todo, que comprende a fraxilidade da alma humana. El, que non é maquiavélico, pero exerce, hoxe estaba escandalizado. A causa: o noxento (palabra súa) espectáculo montado nos medios de comunicación co gallo (cantos gallos había na lingua galega dos setenta!) das eleccións en Vigo. Este amigo querido quedaba estupefacto diante do gasto en publicidade en prensa de alcaldía, tenencia de alcaldía (menos) e autoridade portuaria (doume o pracer de rebaixalos a minúsculas) coa axudiña de deputación de pontevedra. Pero aínda máis pampo ficaba cando miraba as novas nos xornais, asinadas nalgúns casos por atrevidos xornalistas (os tomwolfes e as orianafallacis da urbe olívica), noutras, por precaución, por unha cousa chamada redacción, onde substitúen sen mínimo pudor deontolóxico a información e a crónica polo ditirambo ou polo vituperio. La Voz e o Atlántico Diario, inclinados a pensar e dicir por terra, mar e aire que Caballero é o lado escuro da cidade e Corina Porro, o luminoso; e o Faro de Vigo, nesa condición de folla comercial ou mercantil que o caracteriza, cunha vela na praza da Estrela e outra na do Rei. Todos en xusta correspondencia coa natureza das páxinas publicitarias que neles se inclúen.
O Hibitane Forte que comprou o meu amigo na farmacia uns minutos despois non sei se lle dará para calmar a irritación. Estou preocupado.

TOMANDO ÁNIMO


Levo uns días de descanso bloguesco por lagoa mental. Deixei de ler para enzoufarme con variantes e aparatos críticos, o que exercita a precisión e o rigor pero debilita o pensamento. Metido sempre nesas fonduras, nas que hai que utilizar, malgrado, a letra de tamaño 8-10, o que esixe máis atención e vista, perdo a perspectiva de darlle ao caletre. Tampouco contribúe ao despendole intelectual, a penuria de reunións e reunións estériles ou directamente irritantes sobre calidades universitarias, convertidas de forma definitiva en burocracias inservibles ás que tristemente non nos opoñemos. Outro día tiro a dar (por escrito: porque por vía oral non me corto, con desesperación pola miña parte que non sei cortar a tempo a miña destempranza airada), pero hoxe vou sandando algunha desas feridas xa crónicas.
É venres, e malia ter a cidade tomada por uns reconquistadores/as, agardo atopar espazo (vale o da ilustración) para o vibrante lecer das conversas.

19 marzo 2011

FACTOR DE APEADEIRO


Creo que ás veces -en días coma o de onte, un venres de sol e ceo aberto e de aulas e vestíbulos case baleiros- teño a sensación de ser o factor dun apeadeiro por onde ha pasar sen parar a liña do AVE.
É tempo de ver medrar a herba e o ferruxe entre as vías.