Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 febbraio 2010

ALBERTO/ALBERTE N. FEIJOO/FEIJÓO


A wikipedia proporciona información sempre útil sobre os nosos gobernantes. Pero poucos sospeitan que a lingua empregada na wikipedia pode ser determinante sobre o tipo de información presentada. Tomemos un exemplo ao chou: Alberto Núñez Feijoo, para a versión española/ Alberte Núñez Feijóo para a versión galega.
Vexamos as subtiles diferencias:
1. Para a española, ANF é un político español; para a galega, é un político galego.
2. Para a española, ANF é "galleguista y reformista"; na galega, non se indica ideoloxía.
3. Na española, ANF ten biografía (na que se inclúe a relación con Carmen Gámir); para a galega, ten traxectoria, sen datos sobre noviazgo.
4. Para a española, despois da formación (estudos de dereito en Compostela) veñen os cargos públicos con máis detalle; na galega, prefiren poñer primeiro os cargos en empresas.
5. Para a española, a etapa de ANF como director de correos supuxo "un viraje desde el servicio público monopolístico hacia la libre competencia empresarial"; na galega engádese en frase de relativo que Correos é unha "empresa pública española de envíos postais".
6. Tanto na biografía como na traxectoria, a man de Romay Beccaria é fundamental. Da man del accedeu a secretarías varias, na versión española; da man veu a entrada na alta política, na galega.
7. Na española, aparte de presidente do PPdG indícase que é un dos baróns que máis apoia a Rajoy; na galega, afírmase que é vogal electo do partido.
8. Para rematar, a española refire todos os cargos que ocupou, mentres que a galega demórase algo en explicar o seu labor de goberno para rematar cunha serie de comentarios negativos sobre a súa política lingüística, coa reproducción literal dunha frase de Avelino Pousa Antelo sobre a enquisa de xuño: "unha aberración pedagóxica e unha pallasada" e coa denuncia do BNG á UNESCO.
9. As referencias finais da española van desde o 20minutos ata La Región, pasando por EL PAÍS, La voz e o Faro; na galega, Vieiros, A nosa terra, Xornal e Galiza-Hoxe.
Faltan por ver nas outras linguas. En francés explican o seu galeguismo. En inglés e en catalán simplemente sinalan que é o actual Presidente e en ruso din (ou iso creo) que naceu en Лос Пеарес.

LAGO BAIKAL

Unha vez estiven no lago Baikal. Cheguei onda el desde o Irkutsk dos decembristas e de Miguel Strogoff, en barco polo río Angará. Foi nun verán de perestroika nunha parada do transiberiano que nos levaba desde Moscú a Ghabarovsk. Onte lembrei aquela paisaxe coas imaxes dunha reportaxe da televisión. Lembrei o ceo limpo, diáfano, as xélidas augas, transparentes, daquel inmenso lago. Lembrei un xantar cuns mariñeiros rusos que coñecían Vigo e que nos convidaron a chiculate con améndoas que quitaron do peto interior do abrigo e a vodka como aperitivos daquela insólita ementa. Lembrei as casiñas de madeira dos buriatos e os camiños e as senras de lama e pedra, e a igrexa encurutada no medio dun piñeiral infinito co campanario en forma de bulbos de tulipa.
Desde o cumio dun monte, rodeado de bosque espeso, o Baikal cegaba a nosa vista: foi alí onde amarrei un pano á ponla dun piñeiro por ver se algun día daba en voltar.
Onte, deitado no sofá, coa morna tormenta por fóra, estiven un pouco nas súas augas.

27 febbraio 2010

FACHENDA PATERNA


Gracias á Carolina fago este cambio de look do blog: foto e deseño da portada son dela. Espero que guste esta renovación en pleno temporal case perfecto.

26 febbraio 2010

QUEVEDIANISMO FECAL

Quevedo é un autor eminente da literatura española. A súa grandeza, por repetir ao Borges, é verbal. E por iso non é estraño que a súa obra sexa a principal autoridade (compartida co Quijote de Cervantes) na construcción do Diccionario da Real Academia Española. Nos séculos XVIII e XIX a súa prosa satírica (a poesía é outro cantar) foi considerada clásica por imitable: entre os seus libros (o Buscón, os Sueños) e o Quijote cervantino animan o canon estilístico dos novelistas decimonónicos/as. No século XX, as vangardas e o cambio estético propician unha maior diversidade na proclamación de figuras relevantes e fai que Quevedo, sen perder moita da estimación, comparta con moita máis xente o dobre cumio parnasiano.
Nese Galiñeiro das letras, Quevedo e Cervantes repártense os papeis estilísticos. Non vou estenderme niso, pero Quevedo atende ao gusto satírico. A descripción hiperbólica, a tendencia ao vituperio ou á diatriba, a construcción caótica dun mundo abigarrado, a caricatura e o prototipo das figuras censuradas forman parte do seu planteamento literario, xunto ao pracer pola metáfora estravagante ou polas diloxías que requiren intelixencia lectora. A súa literatura constitúe, de crer os manuais e a bibliografía inxente ao respecto, unha liña moi fértil na historia literaria e aínda estética hispana, de aparente espíritu combativo e crítico: Goya, Valle Inclán, Buñuel (non sei neste caso moi ben por que) fían esa perspectiva, aínda que con obxectivos ou finalidades diverxentes.
Resulta discutible toda esta tese, pero o que non parece tan discutible ao meu xuízo é a tendencia última nos xornais da dereita máis execrable de escribir á moda de Quevedo. Ese quevedianismo fixo e fai furor entre os escritores máis conservadores, máis retrógrados, que teñen a gala enfundarse nesa máscara do autor cortesano fustigador de costumes e, por suposto, sempre próximo ao poder. Dirase que o propio Quevedo, coa súa reaccionaria visión do mundo e a súa pertinaz presencia no bulebule da corte, contribúe a esa querencia.
É posible, pero parece evidente, pola lectura dos seus máis coñecidos paladíns, que teñen a Quevedo entre cella e cella, co dobre propósito de facerense os máis castizos do curral, sempre lambidos polos incondicionais do españolismo rancio, e os donos incontestables do vituperio, xénero admirable que eles convirten en inmundicia.
Nunca o quevedianismo (de longa e agradecida estirpe) tivo tan miserable estela.

24 febbraio 2010

LA TEMPESTA

Para ser este un blog(ue) en galego e estar escrito desde Vigo parece mentira que o tempo meteorolóxico non ocupe unha mínima liña do espazo. Pois está ben que así sexa. Hoxe que parece que o pide o corpo tampouco toca.

23 febbraio 2010

UNHA DE CAFÉ PARA CONFUSIÓN


Veño de familia de cafeteiros sumos, pero non teño unha especial teoría sobre o mesmo nin son para nada experto nel. Teño os meus gustos un tanto restrinxidos (ristretti, como dirían os italianos para o café curtísimo) pero non son nada tiquismiquis. Salvo, obviamente, para o café de pota, que directamente non é café e, como infusión, un auténtico fraude (en gran parte porque cho venden como a oitava marabilla da cafetería andante), noxento e que, se as autoridades sanitarias simplemente puxeran algo de interese, debería ser proscrito para sempre. 
Tomo polo xeral tres cafés ao día: un café con leite, cargado, para almorzar, que admito como mal menor para mollar o pan tostado do día anterior (a ser posible gramado, ao estilo castelán) ou os domingos (aínda que estou fallando algo ultimamente) uns churros de primeiro nivel. O segundo café cae na tertulia do Filipo, que tamén non últimos tempos teño abandonada porque o interlocutor tende a pasar o momento colgado dun fucking telephone, moi chulo iso si, pero quente de tanto overbooking. O terceiro é o clásico de despois. De despois de xantar. Un café negrísimo, con algo de escuma nacida da presión, feito coa típica moka italiana, neste caso cun modelo mercado en Montalcino, de dobre cano que verte directamente sobre a taza, unha taza de borde algo groso, mercada tamén nunha ferretería de Cortona, próxima á praza Signorelli. Ás veces recurro a unha de Sargadelos, que non me gusta tanto porque ten demasiado fino o borde e porque algo de mística nos obxectos empregados tamén che contribúe. O café habitual, pero non sempre, é o de Lavazza Oro, traido moitas veces de Italia (non é caro) e outras mercado nalgunha tenda de delicatessen a prezo precisamente de ouro. No caso de non atoparmos o lavazza (crema ou rosso tamén entran nas posibilidades) o Illy cumpre á perfección. Dou por suposto que sempre tostado ao natural, nada de torrefacto ou cousas do estilo, e neste caso xa moído, envasado tamén por suposto ao vacuo (baleiro non me soa moi ben) para evitar, como acontece cando se merca ao granel (campiñas e similares), o resesamento do producto. Cando non queda máis remedio, Candelas é un triste e penoso sucedáneo (e non é brincadeira, pero xa verás). Dos cafés portugueses nada podo dicir máis que entusiastas encomios: sempre está bó, moi bó, como en Italia e moitas veces superior. Non son capaz de facer distingos entre Buondí ou Nicola, como me piden noutro post, pero recoñezo que unha bica á moda de Porto resulta sempre óptima e inigualable. 
Mais, dito isto, o mellor café que tomei eu nunca foi no Caffè Sant'Eustachio de Roma, xusto enfronte da igrexa que leva o mesmo nome e ostenta no cumio da súa fachada a célebre cabeza de cervo cunha cruz no medio da testa que viu nun miragre o tal Eustaquio. Moi perto do Panteón romano. O café que venden nese mesmo local serviu durante meses como lembranza prodixiosa daquel momento único. 
En fin, Café, sen dúbida, é unha das palabras máis fermosas que pode pronunciar un ser humano.
   

22 febbraio 2010

COS BLUES DE MEMPHIS OUTRA VEZ

Hoxe saín da cama con Shakespeare he's in the alley with his pointed shoes and his bells speaking to some french girl who says she knows me well. E pasei un par de minutos na ducha con Mona tried to tell me to stay away from the train line. Almorcei con the dragman draws circle up and down the block. Ía en coche pola autoestrada con the senator came down here showing ev'ryone his gun. Entrei no choio con Grand Pa died last week and now he's buried in the rocks e seguín unha reunión de non sei que con the one was a Texas medicine the other was just railroad gin. 
Aínda agora, even now, oh Mama, can this really be the end? To be stuck inside of Mobile with the Memphis Blues again.