A primeira procesión agardaba. A Agrupación Musical de la Cofradía de Cristo Yacente de la Misericordia y Agonía Redentora prometía. A Hermandad de Jesús Amigo de los Niños "La Borriquilla", coas súas famosas túnicas de raso branco impoluto iluminaban a limpa mañán salmantina. El todo Salamanca, na praza Anaya, conversaba mentres esperaba saír o paso. Un calor mesetario quentaba o cabezolo, debaixo dos vítores de almagre. Todo anunciaba esplendor e magnificencia. Pero o pollino que saiu (semellaba un pony de aluguer de feira cun Xesús que máis ca entrar en Xerusalén parecía estar pedindo axuda aos pais para que o quitaran da atracción), cunha palmeira de verdade que parecía tamén quitada dun espectáculo de varietés, abochornou aos circunstantes. Ao día seguinte, a xornalista local poñía a baixar dun burro (perdón pola mala ocurrencia) ao que contratara o "imaginero jienense" para a ocasión, coa irreprochable pregunta coñecida por todos de que "¿no habrá escultor salmantino mejor para cincelar un jamelgo?". Os ramos de oliveira (eses de antes de palma non se estilan polo orbe charro) e os nenos vestidos ata o paroxismo coas lazadas máis inverosímiles ofrecían unha imaxe penitencial de primeira magnitude. Con ese arrobo case místico, decidimos aumentar a dor cun cilicio de tapas no Momo (un pouco fashion) e cun paso procesional composto de solombo de vitela sen aderezo pero contundente. A tarde a Hermandad de Nuestro Padre Jesús del Perdón, que saía das Bernardas (un convento, enténdase) quitaba outro paso, desta vez acompañado por un grupo musical da OJE, organización que eu pensaba mortísima. Pois non: alí estaba lostregando cos pífanos os tímpanos da salmantinada aviesa. Quixemos contribuir á ardorosa contrición cun par de visitas a Mater Asturias (unha franquicia astur que ofrece sidra cun servidor automático, case máxico) e ao Mesón Las Conchas, que flaxelaron o noso corpo cunhas bandexas de bocadiños con ese pan bregado cheo de ibéricos, ibéricos. A aflicción foi máxima. Á noite, a levitación foi acadada, coa correspondiente emanación etérea, inefable. Ou sexa, que non o conto.
3 commenti:
estas crónicas arrecenden a irreverencia sacra tanto como devoción teñen polo epicúreo
Non dubidamos de estea feito un "fenómeno", Arume. Pero iso de que todas, absolutamente todas as noites...
Ten razón o Apicultor: ¡fantasma!
Por outra banda: non hai como ter os fillos xa criados para perder a memoria do traballo de crialos.
Un que non tr.r.aballou tanto.
Posta un commento