A explicación máis repetida para a crise financeira é a da avaricia. O home, condenado desde o edén a traballar por soberbio (ou sexa, por non facer caso), ten unha tendencia innata non só á obtención de riquezas senón a aumentalas de xeito indefinido. Esta suposta eiva moral primixenia determina case todos os seus actos, de tal maneira que a conducta humana, mutatis mutandis, é sempre pecaminosa. O capitalismo, neste sentido, non é máis que o desenrolo sofisticado desta pulsión primaria, polo que falar de exceso de avaricia (como se houbera un déficit ou un cash flow das distintas avaricias) resulta un pleonasmo. E polo tanto cifrar nese pecado orixinal o cerne da crise deriva en cinismo e en certa xustificación da fenda.
No sistema capitalista, a denostada especulación é un fenómeno natural. O sistema crediticio ou a aparición de persoas sentadas en bancos (aínda poden verse en Xénova ou en Siena eses mesmos asentos baixo as loggie, lonxas) que emprestan os seus cartos forma parte inherente do mundo mercantil. Desde sempre, os negocios contan co factor tempo como desencadeante da actividade. O tempo está presente nas hipotecas, nos empréstimos, nos réditos, nos pagaréis (en futuro): ao cabo, a (con)fianza constitúe a clave do desenrolo capitalista. Estes métodos de aprazar o pago e o cobro permiten a creación de numerosos mecanismos, máis ou menos complexos (como o nacemento de infinitos intermediarios ou a multiplicación de niveles de empréstimo), de organización da actividade comercial. Todo, en definitiva, basado na utilización do Tempo, esa figura encarnada por un vello cunha clepsidra e unha gadaña, como elemento de contabilidade financeira.
Desde este punto de vista, non cabe falar de avaricia, senón de aproveitamento ao máximo das virtualidades do sistema, de estiramento ad infinitum (cos riscos correspondientes) da confianza entre as partes, co tempo coma única referencia. Coma nunha pequenísima transacción na que o tempo da fianza remata, a debacle nesas magnitudes resulta perfectamente explicable.
10 commenti:
Excelente, extraordinario post. Sen as cinco derradeiras liñas, absolutamente perfecto.
Non crea que me sentín moi satisfeito do remate: ao mellor o refago. Creo que non se entende ben que, se falla algo, é porque o propio sistema contén os seus defectos.
Xa as retirou. Perfecto!
Até esta de agora un tendía a considerar que as crises bursátiles eran en efecto reaxustes sistémicos cunha funcionalidade clara: mover o tronco para producir a caída das follas menos firmes e así revitalizar as máis fortes, predispostas a nutrirse da seiva liberada. Os mercados atraen aforros das clases medias e medias altas e a iso segue adoito un período de reaxuste no que sempre perden os mesmos: aqueles que confiaron na bonanza e nunha estabilidade ficticia. Doutra banda, a economía neoliberal promove a idea posibilista dun consumo permanentemente ao límite e dun endebedamento máis que temerario nas clases traballadoras a fin de rentabilizar ao máximo esa marxe estreitísima que vai da subsistencia ao afogo das economías familiares. Codicia? Sen dúbida, pero non no sentido moral, senón estritamente na lóxica do capital. A teorización do shock por Naomi Klein presupón tamén mecanismos sistémicos do capitalismo para forzar situacións límite sobre as que proxectar solucións de urxencia que conteñen sempre reducións de liberdades e de dereitos laborais. Porén, a caída de bancos e aseguradoras de dimensións colosais nestas semanas leva a pensar que hai elementos novos na dinámica histórica das crises do capitalismo. A crise das hipotecas, acentuada e en boa medida inducida pola aceleración brutal nos prezos da enerxía, ten conexións evidentes coa crise ou crack medio-ambiental e coa inseguridade sobre as reservas e prezos de alimentos básicos. Todo converxe para min nunha cuestión: o famoso cume da dispoñibilidade enerxética do petróleo e a vertixe perante a insuficiencia das alternativas reais para manter a maquinaria do capital.
Alegra pensar que un escribe un post para recibir tales comentarios. A ortodoxia neoliberal debería poñer moitas pegas a este xénero de solucións dólar ex machina. Deberían solicitar, en efecto, que o meneo da arbre sexa contundente e que as follas caian dunha vez, non por avaros, senón por torpes. Aínda están a tempo.
Cuyamente!
Estupendo post e comentarios seguintes
Nesa (id)entidade que fas entre ou con capitalismo/avaricia/Tempo coido que falta outro concepto: crise. Quero dicir que a crise non é nin consecuencia nin causa de nada, é o estado natural do sistema, sempre ao límite. Porque eu non acabo de entender por qué a crise é cando se venden un 41% menos de coches e non cando se vende esa porcentaxe a maiores: no capitalismo tan (a)normal é unha situación como a outra.
Engada a miña felicitación, redundante e idempotente despóis da de Apicultor.
Os defensores do sistema do libre mercado (eu veño sendo un deles)tenden a pensar que o sistema funcina na práctica como na teoría. Pero todos os modelos de sistemas reáis, teñen un "réximen" de aplicación práctica, un tramo de comportamento "ideal" e unhos valores críticos de certos parámetros nos que comportamento do sistema pasa a ser "caótico". Os modelos sólo son útiles cando se coñece o rango práctico de aplicación. Fora de ese rango, habitualmente hai que cambiar de modelo.
Personalmente, nunca tuven claro que as bondades do sistema foran igual de válidas prá chamada "economía real" que prás finanzas.
Problema=Oportunidade. Os estudiosos do tema teñen material empírico de primeira man pra mellorar os seus modelos.
Moitas gracias. Hoxe un artigo dun catedrático de economía, famoso noutrora, volveu lembrar o da avaricia. Eu xa me pregunto pola calidade do ensino.
Posta un commento