O viaxeiro que visita Venezia recorre os lugares marcados pola tradición e pauta no tempo que vai pasar naquela cidade os sitios que pretende ver. Nese percorrido comprobo que hai un lugar pouco transitado, increíblemente esquecido pola inxusta xerarquía do mercado turístico: a Scuola Grande di san Rocco. Son consciente de que Venezia é inabarcable mesmo se vives alí toda unha vida, pero parece estraño que entre os principais lugares de visita non se atope esta marabilla das marabillas. Á marxe da devoción que un poda sentir por Tintoretto, as dúas salas que compoñen esa casa supostamente de beneficiencia pero prodixio de luxo e esplendor magníficos merecen un posto preferente na contemplación de Venezia. Tomen nota (é algo caro: uns 8 euros, pero eu entrei gratis na súa festa principal o 16 de agosto) por se toman a sabia elección de vivir, aínda que sexa unhas horas, na cidade máis fermosa do mundo.
Proben mirar o tour virtual da súa páxina web. Lembrei este lugar ao ver hai pouco Everyone says I love you, cuxa protagonista, representada por Julia Roberts, era unha estudiosa da obra de Tintoretto e visitaba con Allen a sala de arriba. Curioso resulta que proporcionen uns espellos para vermos os teitos e evitarmos así unha dislocación vertebral.
1 commento:
Arume, tiven que conterme para non intervir na entrada anterior, pero nesta...e que non podo. Vaia contraste entre o Gaiás e a cidade do Corto Maltés e de Tadzio... Dame un ataque stendhaliano só de pensalo. Recordarei a Christopher Walken en The confort of strangers para recordar que algúns monstros habitan nos paraísos...pero na realidade é envexa de non poder estar alí. Saúdos
Posta un commento