Estou facendo tempo porque ás catro da mañán vou buscar á miña filla á verbena de san xoan en Panxón. O de verbena é por respecto á tradición máis que como descripción axeitada á realidade. Fun o ano pasado porque alí o Occam ten mansión e adoita convidar ao persoal a disfrutar daquela troula xigantesca. E digo ben, porque non esaxero o máis mínimo se digo que alí se concentran decenas de miles de persoas (no chegan ás 100.000 por pouco), ao redor de lumieiras (folións, cacharelas, fogueiras ou *hogueras como en A Coruña;)), de litroeiras de brebaxes indómitos, de tabaqueiras industriais con arrecendo a comuna de Novo México ou de mobles de escai desprazados pola ocasión cara á area da praia. Coa luz máxica do lume enceso, moreas de mozos e mozas, cos ollos iluminados por algo máis có resplandor das lapas, e ataviados cos traxes típicos da zona (bikini e bañador), recorren o areal coa ledicia característica destas entrañables festas. Como nun rito de fecundación, os rapaces, amosan, bébedos pola mistura de mandrágora e viño peleón, as súas mingas pouco mandingas ás ondas que veñen e van para deixar alí as súas pegadas orinais. As rapazas, pola súa conta, tentan ser favorecidas polas augas ao se agacharen con idéntico propósito. Entre as dunas e ao pé das xunqueiras, o brilo lonxano dos folións avermella o monstro das dúas costas enfebrecido nas loitas.
Soan agora os foguetes que anuncian o comezo da festa. Cae unha pequena poalla sobre Vigo. Nada que venza ao lume.
2 commenti:
¡Panjón Pan-Jón!
Estamos mirando de llamarle huegueras, pa qui suene más daquella manera.
Arumes, mira que non vir pola casa...non dimos comido todalas sardiñas.
O ambente, foi tal cual o describisches.
Nos, cativamente saltamos cos nenos un pequeniño lume que alugamos a un grupo de adolescentes que aproveitaron ese momento para manifestar a atracción sexual mútua.
Posta un commento