Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 settembre 2008

XANTAR FAMILIAR


Non contaba con xantar o sábado nun dos restaurantes máis coñecidos da Coruña. Ubicado nun lugar marabilloso, con vistas á ría e á praia de santa Cristina, o local ofrece ao visitante unha atención exquisita ao tempo que familiar. Optamos polo menú degustación All Together, tamén chamado para abreviar o Dous, que tenta superar a fastidiosa moda de ir presentando en pautas de minutos as distintas viandas. Neste caso, o chef prefire colocar os distintos pratos nun só para que o propio comensal decida o ritmo e a cadencia da degustación. Constitúen esta marabilla unha lámina de vitela au point sobre ferri de oliva cun lixeiro arrecendo a xoubas (o célebre pepito da casa), un ovo étoilé avec des puntilles languides, un par de bolas de ensaladilla á moscovita e un leito de pommes de terre en xuliana amoreadas á moda de Eirís. Un Faustino VIII de profundo veludo e un puding-flan della casa acompañaron a excelente pitanza. Un café sobranceiro, difícil de paladear por estes pagos, rematou o ágape. 
Sen dúbida, o restaurante do CHU da Coruña (aka Canalejo) cumpre con creces as expectativas: mágoa que haxa que pasar un pequeno mal trago para probar das súas delicias. 

6 commenti:

Anonimo ha detto...

Esqueceu dicir que as bolas de ensaladilla eran de tamaño moi familiar. Menos mal que aquí estou eu, afamado gourmet.

Anonimo ha detto...

Si si, facíanse moi familiares.

R.R. ha detto...

Oxalá o motivo para jalar alí estea superado. E ó Faustino VIII... ¿non lle sobrará un palito? ¿Ou tan malo era o viño?

Anonimo ha detto...

Eralle Fautino IV, pero xa sabe...

Anonimo ha detto...

Para min que ao afamado crítico culinario, despois da inxesta, se lle movían algo os palitos.

R.R. ha detto...

Carallo, por aquí temos telepaciencia...