Caxigalines nella Reguera'l Campizu
9 febbraio 2007
QUEER AS FOLK E THE L WORD
Na televisión agora mesmo botan dúas series de ambiente gay. Podería dicir exclusivamente gay, xa que non lembro agora mesmo ningún personaxe hetero, pero pode habelos. As series son L word (no mundo lésbico/lesbián) e Queer as Folk (no mundo de gays propiamente dito). Ao marxe das relacións sexuais que aparecen con frecuencia, que poden escandalizar e mesmo excitar a máis de vinte, as dúas series teñen unha especial querencia polo melodrama. Eso explica a polémica (renovada querella sobre os límites de arte e natureza) que se ten dado nalgúns medios de comunicación sobre a verosimilitude ou a fidelidade dos feitos contados coa realidade de tales ambientes. Nos foros onde se debate a cuestión é notable a disparidade de criterios, desde o que sinala que son así os ambientes, ata o que considera que é froito dunha esaxeración cinematográfica cun pulo provocador. Mesmo gays ou lesbianas que como tales figuran nas asinaturas dos devanditos comentarios difiren nas súas apreciacións de modo radical: mentres uns son devotos devoradores das series por entenderen que reflicten ben ese mundo, outros, sen embargo, botan pestes porque consideran que ofrecen unha imaxe distorsionada (algúns/algunhas falan de negativa) da súa sexualidade.
Eu creo que é precisamente o tono melodramático adoptado polos realizadores de ámbalas dúas series, onde o humor parece proscrito, o que provoca a diferencia. Cando un elixe un xénero destas características, xa sabe que debe suliñar as emocións, os constantes cambios de situacións, as sorprendentes descubertas, as paixóns a todo tren, os sentimentos como único resorte dramático. Eu teño que confesar que sigo (digo sigo porque sempre teño curiosidade por encetalas) as series porque amigos din que non están mal. Eu intento verlles o lado positivo, pero non son quen de soportalas. Pero creo que din coa clave: son telenovelas ad hoc que cambian os seus escearios habituais de chairas ou rañaceos de Caracas por escearios de qualité e ambiente oscuro pero brilante de dúas cidades de EE.UU., Los Angeles e Pittsburgh.
Iscriviti a:
Commenti sul post (Atom)
3 commenti:
Eu vexo moitas series, inda que cada vez me gustan menos. Quizais os primeiros capítulos, unha tempada, pero despois canso. Nunca vin L World (sería deses 20 que dis, seguro) pero si QAF, e tampouco me gustaba nada. É, verdaderamente, un culebrón, e dos malos-malos. Os actores non poden ser peores, e mira que en USA teñen onde elixir. Parece unha serie alemana ou polaca.
Supoño que se es quen de escandalizarte e/ou excitarte terá o seu aquel, pero se non...
Non vin nunca esas series porque, nestes últimos anos, vexo pouquísima televisión. E non por rexeitamento, senón por deficiente organización do meu tempo libre.
Eu vexo, aínda que xa a vin máis, QAF e teño que recoñecerlle moitos dos defectos que se sinalan no post, sobre todo agora que a serie vai avanzando.
Iso si, QAF antes que Beti la fea :D
Posta un commento