Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 gennaio 2008

CARTA Á CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN


Querida Laura:

É lamentación extendida entre o profesorado de Linguas e Literaturas galega e castelá o escaso peso dos contidos literarios na súas respectivas materias. Razoan, con escaso eco entre as autoridades académicas, que o obxectivo principal de todo o ensino, a súa trabe mestra, ou sexa, a lectura e a escritura, non pode ser acadado sen que a literatura nun sentido amplo (non só na súa dimensión excelsa e canónica) tome a importancia necesaria. O profesorado supera estas recoñecidas eivas con moita vontade persoal e coa incorporación ocasional aos curricula dunha maior presencia dos textos literarios, pero sempre con cuidado de non ultrapasar a programación asulagada de coñecementos lingüísticos. Nalgúns casos, nos máis radicais ou rebeldes, ese compromiso co programa fica vulnerado na case clandestinidade da aula para beneficio claro do alumnado. Esta especie de íntima e máis ca simbólica obxección satisface tanto aos profesores que a exercen como ao alumnado que a desfruta, pero revela, en todo caso, a incomodidade manifesta dunha boa parte do profesorado con tal marxinación efectiva da literatura.

A queixa do profesorado atopa, ademáis, no propio alumnado un aliado involuntario. Non é nada inusual escoitar aos estudantes laiarense da repetición, ao longo dos anos, de conceptos lingüísticos básicos (como o das funcións da linguaxe, os modelos de análise sintáctico ou os mecanismos de creación de palabras) nas dúas materias de Lingua Galega e Lingua Castelá. O profesorado tamén é consciente desta coincidencia, pero acepta resignado o guión prestablecido. Algunhas voces alertan nos seminarios correspondientes, pero son insuficientes para cambiar o sistema. Unha certa prudencia ou un respecto, un tanto inexplicable neste caso, á corrección política (que parece obrigar a unha separación exacta de ámbalas dúas linguas para evitar improbables problemas) contribúe a non alterar o máis mínimo a situación.

En Cataluña, desde hai algúns anos, artellan unha solución imaxinativa que pode ser imitada sen problema algún. Consiste en reservar unhas horas para o que chaman “estructuras lingüísticas comúns” (que o profesorado de ambos seminarios pode compartir a partes iguais), outras para as características diferenciadoras das dúas linguas e, como resultado deste axuste, unha maior presencia da literatura en ambas disciplinas. Por suposto, non supón perda algunha de horas, pero si unha distribución máis favorable ao estudio dos textos, á súa comprensión e, como derivación natural desa familiariedade, ao exercicio da escrita, peza esencial da aprendizaxe.

Non é esta ocurrencia persoal, senón reflexión froito da demanda escoitada centos de veces entre os profesionais do ensino, un pouco cansos de estar repetindo a mesma cantilena sobre as funcións fáticas da linguaxe ou sobre o complemento directo, mentres abandoan a exercitación, tamén antiga pero eficaz e pracentera, de aprender cos textos (xa non digo literarios) de diante. Estou seguro de que os estudantes han saír, ademáis de aliviados, claramente enriquecidos.

8 commenti:

Anonimo ha detto...

Sensata, necesaria, acertada e moi ben razoada carta. Debería estar no frontispicio de todos os departamentos de ensino secundario que versen de linguas.

Ademais, non só é que se repitan conceptos lingüísticos básicos. É que, non poucas veces, se utilízan con terminoloxías diferentes, o que causa caos no alumnado. O de impartir, conxunta e consensuadamente entre os dous dptos., as “estructuras lingüísticas comúns”, é algo que cae de caixón.

Por aí deberían ir os tiros, amais do da literatura. Pero moito me temo que se vai seguir na mesma. Por moitos motivos de inercia e de conveniencia.

Anonimo ha detto...

Há bem de tempo que eu tenho essa teima, pois conhecia as experiências da Catalunya e sofro de ver como se me vai o tempo na aula.
É possível que no centro no que eu trabalho agora podamos fazer tal adaptaçom (é pequeno e com persoas abertas á mudança em ambos os departamentos).
o que nom sei é se, chegado o momento, de termos preparada a proposta da aula de Gramática [eu chamava-lhe assim], a inspecçom educativa nos deixará fazê-la explícita nos horários ou teremos que trabalhá-la "clandestinamente".

Nuca ha detto...

non é por malmeter pero poderíame explicar porque se estudan conxuntamenta na carreira as disciplinas de língua e literatura.

O digo porque, por exemplo, en Belas Artes non explican pintura e química dos compostos cromóforos.

Unha cousa é o coñecemento artístico e outra o técnico e non teñen moito que ver ainda que se apliquen sobre o mesmo obxecto

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Apicultor: é unha teima miña tamén de hai tempo, consultada e comentada con moita xente que concorda ademáis con ela. Pero tamén eu receo de que vaian mudar as cousas.
Amigo dedoscomovermes: confirma vostede que de xeito clandestino a xente busca a maneira de poñer a flote a literatura ou os textos, sexan cales sexan estes: xornais, folletos, comics, ensaios de divulgación científica, ... Doe facelo así.
Amigo Occam: Na carreira non se estudian xuntas: en bacharelato si, pero cunha marcada inclinación cara a lingua. Materias propiamente de literatura, só a optativa de Literatura universal. O curioso é que nun mesmo curso, se optas pola vía de humanidades, podes estar estudando seis linguas: castelán, galego, inglés, latín, grego, Francés/alemán. De dez materias non está nada mal.

Nuca ha detto...

Xa, xa, no bacharelato estudíanse na mesma materia lingua e literatura. Iso mesmo o podo entender. Pero non podo entender que nunha carreira haxa, ainda que separadas nun mesmo curso materias de literatura e língoa. Reproduzo as primeriras liñas do plano de estudios de filoloxía hispánica da UVIGO:

301212102 Lingua Española Troncal 15.0
301212103 Lingüística Troncal 9.0
301212104 Literatura Española I Troncal 12.0


Insisto que en belas artes non existe nun mesmo curso nin en toda a carreira pintura e bases estructurais e moleculares do cromatismo

Anonimo ha detto...

Tardei en entendelo, pero agora caín. O comentario de Occam é certero, máis do que parece nun principio.
En Bellas Artes ensinase, supoño, a pintar, a esculpir, a gravar... etc. En Literatura deberíase ensinar, logo, a escribir guións, a narrar, a facer poesía, teatro e todas esas cousas. Habería que facer moitas prácticas, aprender moita retórica, técnicas de escritura... Habería tamén que facer un exame de ingreso, como se fai en BA, para comprobar as condicións previas do alumno. A filoloxía sería outra cousa, claro, con suxeitos, verbos e predicados (eu quedei moi atrás).
Sería outra cousa, claro está. Ler, ler e ler, e escribir e escribir e escribir por unha banda, e suxeito, verbo e predicado. Non é mala idea.

Marcos Valcárcel López ha detto...

De acordo tamén coa carta no seu sentido e significado absolutos. A experiencia catalana habería que estudiala a fondo e non sería doado aplicala aquí, pero habería que intentar unha maior coordenación entre ambos departamentos: como di Apicultor, ás veces ata usan terminoloxías diferentes; polo que eu sei, en castelán insístese moito máis na sintaxe; en galego, na sociolingüistica e nos problemas derivados da situación do galego na sociedade. Nas últimas reformas do currículo ampliouse algo a literatura en 3º e 4º de ESO, pero só no plano teórico: farían falta outros espazos para gozar dos textos e mesmo xogar a escribilos. O problema maior é o Bacharelato: é moi difícil meter toda a historia da Literatura Galega en dous anos e, en segundo curso, incluír todo o século XX, tal como está o programa, é abusivo se un quere profundar un pouco nos temas e autores. E, ademais diso, toda a lingua a repasar para a selectividade: non viría mal un 3º curso de Bacharelato, xa o dixen outras veces.

Anonimo ha detto...

Desde logo, estou totalmente de acordo. Gustariame ver e palpar esa coordinación e non perder máis o tempo. A experiencia dime que a coordinación dos profes de linguas e dos profes en xeral nos ies depende só da boa vontade destes. E claro, facer depender diso é risco abondo... Se estás nun centro pequeno é máis doado; se estás nun grande, hai impedimentos case de coincidencia na sala de profes, se me apuras... Alén doutras cuestións nas que mellor non entrar...
Durante este tempo que levo dando clase de lingua e literatura é un dos temas que máis me preocupa, a inutilidade da falta de coordinación entre os profes de linguas, nomeadamente, os de galego e castelán; e a consecuent perda de tempo para o alumnado dun tempo que se podería aproveitar para "outros menesteres" e qeu repercutíriía na calidadade do ensino.
Aproveitpo para por sobre a mesa outra cuesti´no, realcionada:
dades por unha parte os contidos de lingua e por outra os de literatura ou máis ben, todo xunto?
Grazas e noraboa polo blogue e as comentaristas!