Durante estes tres días, a rapazada do ano 1990 leva escribindo as respostas a un exame que supostamente marcará as súas vidas. Non o sei. Pero seguro que xa marcaron o seu pasado porque levan un ano enteiro preparándose para esta proba. A inmensa maioría ata acadar a nada despreciable proporción do 90% traspasa a barreira. Só un pequeno número de alumnos, que probablemente non merecía aprobar se non fora porque os seus profesores deciden que sexan outros os que o tiren para atrás, fica fóra do pastel. Pero aínda teñen o mes de setembro para tentar a fortuna (case un 70% do 10% restante e algún máis aproba, co cal podemos dicir que en total só un 3-5 % fica lonxe dos seus obxectivos, se cadra tamén esperado).
Para ista proba cumio (polo que se ve de escasa relevancia numérica, aínda que pode en casos moi concretos impedir a preferencia de estudios) toda a sociedade se prepara. Os institutos porque montan toda a docencia de segundo de bacharelato con ese destino (só hai que comprobar como este ano en máis dun instituto nin siquera impartiron literatura española porque como non contaba máis que dous puntos na materia correspondiente non merecía a pena estudiala: e quen di literatura española, pode dicir Aristóteles ou calquera outra parte da programación). Os profesores porque organizan as súas clases non para transmitir coñecementos, procedementos de estudio ou saberes en xeral, senón trucos, trampas, recursos técnicos, de clara dimensión pragmática, para aprobar o exame. Os alumnos porque entrenan máis que estudian para tal convocatoria e fundamentan as súas horas diante da mesa de estudio como un campo de exercicios moi precisos para non fallar no momento decisivo. Os pais porque viven todo ese ano coa preocupación de se os rapaces serán quen de saltar con éxito tal listón, despreocupados por completo de se serán quen de aprender as materias. As comisións de coordinación porque, desde o mes de outubro do ano anterior, son as responsables de estableceren as normas para o exame, as fórmulas exactas para que os profesores nos seus centros saiban a que se ateren. E, como coda final non menos importante, as miles de comisións constituidas ao longo do país porque cuidan que todo o esceario estea perfectamente engraxado para a ocasión, coa correspondiente nómina de dietas de manutención e viaxes e de corrección de exames (cunha fin de semán agoniante, só compensada polo arrimo duns cartiños que endozan o verán). Todo esta parafernalia anual para un resultado curtísimo en termos peneirísticos e nulo desde un punto de vista educativo.
Como esta diatriba equivale ás que se suceden durante o mes de maio contra as touradas, só queda dicir que nos veremos o ano que ven con esta mesma teima.
5 commenti:
Ou hai unha selectividade en serio ou que retiren esta pantomima que, tal como está, pervirte o sistema educativo. Se aproba o 95% para que facela?
Ou a teima de finais de marzo do troco ao horario de verán, que permite estar nas Rías Baixas con sol case ás 23:00 hs agora en xuño.
Imaxínolle preocupado pola ausencia de Pirlo e Gattuso o domingo. Se eu tivera cartos para apostar e me gostara facelo, apostaría por Italia como campiona de Europa.
no meu segundo de bacharelato enfadárame moito co profesor de lingua e literatura española precisamente por iso, pola súa teima en non dar clase de literatura polo pouco que pesaba na selectividade.
semellante con historia. apenas chegamos á guerra civil porque alén diso non soía caer nada, e ao final unha das opcións de exame era a transcición democrática...
é un sistema bastante inxusto se o pensamos a nivel de coñecementos adquiridos
A selectividade pra entrar na universidade tería que ser,por lóxica, o ter aprobado o bacharelato. PREUS,COUS,Selectividades non son máis que absurdas duplicacións de funciós. Se unha persoa aproba o bacharelato e suspende a selectividade, qué grao de credibilidade ten os instituto que puxo as notas? A qué ven esa desconfianza "institucional" entre a Universidade e a Ensinanza Media?.
Moi ben polo post, señor Arume. A min, que padecín como pai e como profesor esta tolemia, alegroume ler uns razoamentos tan asisados.
Con todo, creo que o problema non está en se hai a selectividade ou non (esta ou outra, a min paréceme interesante mentres haxa limitación na elección de carreiras, máis que nada para evitar a picaresca que aparecería se se suprimise), senón na histeria arredor dela que vostede tan ben describe. Unha histeria doadamente evitable, en canto as probas se orienten á avaliación de capacidades e desboten os excesos memorísticos. E o profesorado e o alumnado asuman o novo enfoque, naturalmente.
Posta un commento