Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 settembre 2007

O IRRACIONAL


O ano escolar comenzou hoxe no Reca oficialmente. Foi escasa (eramos dous) a concurrencia na tertulia. Pero o tema que sacamos, sempre fortuito, foi interesante: o peso do irracional (con pequenas alusións ao relixioso, que, por non repetirmos, evitabamos) no pensamento de moitas persoas. Son consciente da contradicción, pero é moi habitual atoparmos con xente que prefire a versión máis fantástica á racional, que prefire someter todo a unha especie de limbo do descoñecido que a unha lóxica máis ou menos argumentada.

Todo empezou co relato do meu amigo que invitou a uns nenos á casa e decidiu contarlles, sen moito ánimo e de xeito moi breve e sinxelo, a teoría da evolución, coa sorpresa de que os cativos, enleados coas cousas da primeira comunión, decidiron desmontala á brava coa súa crenza na creación de súpeto. Entendeu o meu amigo que se metera en camisas de once varas. Máis aínda cando os pais das creaturas lle fixeron ver que, en efecto, a teoría da evolución estaba ben pero que non explicaba todo e que, polo tanto, era mellor pensar que deus fixera o mundo en seis días.

A partirmos desta anécdota para nada impertinente, empezamos a debater cómo as persoas prefiren adecuar o seu discurso a eses resquicios do ignorado e do escuro, en lugar de dar explicación lóxica e natural ás cousas. Fóra do ámbito relixioso, pode verse mesmo en asuntos triviais para os que a xente busca o máis raro antes de conformarse cun relato máis ou menos sinxelo pero intelixible. A superstición, a crenza nunha forza superior, a presencia de algo que non controlamos (que non é o azar caprichoso, senón unha especie de máquina autónoma que nos move), modifica a nosa percepción e a nosa descripción mesma da realidade. Provoca unha parálise mental que impide debuxar as liñas lóxicas; acomoda (coloca e fai cómodo) o pensamento a un espacio reducido. Por iso, ese adoctrinamento dos rapaces na crenza dun ente que nos supera é inhumán.

Para Occam's Razor, para que a vaia afiando

19 commenti:

Nuca ha detto...

Benquerido Arumes, é este que plantexa, como ben sabe, un dos meus temas preferidos, e por elo non me extrana que esa tertulia matinal se lle fixera ben entretida.

Prométolle amplificar no meu recuncho virtual este berro que fai contra a iracionalidade.

Pero son pesimista. Un exemplo con reto incluido: compare o share dos programas televisivos de Iker Jiménez e de Punset. Pero só o share, porque a altura intelectual non ten comparanza

Anonimo ha detto...

É moi difícil acabar co pensamento irracional, tan cómodo. Na base de todas as crenzas e relixións está o medo á morte, para a que estes chamanes ofrecen ceos eternos con música celestial e, con sorte, unha manchea de hetairas (no caso das mulleres serían, supoño, os famosos Deux du Stade) a noso servizo. A razón di que despois non hai nada, un baleiro, a escuridade, a fin. Claro, entre morte e morte a das jichiñas ten moito gañado de principio, inda que a outra debe ser un descanso de carallo.
Un cancro terminal nunca é terminal de todo para un ser irracional (un crente, dirían outros) xa que sempre cabe o milagre. Respecto ao tratamento tampouco hai cor: unhas oracións, mexos de nena virxe ou testículos de gato negro poden ser suficientes, e en todo caso moito mellores que as amputacións, radiacións e químicas varias que che agardan no hospital.
É así, non lle hai que facer.

Anonimo ha detto...

A verdade é que a teoría da evolución pode ser difícil de entender de boas a primeiras por nenos pequenos.Pero penso que,coma sempre,pode haber procedementos de "aproximación sucesiva" á comprensión de conceptos difíciles,como se fai en todas as áreas.O que convén ter claro é a "tolerancia cero" por parte do mestre cara o pensamento irracional neses ámbitos.Moitos deses "desafios" cara o profesor fannos os alumnos coa esperanza oculta de que éste se manteña firme e demostre ter as cousas ben claras.

Anonimo ha detto...

Por outra parte,a mín góstame diferenciar entre pensamento irracional e pensamento inconscente.Quero decir que non todo o pensamento racional é conscente.

torredebabel ha detto...

dende logo, concordo co dito e ainda podería encher este cadriño de exemplos dramáticos dos abusos que se montan sobre esas explicacións irracionais. Pero, farei hoxe de avogada do diaño, e preguntareime se non é tamén moi irracional confiar cegamente na razón? A ciencia, non menos que a relixión, leva séculos explicando o mundo de maneiras moi distintas, paradigmas contradictorios entre eles e moitas veces non máis serios que as explicacións atribuidas a seres superiores ou destinos.

Anonimo ha detto...

Xan da Coba
Non estou de acordo en que a teoría da evolución sexa difícil de entender para os nenos nin para ninguén. Os exemplos están diante de nós así como os mecanismos que os animan. Brincadeira: a miña sobriña, hai tempo, díxolle un día á súa nai "no, mami, hace mucho... cuando papá era un mono".
Torredebabel
Hai que confiar cegamente na razón. Outra cousa é que as conclusións ás que chega o home a través da razón sexan todas válidas e certas (seríamos perfectos), pero que a razón é o único camiño posible para chegar a coñecer o mundo que nos rodea é un feito irrenunciable.

Anonimo ha detto...

de la highway61.A teoría é difícil de explicar,tendo en conta que eu entendo que está explicada cando a outra parte a entende en profundidade.I eso non só consiste en que entenda o que se lle dixo senón que é quen de pensar EN TERMOS DA PROPIA TEORÍA POLA SÚA CONTA E APLICALO AXEITADAMENTE A NOVOS CASOS QUE SE LLE PLANTEXEN,E NON SÓ OS PREVIAMENTE ESTUDADOS.
Eso é o que se entende por entender ben a teoría.En termos de profesor de instituto "entendes a teoría só se eres quén de facer os problemas".
Por outra banda,non séi se sabedes que baixo a Administración Bush os profesores teñen libertad de explicar esa teoría como científica ou coma "meramente filosófica".Incluso a ese goberno lle parece mellor a segunda opción.Mirade se a cousa está "chunga".

Nuca ha detto...

Benquerido Xoan: Efectivamente a situación está moi chunga, pero non so nos EEUU, tamén eiquí en Europa. Teorías do deseño intelixente, da complexidade irreducible e outras do mesmo tenor campan por estrados de ensino medio e superior. E ainda máis preocupante é nos paises musulmáns. En Turquía, por exemplo, xa se albiscaba que os antievolucionistas collían forza. Os recentes cambios políticos que alí aconteceron confirman a tendencia.

Estou totalmente de acordo con dlH61 (como non) a razón é o único achegamento posible a realidade, paseniño, con dous pasos adiante e un atrás, pero continua e asintóticamete

Anonimo ha detto...

Sr. Da Coba
Síntoo pero sigo a pensar que a teoría da evolución non é tan difícil de entender, por suposto en termos relativos. Pensa vostede que o concepto de selección natural é máis difícil de explicar e entender que o de integral? Ou que un rapaz de 8 anos vai entrar motu proprio nun conxunto abeliano (se é que iso inda existe e se escribe así, claro) antes que nun fosil de dinosauro? Podería poñer máis exemplos, pero vostede xa entende o que quero dicir.
Eu sigo a pensar que se non se lle explica aos nenos e non tan nenos esto da evolución non é por que sexa difícil de explicar nin de entender, senón porque non hai vontade de facelo.

Anonimo ha detto...

Mentres escribía esto, un príncipe e unha princesa levantaban a súa nova filla para que fora protexida pola virxe de Atocha. E, por suposto, ocupaban principal lugar en portadas de xornais supostamente racionais (un mesmo leva o nome na súa cabeceira). Mágoa de país, gobernado por esta xente que non para de estar de festa.

Anonimo ha detto...

Boeno,as integrales non se lle explican ós nenos.Explícanselle ós bachilleres e non as entenden.Outra cosa é que memoricen certos algoritmos pra resolvelas (as sinxelas),pero entender,entender...o cálculo infinitesimal precisóu dun Newton e dun Leibniz,aínda que Arquímedes xa fixera os seus pinitos,mire de qué falamos.Onde dí "conxunto abeliano",maxino que quere dicir "grupo abeliano",non ten maior importancia eiquí,pero é algo diferente.
Así e todo,eu son dos primeiros que penso que os nenos non son nada parvos,e poden comprender conceptos profundos se se explican de forma que podan entendelo.Teña en conta que o sey vocabulario é limitado,e os coñecementos previos pra relacionar o que aprenden tambén.Eu lín o libro de Darwin ós dezaséis anos i entendino perfectamente.Xa dixo Leo Szilard que nunca eres tan intelixente coma ós 16...E corto,que me enrosco,seguimos falando-

Anonimo ha detto...

Volvendo ó tema da administración Bush,fixádevos."Bendicen"(Bless)a opcióndo deseño intelixente.Non é que a recomenden ¡É que a bendicen!!! manda carallo.

Anonimo ha detto...

Eses palabros matemáticos tráenme recordos moi agradables de cando case inclino os meus estudios cara esa disciplina querida que agora aprendo a carón das miñas fillas de novo. Unha delas deixou ese camiño das ciencias que eu transitei ata COU: vou lamentar non volver a ver as integrais, con quen tanto quería. A ver se a outra lle dá por aí, pero moito receo que non.
Gracias a todos/as por estes posts tan interesantes.

Anonimo ha detto...

Sr. da Coba
Seguro que quería dicir grupo abeliano, seguro. Imos, digo eu. Pido perdón (unha vez máis!) pola miña ignorancia.
Sr Arumes
Mecagonamonarquía. Pero imos ver: non é este un estado laico? Mecagoenfrancotodoatadoebenatado!

Anonimo ha detto...

Non séi se leron "el relojero ciego",de Dawkins,o do "gen egoista".Se non o fixeron,recoméndollelo vivamente.O título ven a conto da vella falacia dos creacionistas "non pode haber reloj sen relojero".Aborda o tema da evolución do universo,no que se inclue a evolución biolóxica,usando ademáis interesantes modelos informáticos.

Anonimo ha detto...

Non se enfade comigo,highway61 XDDDD.
A monarquía.Esa é outra.Neso aínsa somos máis "retros" que os yankis.XDDD.

Anonimo ha detto...

Moitas gracias polos seus consellos: serán lidos. Xa sabe que a nosa cultura carece de fundamentos científicos desgraciadamente.

Anonimo ha detto...

A ver se lles parece interesante este

ENLACE

Anonimo ha detto...

Non me enfado, Sr. da Coba, é máis, sempre é un placer falar/escribir/ler con xente que sabe do que fala/escribe/le. Na miña enorme ignorancia, fíxese, sempre pensei que o Reloxeiro cego era do Jay Gould.
Porén, lin hai algún tempo O Xen egoista, de Dawkins, este si, e teño que dicir que a considero unha das lecturas máis apaixoantes da miña vida, un deses exemplos no que a realidade supera (até en brillo) á ficción.