Foi día de rencontro postnadal cos amigos de Cambados, en torno a unha mesa na Lanterna. Un rito anual no que aproveitamos para agasallar aos pícaros (xa non tanto) e para falarmos dos proxectos para este ano 2008. Comezamos ben, con ideas interesantes e ordenadiñas sobre o que íamos facer, pero moi axiña fixemos o mellor que sabemos facer: dispersármonos. Divagar, desviarnos: divertirnos. Moita dispersión.
E foi nesa happy hour, en que nin siquera nos decatamos de que os rapaces decidiron voltar a casa, que xa non están perto de nós, cando o desvío pasou polas pelis que vimos últimamente e daí ao Laberinto do Fauno, daí a Maribel Verdú, daí ao delgada e demacrada que estaba, daí a que comezaba a ter un ar a Lola Gaos, daí a Belén Rueda, daí a Ariadna Gil (nunca lle gustou a X), a Ángela Molina, a Ana Belén. Daí saltamos a Scarlett Johansson, que a E. non lle gusta moito, pero a C. si. E daí a Lost in translation, con debate duro sobre se era unha grandísima película ou unha filfa pinchada nun pau. Tras o debate cinéfilo moi cultureta para a ocasión, volta á discusión sobre o ben ou o mal que se conservan as actrices (non era hoxe día de actores). E. solemnizó (mentres lle zoupaba a unha pizza melanzane) o apelido Pfeiffer; A. (cun cacho de spaghetti nos labios) asentía mentres I. (cun aceno de satisfacción pola focaccia consumida) apuraba o nome de Sharon Stone e C. aceptaba ámbolos dous nomes. Pero X. (que cambiaba o viño branco polo tinto) pronunciou Sophia Loren e daí, cun sorriso de orella a orella, comezaron saír Lollobrigida e Cardinale e Deneuve. E, entón, apareceu a palabra máxica: Marcello, o bello Marcello, e alí concordamos, como proxecto e sen deixarmos de engulir, sermos como Marcello. Sempre como Marcello. De novo e de vello. Como Marcello. As pizzas, as focaccias e a pasta, cun Casal de Armán moi recomendable, foron eliminadas coa paixón que permite lembrar as imaxes de tantos rostros bellísimos que formaron parte da nosa educación sentimental. Falamos dispersos, andivemos dispersos con humor distraido rastreando divertidos os nosos ídolos de sempre. E, ao final, saiu, dun recanto case esquecido da memoria e cos cafés xa na mesa, como non, a musa da nosa adolescencia, agora case descoñecida, pero icono da nosa redención sexual: a marabillosa Ornella Muti. Para todos aqueles que soñamos con ela (sen entrarmos en máis detalles que foron explícitos cando prolongamos a sobremesa máis alá das cinco da tarde), vaia este post de homenaxe.
O que diciamos: moita dispersión. Desviación. Diversión.
E hoxe novo capítulo da blogonovela: o capítulo 27. E falta xa pouquísimo para rematar.
3 commenti:
Pois eu quédome con Harvey Keitel espidiño de todo naquela escea do piano, pero sí, o recoñeco, Marcello é moito Marcello...
Sophia, Ornella, Orchidea.......
Scollatura vertiginosa
Posta un commento