Caxigalines nella Reguera'l Campizu
16 giugno 2008
A NEOÉPICA ITALIANA
Nos xornais italianos celebran este últimos días como a punta dun iceberg interesante os premios para Paolo Sorrentino e Matteo Garrone no derradeiro Festival de Cannes, cos seus respectivos filmes, Il divo (sobre a vida de Giulio Andreotti) e Gomorra, sobre o libro de Roberto Saviano ao redor da Camorra napolitana. Un artigo de Giancarlo di Cataldo no semanal da Repubblica e unha contestación de Paolo di Stefano no Corriere della Sera amplifican o postulado por Wu Ming, un colectivo de novelistas boloñeses, coñecidos e relacionados co Luther Blissett (aqueles da novela Q), que establece claramente unha nova corriente (entre publicitaria e verosímil) chamada new italian epic, unha nova épica italiana. Aparecen rótulos semellantes, como o de neoneorrealismo, sempre co fin de delimitar un tipo de manifestación artística, narrativa en gran medida, que, como di o enunciado do título xornalístico, non ten medo de emporcarse as mans. Dentro deste movemento, inclúen a escritores procedentes del giallo (del noir, din eles para seren tan pedantes coma nós) como Camilleri, tal vez o máis coñecido entre nós polo seu comisario Montalbano (agora reducido a serie televisiva que, por certo, nós non vemos) ou como Carlo Lucarelli, autor de una media ducia de libros de grande éxito e célebre presentador dun programa semanal na televisión sobre casos irresoltos de mafia, política, terrorismo de estado e delincuencia a grande escala. Ou como Ammaniti, dono dunha prosa truculenta, durísima, capaz de narrar o mundo da periferia das cidades cunha crudeza sen compasión. Ou como estes dous cineastas que indagan nas letrinas da política e da sociedade italiana para dar a coñecer a faceta escura dun país en completa crise. Os defensores da existencia desta nova corriente escapan de dictados morais ou políticos por consideralos incapaces de dar conta da complexidade das cousas. E, nesa liña, non eluden as preguntas incómodas, as perspectivas inconfesables, a risco dunha certa indefinición (buscada) ideolóxica. En todo caso, a neoépica italiana fuxe dos estreitos marxes dos relatos íntimos, de poucos personaxes e espazos moi limitados, para preferir os grandes panoramas, os frescos amplios dunha época, coa pretensión de agotar os ángulos narrativos. Non sei se La meglio gioventù ou os plúmbeos discursos cinematográficos dun Moretti acaen neste marbete pero si gardan con esta recurrente imitación da realidade o desexo de amosar o país no seu descontento político e o seu desencanto moral. A mágoa, coma sempre, é que haxa que agardar ao verán para mercar alí esas películas e comprar eses libros. Aquí chega o arrecendo lonxanísimo, cando chega, desas interesantes novas que convén (in situ, cómo non!) comprobar.
Iscriviti a:
Commenti sul post (Atom)
1 commento:
¿Se estrenarán en España?
Posta un commento