Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 marzo 2008

SEMANA SANTÍSIMA: VENRES DE PAIXÓN



Ás seis horas solares a Real y Muy Ilustre Cofradía de Nuestro Padre Jesús Nazareno, a máis coñecida como os salzillos, quita os seus nove pasos á praza de san Agustín entre a devoción da Murcia máis madrugadora. A esa hora, na outra punta da cidade, os píos penitentes padecemos en silencio, nunha escuridade íntima, unha paixón turbadora. Oramos hosannas mentres sentimos as espadas flamíxeras queimar as fendas da nosa piedade que gozan na expiación da carne. Logo visitamos, tras un tránsito de tostada con óleo, pomo de ouro e sal, a rúa Trapería. Nas prazas das flores, en santa Catalina, en santo Domingo, a calor aviva a chama aínda baixo laranxos ou palmeiras. Ao cheiro de azahar é difícil, sen embargo, alimentar a ferida. Este venres, de pena e de dor, é venres de misterio e agonía: agonía por non atoparmos mesa libre en todo Murcia e misterio por non saber se imos xantar aínda que sexa de noite.


Sen embargo, nun fermoso rincón, todo adubado de fonda tersura mística, El apareceu. Apareceu El, orlado de esplendor único de verde esperanza; El, reverberante de cándida vida e unxido do fulgor resplandecente do sangue derramado: El, ese prato de tomates roxos, carnosos, vívidos, coroado por media ducia de boqueróns relucintes como sete soles, adornado por golosas olivas recén caídas da arbre, e iluminado por un aceite de deuses. A expiación e o éxtase eran completos.


Máis tarde, ao caír a lúa chea sobre a catedral de Murcia, o Ángel Servita, esculpido por Luisa Roldán, a Roldana, aliviou co seu paso pola praza Belluga a dura pena. Por pouco tempo, porque a lembranza daquela docísima coroa de espiñas ameazaba de novo. Houbo, pois, que someterse ao cauterio doroso dun zarangollo e dos esponsais dunha anchoa e un boquerón para sentir a mesma ferida. A cervexa Estrella de Levante sustituiu con eficacia ao Jumilla, e polo bulevar de Alfonso X, camiño do Gólgota, voltaron a erguerse as mesmísimas trompetas de Jericó diante das portas completamente abertas daquela Murcia derrotada.

Nessun commento: