Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 maggio 2007

SALA DE ESPERA

Teño que estar ás nove, sen almorzar. Para probas varias. Escribo para esquecer. Pero non sei se vale de algo. Vou facer a cea. Unha tortilla de patacas lévame máis tempo. Moito mellor. Entreterse, mentres vexo pasar o tempo. Bueno: non miro o tempo. Pero pasa. Para todo hai unha primeira vez. Asáltame esa especie de consolo. Pero sigo dándolle voltas. Escribo para esquecer. As miñas fillas teñen a radio encesa. A música non me disgusta, pero é difícil aturar algo. Paseo por Internet para divertirme algo. E sempre volvo ao mesmo rego. Vai ser moi difícil saír de aquí.

ANTONY AND THE JOHNSONS

Unha das miñas últimas descubertas musicais é sen dúbida a de Antony and the Johnsons. Non estou tan ao tanto como en tempos gloriosos de radio 3 24 horas ao día, pero aínda cae, máis ben por casualidade histórica, algunha novidade por entre as orellas. Levaba tempo sen escoitar a Antony, despois de repetir durante unha boa tempada as súas cancións primeiras. O outro día na radio puxeron unha de Marc Almond, o de Soft Cell, que case morre dun accidente, na que o Antony facía a segunda voz: algo imposible porque é tan senlleira que acaba por afogar ao que cante con el. Só pode cantar, como xa fixo, coa inefable Björk. Pasoulle coa de Lou Reed, Candy says, que el eleva por riba de todo. As súas cancións son excelentes, pero o seu xeito de cantar, dramático, sobrecolle. Os arranxos musicais son moi sinxelos, con acompañamento de cordas graves que enfatizan a súa voz, de impostura case irreal. Para estados permanentemente melancólicos, necesitados de banda sonora.

29 maggio 2007

TEATRO VIVO

Hoxe asistín á representación de dúas obras de teatro: O enfermo 4m e Soñar non custa nada. Trátase de dúas pezas curtas de corte fantástico, levadas ás táboas cun labor artesanal, cun decorado sinxelo e naif e un atrezzo sen dúbida espontáneo. O argumento de ambas obras é o de menos, porque os diálogos resoan co entusiasmo necesario entre os espectadores. Os actores e actrices, promesas do teatro galego, puxeron a súa memoria a proba e os seus acenos á improvisación e ó capricho do seu xenio. Os silencios entre intervención e intervención eran escoitados cun respecto case familiar polo público, entregado á súa dedicación e cariño ao teatro. Aínda que a dirección foi frouxa (ou case inexistente), a forza das súas verbas encheu o taboado. A música, por nula (debido ao descuido proverbial da directora), era de agradecer, xa que a acústica do local non era a máis indicada. Con todo, o tempo fíxose curto e os actores e actrices saíron a saúdar varias veces, entre o regocixo e a ledicia dos espectadores, abraiados de que da nada máis absoluta foran quen de entregar a súa alma á literatura. Louvadas sexan esas creaturas que aínda enriquecen a arte antiga do teatro.

28 maggio 2007

A CIDADE


Preguntas ao chou que fican no ar tras as eleccións en Vigo:
1. O PXOM irá adiante coas rectificacións que piden na Xunta ou coas que pediu insistentemente o PSOE, Mauricio Ruíz mediante?
2. Chegará o AVE a Vigo en 2010, Caball/zapatero mediante?
3. Subirá Chus Lago pola cara norte da nova torre de control planificada para o porto o día da inauguración?
4. Ficará Corina Porro de xefa da oposición por ver se o matrimonio Abel-Santi dura máis co de Ventura-Lois ou pedirá en recompensa polo seu hit a deputación de Pontevedra?
5. Manterase Figueroa ata o final do concellalato ou voltará á hostelería?
6. Cambiarán os de Localia o presentador (un dicir) do especial de onte sobre as eleccións?
7. Cambiarán os de Televigo o carpinteiro do plató (un dicir) de onte no que se vían ata os remaches?
8. Daranlle un plus aos infógrafos da tvg pola extraordinaria e preciosa presentación dos resultados? E ao realizador, que curtou con precisión e sentido común as habituais declaracións postelectorais?
9. Arranxarán a miña rúa? Teño prometido ao alcalde (e as siglas que represente) que o faga un voto de por vida.
10. Cando van ser as eleccións xerais? Xa teño mono.

27 maggio 2007

1969: ZODIAC

David Fincher, o director de Zodiac, foi director, entre outras, de Seven e O clube da loita. A primeira resultaba impactante pola súa elaborada creación, suxeita a un orden matemático que marcaba o ritmo vertixinoso da película; pola súa posta en escea cheas de escuridades, lugares lúgubres; e pola súa fotografía decididamente suxa na que se podían ulir ata as estancias nas que entraban na percura do asasiño. A segunda alonxábase da precisión da primeira e buscaba no crescendo caótico unha nova fórmula narrativa para tratar o vello tema do Jekyll e Hyde. Creo que así como a primeira, desde os inesquecibles títulos de crédito, acadaba unha notable perfección, a segunda parecía unha película fallida.
Con estas dúas famosas películas (tamén O cuarto do pánico ou varios videos de éxito son del), Fincher (1962) decidiu facer unha longa película sobre a mesma historia que moitos anos antes fixera Don Siegel con Clint Eastwood no papel estelar de Darty Harry, cuxas imaxes aparecen no film proxectadas nunha pantalla de cine ao que asisten os protagonistas desta. Este xogo de planos entre as dúas películas é un dos achádegos de Zodiac: mesmo parece, ao final, unha resposta da mentalidade e cultura do ano 2007 á película de 1971 de Harry, unha especie de axuste de contas contra os métodos non ortodoxos, ilegais, do policía violento, por certo, mito dos 70. Fincher revisa o caso, cunha narración impecable, prodixiosa, coa ollada esculcadora dun curioso e sempre insatisfeito Jake Gyllenhaal que discute o procedimento investigador paso a paso. Ese afán de construir de novo o relato cinematográfico provoca que na película, longa pero veloz, podan advertirse dúas partes: unha, cercana aos feitos que conclúe na nada; e a outra, a que protagoniza ese debuxante obsesivo que revisa punto por punto os camiños que parecen xa completamente esgotados pola policía. O sorprendente é asistirmos á hora final da película cos elementos de resolución da trama outra vez intactos, como se voltaramos a ver a película, pero agora desde outra perspectiva, coa angustia de sabermos de novo sempre ao principio. Exenta de calquera mensaxe moral, a película amósase como un exercicio extraordinario de narración cinematográfica pura, como un exemplo modélico de cómo hai que contar unha historia no ano 7 deste século XXI.
Excuso, pois, dicir que o resultado deste relato constitúe unha das mellores películas dos últimos tempos. Con ecos de Todos os homes do presidente (polo ambiente xornalístico e a axilidade dos movementos e dos diálogos), cuns actores como o citado Gyllenhaal, Mark Ruffalo e, sobre todo, un excelente Robert Downey (no seu papel?), cunha fotografía por momentos parecida á de Seven, e cunha selección musical propia daqueles tempos (Isaac Hayes, Marvin Gaye, Donovan ou a Lynn Anderson de Rose Garden), na que sobrancean a guitarra e os bongos hipnotizantes de Santana ao comezo, a película é unha auténtica marabilla. Reserven entrada para hoxe.

25 maggio 2007

1968



Abre en Nova Iork unha exposición sobre a psicodelia baixo o título Summer of Love. Soan, aínda, ecos da misión que Sarkozy emprende contra maio do 68. Hoxe mesmo, Josep Ramoneda, nun artigo moi interesante, celebra o 68 (non o francés, senón todos os 68) como o momento en que todo rachou. Como gustamos de fitos históricos, poñemos lugares, nomes, tempos, anécdotas. E por iso lembramos adoquíns, praias escondidas, hippies en Berkeley, sarxentos peppers, peches en Compostela, tanques por Praga, sangue en Tlatelolco. Tantos sucesos como metáfora dun tempo de revolta. Eu era ben novo daquela, pero como unha poalla sentimental o 68 (67, 70, que máis ten) foi cubrindo todo o que eu son agora. Cando veñan contra ese mundo libertario, xeneroso e vital, de seguro que virán por unha parte moi importante de mín.

24 maggio 2007

O MEU VOTO, A MIÑA CIDADE

A poucos días das eleccións, eu xa teño decidido o meu voto. Vou votar. Seguro.
Eu creo que o centro da cidade non está nada mal: o deseño das rúas peonís e humanizadas foi excelente e creo que ninguén dubida da mellora deses lugares. Recuperou Vigo a vida a carón do porto, coas terrazas (unha debilidade) de Montero Ríos e unha amplia zona de recreo por eses lugares. Non é estrano que un anuncio na radio do Concello, insólito ao meu xuízo malévolo, recomende estes días aos cidadáns darse un garbeíllo por esas rúas ben afermosadas. As flores, as arbres plantadas lusen lindas e o aspecto exterior en definitiva de avenidas e rúas (céntricas, ollo) é fantástico. Os visitantes, de distintas ideoloxías (máis ben de esquerdas) que pasean polo centro, atopan moi cambiado (para mellor) o centro da cidade e non atopan problema algún en recoñecelo mesmo sabendo a cor política da alcaldesa (un deles viña de Valencia e apuntaba semellantes elementos en Rita Barberá e outra de Barcelona, votante fidelísima de PSC, que atopaba mesmo máis elegante a intervención en Vigo ca en Barcelona).

Digo todo esto porque adoito facer un recorrido frecuente entre o laberíntico barrio de Teis. Á espera de que abran unha nova vía que engarce a Guía co Sanjurjo Badía que aliviará de seguro o tráfico e mellorará as condicións de vida dos cidadáns desa zona viguesa, podo dicir que a alcaldía esqueceu completamente Teis. Non fixo nada de nada. É auténticamente vergonzoso non facer nada alí. Eu supoño que han ter para estes vindeiros catro anos miles de propostas para Teis, pero desta vez non debía de estar na axenda ou no plano. O Casco Vello sigue a resultar infame na súa maior parte, a pesar dos intentos dos empresarios de hostelería de darlle pulo á aquela parte. Da zona de Travesas, unha nova plantación de arbres en Independencia pode dar a impresión de que se fixo algo. Pero sigue a estar exactamente igual. O esforzo, pois, da alcaldía plasmouse no centro, coa axuda inestimable da Zona Franca que puxo os cartos. É verdade que as condicións coas que gobernou dificultaron moito a súa acción de goberno. Alí a responsabilidade é dos partidos da oposición que non souberon atopar forma de acadar de novo a alcaldía. Ela soubo estar ao pairo durante estes anos. Pero claro: Vigo non pode estar sempre ao pairo. Vai ter moitos votos; case a maioría. Se for así, non sería sorprendente. Eu espero que non gañe, pero vai ser difícil. A expensas doutros partidos de esquerda que de seguro non van entrar na batalla, entre Abel e Santi anda o xogo.
[Foto de J. Albertos, un home que merece o recoñecemento público de Vigo, para cándo?]