Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 settembre 2008

NO ACTO (CON PERDÓN)


Asistín ao que se anunciaba como inauguración do curso. Cando cheguei xa estaban os protagonistas do acto ocupando a tarima. Falaban entre eles, coas ferramentas nas mans, en garda para o comezo da cerimonia. Ao chegar a troupe de tuneados con toga cara abaixo, os protas do acto empuñaron cámaras, micrófonos, cadernos, gravadoras contra os do desfile, que se interrumpiu porque non daban baixado. Os últimos da procesión, personalidades conspicuas como se daba a entender, lograron ao fin achegarse a unha mesa alongada no medio da tarima, non para presidir o acto (con perdón) senón para ser fotografiados convenientemente desde unha posición de disparo previamente convida. Non fixo falta repetir a escea porque a primeira toma foi definitiva. Os protagonistas ocuparon o lugar central do esceario, de espaldas ao auditorio cos aparatos en ristre, mentres unha voz saída desde o interior daquela multitude dicía algo así como que outro tipo tiña unha palabra. Un que viña vestido de marrón (poñamos esta cor por non sermos escatolóxicos) apartou un pouco o panorama e puido achegarse non sen dificultade a un atril desde onde comezou a falar nunha lingua estraña, cunha gramática idéntica a esta, sobre non sei que. Tampouco é que puidera reparar moito nel, porque a atención estaba centrada neses protagonistas que se movían dun lado para outro, con ruído de tacóns e botas, de clics e flashes, coma se foran avutres ao redor da carne aínda por macerar. 
O locutor seguiu impasible durante un bó rato cunha cantilena chá, desprovista de tons e de interese, pero tampouco me importou porque eu xa estaba a poñer os ollos nos movementos abruptos de fotógrafos e xornalistas aínda por acougar. Pensei que, por fin, deixarían ao conferencista en paz, pero foi ilusión inútil, porque despois de despexar o tarimado os móbiles soaban a cada pouco, renxían as cadeiras cada vez que saían cara fóra para non se sabe e repenicaban a madeira do recinto medio baleiro cando baixaban os chanzos das escaleiras. 
O tribuno rematou cando decidiu rematar, máis ou menos antes de dar as gracias e voltou ao seu sitio entre aplausos agradecidos polo detalle de rematar e tomou a palabra un ghichiño de negro que dixo que non pedía cartos porque non era a ocasión de pedir cartos. Pero, con habelencia, non pedíndoos, pediunos. Entendeuno así un que dicían era presidente e díxolle que si, que había cartos. Non sei cantos porque me perdín entre o monótono fungar e o tecleo de ordenatas de xornatas que tiña detrás. Debían de ser moitos porque a xente ao rematar aplaudiu moito. Mentres falaban os dous, reparei nas dúas mozas que cubrían (un verbo que de por si xa o di todo) detrás de min toda esa información a toda máquina e vin que tiñan ao seu lado copia íntegra dos mesmos textos que eu estaba medio escoitando. Botei unha ollada ao redor e vin que moitos (uns 15) tiñan esas follas e que mentres falaba o que alcumaban presidente pasaban páxina para seguirlle o rollo, tomaban notas en caderniños ou directamente empleaban o tempo en escribir no ecrán do ordenata a crónica do acto (con perdón). Aquí fixen a miña reflexión seria (a outra tamén o é, pero non o parece). Entre un par de bolseiros de comunicación que manexaban cun ordenador unha cámara de video a distancia, tres cámaras de televisión potentes que permanecían varadas sobre trípodes enfrente da mesa, seis ou sete fotógrafos que quitaron entre todos non menos de 1000 fotos (para que logo os xornais elixan sempre a mesma repetida) e os quince redactores e redactoras destacados para a ocasión (con todo sabido de antemán), pensei que carallo facía eu alí. Ou que carallo faciamos todos alí, para sermos exactos? 
Esta mistura de acto institucional (cara adentro, para os da casa) e acto social (retransmitido para que se enteren os de afóra) trae estas consecuencias. Que, entre outras cousas, os interviñentes non saiban a quen dirixirse; que os xornalistas participen como protagonistas do acto e que os asistentes pensen por un momento que están de comparsas nun Luar algo (non moito) solemne. 
   
Capitel da igrexa de Santa María de la Oliva en Villaviciosa.

8 commenti:

Anonimo ha detto...

Mándeo á prensa escrita, por favor. Ao Faro, ou á Voz. Quero velo en letras de molde, en papel.

Anonimo ha detto...

A inmensa maioría dos "actos" políticos cara a prensa son tan absurdos i endogámicos coma ese. Cós ciudadanos ocupando o lugar dos "asistentes".

Anonimo ha detto...

Boto en falta o dato máis importante: que tal estaba o ágape final?

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Moitas gracias. O ágape final non mereceu a tortura previa. Os pintxos do Molino estanse a facer rutinarios. O acompañamento era interesante, pero me abandonou varias veces para pedir esmolas. Non hai que esquecer que a acumulación de coches oficiais propiciaba o feiramen.

Nuca ha detto...

aproveitaría os pinchos para enterarse dalgunha maldade non?

Anonimo ha detto...

Os amos da festa: supoño que ir co aparato en ristre mete respecto, ou unha tácita hipótese de te ver fodido; se me perdoan.

Reciba a miña comprensión, debeu ser penoso.

Anonimo ha detto...

Os pintxos, como a nostalxia, xa non son o que eran.

Anonimo ha detto...

Unha maldade? Moitas, pero, entre elas, o cabreo xeral pola chegada da ministra sen avisar. E o alcalde (e séquito) tivo que elixir e, claro, elixiu ave.
Pero eso non é nada comparado cun tipo que declarou en voz alta que tiña as "poyatas impolutas" (sic).