Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 ottobre 2011

BARES DE VIGO: PALADARES


Paladares é un recoleto espazo no medio de Rosalía de Castro, unha rúa relativamente recente que está pedindo a berros unha transformación interesante. Cunha xanela ampla, decoradas as paredes de branco e moi luminosa, ofrece unha variedade ben notable de viños e mesmo de delicatessen algo estrañas (teñen casadielles en caixa, que nunca antes mirara). Ten terraza con sillas de poleiro baixo toldo negro que en días invernais de sol quece os corpos. Teñen un servizo extremadamente amable e co viño ou coa cervexa dan unhas tapas ben elaboradas, con indiscutible e declarado sabor canario tropical: hoxe houbo guacamole e mojopicón (outras veces preparan salmorejos e afumados) mentres fóra caía suavemente xa a chuvia tras este día tormentoso de gatos e cans. Moi recomendable para tardes coma esta nas que tanto presta desafiar o mal tempo. 

Ilustración: Vigo, ás sete da tarde do día de hoxe, 26 de outubro.

25 ottobre 2011

A BRAVISSIMA SQUADRA ITALIANA


Probable alineación para novembro: Fucilla; Bellini, Mancini, Malfatti, Caravaggi; Martinengo, Pinna, Profeti; Nider, Garzelli, Cappelli. Alleneatore: Oreste Macrì. Bravissima squadra, con porteiro oriundo. A ver que fago con eles.   

24 ottobre 2011

QUEVEDO A BOTE PRONTO



Mándanme dun lugar da Mancha -do que si quero acordarme porque estiven alí e teño mellor memoria có tipo ese que disque escribe o Quixote-, chamado Torre de Juan Abad, que lles mande dez liñas sobre Quevedo. Eu, de natural preguiceiro, pido ao meu colega de cuarto que escriba algo no meu nome. E vai o tipo, nun plisplás, e escribe esto. Para min que o tiña pensado. Pero ao mellor non. Nunca se poderá saber.   

Quevedo sale de mañana a las calles de Nápoles. Prefiere acercarse a los escollos y ver el mar de cerca. Asistir a los movimientos de las embarcaciones en el puerto. Contemplar a lo lejos el Vesubio y las montañas alejadas de Sorrento, la isla de Capri y el brillo gris de la lámina del mar en pleno diciembre con el sol que se abre entre las nubes. Tendrá tiempo más tarde para volver a palacio. Ahora admira el golfo limpio, las estelas blancas de la espuma. Celebra el fresco del día y piensa en un hombre que ha de nacer más tarde y que va a sentir la misma luz de las ondas y el mismo profundo silencio del horizonte. Ignora que habrá de leer sus versos y recrear de nuevo víbora en rosicler, áspid en lirio.

MAÑÁN DE SÁBADO CON A.


Un dos lugares máis interesantes para pasar unha mañán do sábado, se non fose polo estrés que me producen as colas, é o supermercado. En realidade, a nova versión da feira semanal das vilas. A iso das doce da mañán, se cadra sobre a unha, reúnese alí o barrio enteiro, na procura de matocadas varias. E claro está, o raro é non pararse a parolar un cacho co que se tercie. O último día ata perdín a posibilidade de que me levaran o pedido pola mañán. Pero dina por moi ben perdida, porque estiven a falar, coas caixas dos ovos como esceario, con A., entrañable fabulador das letras galegas, home de verba acougante e agarimosa, sobre afoutezas, achicorias e bidueiros de codesido. Unha mañán de compras prosaicas convertida nunha entretida conversa cunha persoa admirable. 

Ilustración: limóns en Capri.    

23 ottobre 2011

MIGUEL E ELISA (POR ORDE DE APARICIÓN)


Eduardini, Edu, Eduardo, Epi, Aduardo, o noso querido amigo, vén de poñer no seu blog os retratos (máis ca puramente pictóricos) da súa filla Elisa e do seu fillo Miguel, sobre cores de case prácida xeometría. Deixo o de case para falarmos diso nos solpores de san Sadurniño ou de Corvillón. Fermosa celebración da vida, amigo Eduardo.   

Tomei a liberdade de xuntalos e de poñerlles cor xibia ás súas estampas. Por facelos algo meus. 

20 ottobre 2011

A VOZ DE LEONARD COHEN PARA UN DÍA DE FURIA E ADEUS SERODIO ÁS ARMAS


Oportuno semella lembrar, neste día de mortes e adeus ás armas, as bagoas de Leonard Cohen onte en Xixón. Oportuno porque foi en Xixón se cadra cando escoitei por primeira vez Suzanne de Cohen. Non era aquel tempo de escoitar a Cohen. A súa voz que apenas modulaba a música, o seu monótono murmurio de versos sobre unha guitarra apenas rasgada loitaban contra o ritmo alegre das músicas de principios dos setenta nas radios e nas voces daquel país algo turbio e escuro. Era case un sacrilexio namorarse daquelas ledaíñas de desexo e chuvia nun imaxinario paseo por Greenwich Village camiño do Chelsea Hotel. Era insólito xirar tantas veces como facía falta o disco de New Skin for the Old Ceremony e camiñar pola rúa salmodiando en voz baixa bird on the wire. Foi moito máis famoso máis tarde cando incorporou voces de gospel para Lover, lover, lover ou cando outorgou cadencia de vals ao de Lorca para tomar Manhattan e despois Berlín. Admirei sempre o seu porte elegante, de bohemio melancólico entre versos tirados de salmos e himnos paganos. Pero se teño que quedarme con algo de Cohen, nesta tarde algo axitada,  quedaría cos acordes que abren Suzanne, eses sinxelos arpexios que eu imaxino en mi maior e que permiten recoñecer que comeza unha das cancións más fermosas que ninguén puido escribir. I remember you well at the Chelsea Hotel, con blue raincoat or not. 
     

19 ottobre 2011

PETRARCA SOBRE OUTUBRO


Non quero que a miña diatriba de hai días contra certa clase de literatura dea a entender que a miña devoción pola poesía (ou como se queira chamar a ese arquixénero) poda sufrir algún dano irreparable. Non tal. Tomo ao chou, tras perseguir unha metáfora, este final de soneto 

Et qual cervo ferito di saetta,
col ferro avelenato dentr’al fianco,

fugge, et piú duolsi quanto piú s’affretta,


tal io, con quello stral dal lato manco,

che mi consuma, et parte mi diletta,

di duol mi struggo, et di fuggir mi stanco.


e recobro esa miña devoción intacta. Excelencia petrarquesca para inaugurar feliz o outono debido.